A CoruñaCulturaNovas

A danza toma as rúas da Coruña na novena edición do festival Quincegotas

Imaxe do Quincegotas 2023 celebrado no Castelo de San Antón.

Hai corpos que precisan dun escenario. E hai outros capaces de converter en escenario calquera lugar que habitan. Unha escalinata, unha praza, un parque; o cemento, a pedra, a arquitectura e mesmo o tránsito cotián dunha cidade poden transformarse cando irrompe neles a danza.

Con esa vocación de sacar a creación contemporánea dos espazos convencionais e levala ao encontro directo coa cidadanía, Quincegotas, Festival de Danza na Rúa da Coruña, patrocinado polo Concello da Coruña, celebra a súa novena edición do venres 9 ao domingo 11 de outubro. Tres días nos que diferentes puntos da cidade volverán converterse en espazos para mirar —e vivir— A Coruña a través do corpo e do movemento.

A edición de 2026 reúne catorce propostas artísticas que percorren linguaxes, xeracións e maneiras moi diferentes de entender a danza contemporánea. Desde a creación emerxente ata compañías e intérpretes cunha traxectoria consolidada, Quincegotas propón unha programación na que caben o xogo, a identidade, a memoria, as relacións sociais, a natureza, o caos, a resistencia ou a necesidade de reconstruírse.

Programación

A programación comezará o venres 9 de outubro ás 18.00 horas na escalinata da Domus, un dos escenarios xa vinculados á identidade visual de Quincegotas. Abrirán esta novena edición o CDAN Lugo, con SOMA, unha peza na que once alumnas exploran o corpo como materia e instinto; e o Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña, que presentará Diferencial, unha reflexión sobre a convivencia entre o individual e o colectivo.

Completarán a xornada Riart Company, con Derivé, unha exploración das ataduras sociais e das fraxilidades que se agochan tras os personaxes que construímos; e Héctor Plaza e Kiko López, con Lo que los árboles no cuentan, unha peza creada para o espazo público que establece un diálogo poético entre a vida humana e a das árbores.

A mañá do sábado 10 de outubro estará reservada a Quincegotas Emerxente, que levará á Cúpula do Parque de Eirís, ás 12.30 horas, catro novas propostas. Participarán Myriam González con Tánguela, unha exploración do corpo entre o caos e o control; Alicia López con A vergonza era verde e comeuna a vaca, arredor da loita contra as ataduras da vergonza; Samuel Galán con Threadscap, unha peregrinaxe física construída a partir das experiencias, aprendizaxes e feridas acumuladas; e Suevia Rojo con Pensar a contratiempo, unha mirada sobre aquilo que cambia e aquilo que permanece en nós co paso do tempo.

Pola tarde, Quincegotas trasladarase á Praza da Fábrica de Tabacos, onde a partir das 18.00 horas poderán verse outras tres propostas. SóLODOS presentará Mover Cenizas, de Maruxa Salas e Erick Jiménez, unha obra inspirada na pegada dos incendios que conecta as cicatrices da natureza devastada coas que as experiencias deixan sobre os propios corpos. Julia Laportlevará a escena Extender como si pudiera, na que danza urbana e música barroca dialogan para explorar os límites físicos e o desexo de expandilos. Finalmente, o Colectivo Dexeito presentará (En Blanco), un encontro entre dous corpos que cuestiona que sucede cando aquilo que considerabamos íntimo e propio comeza a ser habitado polo outro.

A novena edición de Quincegotas culminará o domingo 11 de outubro ás 18.00 horas na Praza de María Pita, levando a danza contemporánea a un dos espazos máis emblemáticos e recoñecibles da Coruña.

Alí, Meraki Cía reivindicará en Recreo algo tan elemental e revolucionario como as ganas de xogar; María Garzaráinpresentará Campo Abierto, un rito arredor do invisible e da celebración da vida; e Ángel Duran pechará a programación con Manifesto, unha peza para cinco corpos que recupera o espírito das subculturas e transforma o espazo público nun ritual colectivo de evasión, resistencia e rebeldía.

Será o punto final a tres días nos que Quincegotas volverá defender unha idea que forma parte da súa identidade desde o seu nacemento: que a danza contemporánea non precisa paredes para emocionar, interpelar ou sorprender. Ao sacar as pezas á rúa, o festival elimina distancias entre creación e público e permite que tamén quen nunca entrou nun teatro poida atoparse coa danza de maneira inesperada.

Durante tres xornadas, A Coruña deixará así de ser simplemente o lugar no que acontece Quincegotas para converterse nunha parte máis das pezas: a cidade como escenario, os corpos como linguaxe e a rúa como lugar de encontro.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.