CulturaGalicia

A Bolsa ensaia busca a nova traxectoria que recibirá 10.000 euros para medrar en Galicia

Ata o 8 de novembro está aberto o prazo para presentarse á sexta edición da Bolsa ensaia, unha achega de dez mil euros dirixida a persoas de entre 21 e 35 anos que estean a desenvolver unha traxectoria vinculada a Galicia, sexa cal sexa o seu oficio: pasaron pola bolsa un fotógrafo, unha poeta, un luthier, unha xestora cultural ou un debuxante de banda deseñada, entre outras persoas receptoras de máis oportunidades. O resultado coñecerase o 6 de febreiro.

Quen a concede é ‘ensaia‘, unha comunidade galega formada hoxe por máis de duascentas cincuenta persoas que doan sesenta euros ao ano. Sen subvencións detrás nin logotipos, a bolsa existe unicamente porque esas persoas —ás que alí chaman pingas— poñen cada ano unha cantidade pequena cun mesmo propósito, que a xente nova poida facer aquí a súa traxectoria. A frase que repiten resume como o entenden: pinga a pinga, somos choiva.

Empezou hai seis anos, cando un grupo reducido decidiu doar unha pequena cantidade anual e coas súas achegas xuntou a primeira bolsa. Desde entón repartíronse máis de sesenta mil euros e acompañáronse trinta e unha traxectorias. Non hai reserva nin colchón: o que entra cada ano é o que sae. Por iso, explican, prefiren pedir pouco e para sempre en vez de moito unha soa vez.

A cantidade entrégase íntegra e é a persoa que a recibe quen decide como a emprega. A bolsa nace da confianza nunha traxectoria, non do control dun proxecto. O proceso de presentación é moi sinxelo: abonda con cubrir uns datos e subir un só documento, sen formato obrigatorio.

«Non recibimos subvencións», explican desde o movemento. “Pensamos que é importante que sexa unha iniciativa que nace de pequenas doazóns de persoas, para lembrar o potencial que temos a cidadanía”. De aí que nunca buscasen un padriño único e prefiran medrar sumando xente. O horizonte que se marcan son mil doantes: “Soñamos con poder ser mil para multiplicar o noso impacto”.

Tampouco se trata, insisten, de premiar un expediente. “Queremos recuperar a cultura de xenerosidade”, resumen, e sitúan o obxectivo lonxe do curto prazo: “Traballamos cunha visión de longo prazo, buscando impactar positivamente na seguinte xeración”. O que perseguen é “evitar a fuga de talento ao mesmo tempo que valoramos o propio”.

Ese percorrido leva recollidos tres recoñecementos externos. En 2018 as Nacións Unidas sinalaron o proxecto como unha iniciativa para o cambio social; en 2024 a Universidade de Vigo premiouno como iniciativa de impacto social; e en 2026 a Xunta de Galicia declarouno entidade de utilidade pública, o que permite ás persoas doantes deducir parte da súa achega na declaración da renda.

A bolsa principal non é a única axuda. Cada edición inclúe tamén unha residencia creativa dun mes, con mil douscentos euros de estadía e outros seiscentos de bolsa, e dúas achegas de mil euros para producir unha obra ou montar unha mostra. Algunhas persoas finalistas reciben douscentos cincuenta euros por compartir o seu traballo coas demais durante dúas horas, e desa sesión adoita saír o que máis agradecen despois: coñecerse entre elas. Todas contan ademais con acompañamento, unha entrevista no podcast ‘As follas novas’ e unha reportaxe fotográfica.

Quen decide non é un despacho. O xurado fórmano seis persoas —Lia González, Brais Suárez, Antonio Facal, Laura Boor, Belén Varela e Javier Cebreiros— e un sétimo membro pouco habitual: a comunidade enteira de doantes, que vota entre as candidaturas finalistas. O resultado darase a coñecer o 6 de febreiro nun acto presencial, a ‘Gala ensaia’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.