Galicreques traerá a Santiago compañías e artistas de nove países do 10 ao 18 de outubro

O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como o Concello de Santiago, AGADIC, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte a través do Inaem e a Fundación SGAE, traerá a Santiago compañías e artistas procedentes de nove países durante a súa 31ª edición, que se celebrará entre o 10 e o 18 de outubro. O cartel inclúe unhas cincuenta funcións que correrán a cargo de compañías procedentes de España, Chile, Uruguai, Italia, Brasil, Arxentina, Colombia, El Salvador e India.
Na presentación participaron a concelleira de Capital Cultural de Compostela, Míriam Louzao, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director de Galicreques, Jorge Rey.
Míriam Louzao parabenizou ao director do festival por manter durante máis de tres décadas un festival de “gran calidade artística” que “demostra que a creatividade, o humor e o fío dunha historia ben contada é quen de manter a crianzas e a persoas adultas pegadas a unha butaca”. Tamén puxo en valor a dimensión internacional “que nos permite estar ao día do que se está facendo noutros lugares do mundo”, así como “o arraigo do teatro de marionetas no noso país tanto entre o público como entre compañías”. Tamén fixo unha referencia ao programa escolar do festival indicando que “é unha forma de achegar novas propostas á escola contribuíndo a fomentar afección ao teatro desde idades temperás”.
Jacobo Sutil salientou a consolidación de Galicreques como unha cita de referencia para o teatro de monicreques, capaz de conectar a creación galega con compañías e profesionais de distintos países. O representante da Consellería de Cultura e Lingua tamén destacou que o apoio ao festival se enmarca na liña de axudas da Xunta de Galicia para festivais profesionais de artes escénicas, que en 2026 distribúe 290.000 euros entre 13 citas especializadas en teatro, monicreques, circo, danza, improvisación e monólogos.
Na súa intervención, Jorge Rey fixo fincapé no cartel internacional do Festival Galicreques, no que destaca a participación de Dadi Pudumjee, titiriteiro da India que é presidente de honra de UNIMA internacional. Este prestixioso mestre ofrecerá unha clase maxistral o domingo 18 de outubro, día en que tamén recibirá o Premio Galicreques 2026. Non será a única actividade formativa de carácter internacional que ofreza este ano o festival, xa que como indicou Rey na súa intervención a compañía italiana Zaches Teatro impartirá o curso L’arte della maschera (A arte da máscara) os días 15 e 16, en horario de 10 a 14 horas.
A presenza internacional neste 31º Festival Galicreques complétase coas compañías procedentes de Chile (Vagabundo Títeres), Uruguai (Coriolis), El Salvador (Oncelot Teatro), Arxentina (Tïteres en vuelo, Manu Mansilla, Los Pompas e El Telón), Colombia (Libélula e La Pepa del Mamoncillo) e Brasil (Habib&Valeria). As compañías españolas que participan no Galicreques son Teatro Arbolé (Aragón), Zorro Gallego (Asturias) La Gotera de la Azotea (Andalucía), La Tartana (Madrid), La Estrella (Valencia) e La Carreta (Valencia).
Presenza galega e estrea
O Festival Galicreques contará no seu cartel cos espectáculos de seis nomes destacados do teatro galego de monicreques e obxectos. Espaguetti Títeres representará O gato e os ratos, mentres que Mircromina ofrecerá a súa peza Cocinillas e Teatro Escena actuará coa súa obra Brancaneves e os 7. Pola súa banda Uxía Algarra porá en escena Gracias por su visita e Títeres Alakrán presentará a súa versión de A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques en galego da obra homónima de Valle-Inclán.
Marcos PTT representará o 17 de outubro no Salón Teatro ás 19.00 horas Vila, unha investigación escénica arredor dos lugares que habitamos e das historias que se agochan detrás deles. A cidade como escenario convértese nun lugar que pode ser desmontado, ampliado, transformado e reconstruído para descubrir aquilo que normalmente permanece invisible. A obra preséntase como unha reflexión sobre como as sociedades humanas se relacionan, constrúen e destrúen tanto o territorio coma aos seus habitantes.
O cartel deste Galicreques conta con funcións escolares e a programación descentralizarase para achegarse ao público dos diferentes barrios da cidade. Así, o cartel desenvolverase nun total de 16 recintos. Os principais centros neurálxicos serán a xa tradicional Carpa que Galicreques instala na Alameda cada ano e o Teatro Principal. O festival ademais programará funcións en nove centros socioculturais (Conxo, Santa Marta, Fontiñas, Vite, Castiñeiriño, O Ensanche, Amio, A Gracia, Figueiras e Laraño). A Casa do Taberneiro, a Reixa Tenda e a Fundación SGAE completan a relación de escenarios deste 2026.
Premio Galicreques
Este ano, o Festival Galicreques ten a honra de conceder o seu premio a Dadi Pudumjee (Pune, India, 1951), unha figura esencial do teatro de monicreques contemporáneo e un dos seus grandes embaixadores internacionais. Desde que iniciou a súa traxectoria profesional nos anos setenta, traballou para ampliar as fronteiras da linguaxe dos monicreques, achegándoa á danza, á música, ás sombras, aos obxectos e ao movemento.
Fundador de Sutradhar Puppet Theatre e Ishara Puppet Theatre, creou en 2001 o Ishara International Puppet Festival. O seu compromiso coa arte dos monicreques transcende o escenario: foi presidente de UNIMA Internacional entre 2008 e 2021 e é hoxe Presidente de Honra da organización. Galardoado co Sangeet Natak Akademi Award e o Padma Shri, Pudumjee construíu unha traxectoria dedicada a tender pontes entre culturas, xeracións e tradicións, deixando unha fonda pegada no teatro de monicreques mundial.