O festival Maré programa máis de 30 concertos con artistas de 16 países do 23 ao 27 de setembro

Cinco días de concertos, encontros e experiencias sementadas polos espazos máis emblemáticos de Compostela. Esta é a proposta do festival Maré, símbolo de resistencia fronte a un panorama musical dominado polos grandes recintos que aglutinan a programación nun único espazo masificado. Do 23 ao 27 de setembro o festival esténtedese por prazas, salas de concertos, teatros e centros socioculturais co triple propósito de integrar a programación ao ritmo da cidade, facer da cultura un dereito accesible e crear comunidade.
Maré é un festival global e diverso: con máis de 30 espectáculos, 4 de produción propia, 8 inéditos en Galicia e 1 estrea absoluta. Todos eles espallados por máis de 9 localizacións pensadas para realzar a proposta artística e fomentar a conexión co público. O Teatro Principal, a Sala Capitol, o Auditorio de Galicia, a Praza de Mazarelos, a Sala Riquela, o Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, a Casa das Crechas, a Casa das Máquinas e a Igrexa da Universidade, entre outros pendentes por confirmar, son os espazos nos que se desenvolverán as actividades do festival.
Coa participación de artistas de máis de 16 países e representación de 12 linguas diferentes, no Maré conflúen os proxectos de raíz que cruzan fronteiras, xéneros e linguas nun diálogo aberto coa lusofonía, a diáspora cubana, África ou Asia.
O arranque oficial será o mércores 23 de setembro co concerto inaugural de Magalí Sare xunto ao coro de cámara compostelán Vox Stellae no Teatro Principal, unha colaboración única para presentar o novo disco de Magalí“Descasada, vol. 1”, e continuará co concerto do grupo colombiano de rock alternativo Aterciopelados, na Sala Capitol.
No Teatro Principal, terán lugar os concertos de Haydée Milanés e Javier Colina, co seu proxecto conxunto “A mi manera”, no que reinterpretan grandes cancións da música cubana; a presentación do novo disco de Marcos Coll, “Ronsel”; e o paso de Ala.ni por Galicia, cantante británica que deleitará co seu jazz intimista.
Doutra banda, a Sala Capitol acollerá os concertos da brasileira Bia Ferreira co seu aclamado álbum “Améfrica”, á que Zeltia Irevire lle abrirá o paso co seu tribal folk; do músico sirio Omar Souleyman co seu magnético dabke electrónico; e os espectáculos de produción exclusiva para o festival “Cuba canta en Maré”, unha celebración á música cubana e a súa diáspora en Galicia e “De Zemambiquo a Zigala”, na que Cheny Wa Gune e A Pedreira renderán unha enérxica e salvaxe homenaxe a Narf como peche da sétima edición do festival.
No Riquela, soarán o groove e o batuque da man de Arapucagongon e a música popular brasileira con Josyara. Así mesmo, A Casa das Crechas será punto de encontro do jazz con David Regueiro Trío feat. Thomas Kretzschmar ou Sumrrá.
As propostas máis íntimas terán lugar na Igrexa da Universidade, como no caso da música de raíz de Faia; a presentación do novo disco dos inclasificables Trilitrate; do jazz dos irmáns franceses Camille & Matthieu Saglio; e o concerto de produción propia “O Bosque Negro”, con Alejando Vargas e Gino Sitson, que nos transporta ao concepto dunha misa negra entre África e Cuba. Sen esquecer a presentación do novo disco do músico portugués, António Zambujo, “Oraçao ao tempo”, no Auditorio de Galicia.
Programación gratuíta
O Maré defende a cultura como dereito, por iso ofrece numerosas actividades gratuítas como o Maré Miúdo, a Marexada Percuta, os Versos na Maré, o mercado de artesanía, obradoiros ou programación musical. É o caso dos concertos no CSC Maruxa e Coralia, no que desfrutar do folk de autor de Las nietas del Charli, do jazz experimental de Gloria Pavía e Rafa Morales ou do flamenco de María Marín; dos concertos da Praza de Mazarelos, coa reinterpretación da música tradicional galega de Lideira, a cántabra de Casapalma, a escocesa deShooglegigs, a portuguesa de Expresso Transatlântico, o electro afro de Indus, o afro rock de Jupiter & Okwess e a electrónica de Djiiva DJ Set; e das sesión DJ na Casa das Crechas polas noites con Martín Bruhn, Daasanach, DJ Mil ou Péter Sélek.
O festival, producido por Nordesía, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.
A programación completa e a venda de entradas pode consultarse na web oficial do festival mare.gal

