CulturaNovas

Dez anos de música e unha última xira: A banda da Loba anuncia a súa despedida

Foto: Sonia García @xoubacromatica

Este luns, 16 de novembro, publícase nas redes sociais de A banda da Loba o adianto co que anuncian a súa próxima e derradeira andaina. Baixo o título “O último asalto” as Lobas celebrarán o seu décimo aniversario ao tempo que se despiden do seu público.

O adianto serve como pistoletazo de saída da publicación dunha serie de vídeos de temas emblemáticos da banda interpretados en directo nun set escenográfico deseñado para esta ocasión. Nesta peza audiovisual vemos como as bandoleiras asaltan o pazo como símbolo de resistencia, convertíndoo no fogar no que recibir a todas as que, dun xeito ou outro, formaron parte durante esta década da súa manda. Nos vídeos, que se publicarán nos próximos meses na súa canle de Youtube, irán sucedéndose as colaboracións de diferentes artistas vencelladas á banda durante este tempo. Así, poñen a súa pincelada de cor nestas novas versións dos 6 temas escollidos de entre toda a súa discografía, ao tempo que comparten con elas este momento tan importante na historia da banda. O primeiro destes vídeos publicarase o día 18 de novembro ás 21.00, na canle de Youtube de A banda da Loba.

Xira de despedida

En clara alusión a Pepa a Loba, a bandoleira do século XIX da que toman o seu nome, “O último asalto” é o nome escollido polas Lobas para a súa derradeira xira de concertos que farán man a man xunto coa produtora Culturactiva.

No 2017 comezaba a andaina destas cinco mulleres coa publicación do seu primeiro CD “Bailando as rúas”. Neste 2027 faranse 10 anos da mesma e por iso están preparadas para celebrar por todo o alto o seu décimo aniversario. Durante esta década, a banda foi atesourando proxectos e traballos discográficos: Fábrica de luz (2019), o EP Hasme oír (con versos de Xela Arias) (2020), Xabón Lagarta (2022) e Lovismo (2025). Neles abordaron moitos dos temas que as preocupan dende unha perspectiva feminista e asentada no coidado da lingua e na posta en valor da literatura galega, con especial atención ás escritoras contemporáneas. Nos seus temas e concertos fálase de memoria histórica, de ecoloxismo, diversidade, lingua, identidade, estereotipos de xénero e de mulleres que, xa sexan coñecidas ou anónimas, son referentes para elas. Como novidade, cabe destacar a volta de Inés aos palcos, polo que nos concertos poderemos escoitar unha banda renovada, coas seis músicas traendo ao presente estos temas máis característicos de toda a súa discografía.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.