Escuchando Elefantes: “Grazas á música coñecemos a seres humanos dunha calidade brutal”
Por Sandra Rego

Escuchando Elefantes son Silvia Rábade e Carlos Tajes. Xuntámonos con eles na coruñesa cafetería Conuco coa ocasión do lanzamento do seu primeiro tema orixinal en galego Arder, feito en reivindicación aos incendios que asolan cada ano a nosa terra. O dúo leva vinte anos de percorrido con catro discos ás súas costas, cantando en múltiples escenarios, dende as rúas ata festivais. A conversa con ambos percorre distintas cidades, situacións e momentos máis persoais, cunha extensión que estas páxinas non poden recoller pero que, agardo, o seu espírito se transmita o máis fielmente posible.
Faládeme sobre Arder. Xa non vos poden dicir o de que “por que sempre cantades en inglés”...
Silvia: De feito, iso de que sempre cantabamos en inglés, sacar un disco en castelán e agora cantar en galego foi moi orgánico. Non o pensamos como estratexia de márketing. O gracioso de toda esta historia é que a pregunta adoitaba ser: “Tedes algo en español?”. E nós, coa retranca galega que temos, sempre lles facíamos “Adeus ríos” estiveramos onde estiveramos. A xente non se quedaba moi a gusto, pero polo menos non era en inglés. Despois diso decidimos sacala como sinxelo.
O ano pasado paramos facer un vídeo improvisado. Atopamos un monte totalmente queimado e quedamos medio paralizados. Fixemos un vídeo desa canción en medio de toda a devastación e foi collendo forma o que vén sendo Arder.
Como foi o de gravar co corpo de bombeiros da Coruña no videoclip?
Carlos: Queriamos facelo en diferentes localizacións. Unha delas ía a ser o parque de bombeiros, con algún bombeiro pola parte de atrás. Como fallou unha actriz, contamos coa persoa que estaba organizando a visita.
Silvia: Alberto, a dozura máis grande deste videoclip. O día que o coñecemos, prestouse voluntario porque lle facía ilusión xa que se xubila o ano que vén.
O voso penúltimo tema, Bandeiras, tamén ten unha mensaxe reivindicativa. Estaba planeado ou foi xurdindo?
Carlos: Ao compoñer saen soas as cousas.
Silvia: Ás veces, cando ves que son moi reivindicativas, pensas se sacalas para non parecer oportunista.
Opúxenme moito a cantala ao principio pero, falando cunha amiga, contoume que a súa filla tiña problemas cun TDA. Xusto estabamos coa gravación de Bandeiras e estaba dubidando se metela no disco.
Recordo que cheguei o estudo e díxenlle a Carlos que a engadiamos. Nese momento dinme de conta do impacto que podía ter algo que fago, máis que o medo a parecer que nos estamos aproveitando de algo.
É unha temática que non está demasiado explorada na música. Parece que cantar a palabra gorda é un tabú e non ten nada de malo. Que me chamen gorda non é o problema, senón a intención que hai detrás desa palabra. O tema é o dano que podemos facer cunha palabra mal intencionada.
Ao final si: neste tema reivindicamos os corpos e no último (Arder) reivindicamos a nosa natureza e intentamos evitar a súa destrución.
Que destacariades destes vinte anos de traxectoria?
Carlos: A conexión que facemos coa xente. Compoñer as cancións tamén é unha parte favorita do que facemos. E ver os resultados dos videoclips.
Silvia: Para min a mellor parte son os concertos. Forxamos relacións cos fans. Temos xente de hai moitísimos anos coa que seguimos coincidindo. E vou a engadir tamén a xente que coñecemos polo camiño, como Touri(ñán) ou María (Vázquez), que saen no último videoclip.
Se non dás pé a coñecer ao teu público, queda nunha relación de “eu son o que fai a música e ti escóitala”. Grazas á música coñecemos a seres humanos dunha calidade brutal.
De que serve facer cancións que cambian a xente se logo non os escoitas?

Onde vos sentides máis a gusto tocando?
Carlos: Dá un pouco igual, ao final ten que ver co público ou coa conexión que se crea.
Silvia: Depende de como estea o público ese día. Se agora fixeramos un tema aquí podería ser o mellor concerto que deamos en seis meses. Non é o espazo, senón a xente que está nel.
A experiencia será moi diferente nun festival ou nunha sala.
Carlos: Cambia o formato no que tocamos. Cando imos de festival temos que levar outras cousas e require un pouquiño de ensaio.
Silvia: A min gústame levar a batería grande.
Carlos: Temos tres formatos distintos: acústico, con batería pequena e o formato para festivais, con batería grande, eléctrica...
Silvia: Para poder levar a batería fixemos unha encartable que nos permite tocar en moitos sitios que non poderiamos. É unha parte imprescindible da banda. Eu recomendo a todas as mulleres probar a batería.
Tamén dirixides os videoclips. Como funciona o proceso creativo?
Carlos: Xa nos mandabamos un ao outro videoclips feitos por nós no Movie Maker con cancións doutra xente. O primeiro que fixemos foi saír cunha cámara e gravar.
Silvia: De feito o primeiro vídeo que puxemos en directo foi pegados a unha árbore e aínda está na canle: Let it shine Live from a tree
En Arder quixemos facer unha especie de Adeus Ríos mesturado con The Rain como símbolo de volta a nosa carreira. No primeiro era a primeira vez cantando en galego e no segundo a primeira vez que expuxemos un videoclip.
Carlos: Quero seguir facendo conexión con este tipo de videoclip en diferentes cancións.
Volvendo os espazos onde cantar, como é o de tocar na rúa con Bono de U2 e Glen Hansard?
Carlos: Fixémolo como seis veces. O primeiro ano estaba Bono pegado a min antes de saír a cantar xunto a tres gardacostas.
Silvia: O primeiro ano tivo algo de “hype” para nós, non só por Bono. Tamén somos moi fans de Glen Hansard e Damien Rice. Para nós foi moi especial tocar case o inicio da nosa carreira cos artistas dos nosos grupos favoritos. Chamámonos Escuchando elefantes por unha canción de Damien Rice.
Como sería o voso día perfecto na Coruña?
Silvia: Faría a miña rutina de forza, algo de ioga ou un paseo polo monte. Logo iría a un sitio que teñan un matcha ben feito; Conuco valería perfectamente. Gústame comezar o día escribindo. Despois iría a comer algún sitio que me apetecese, como o Kohlanta, e ao rematar faría calceta mirando ao mar. Gústame ter citas comigo mesma na cidade que coñezo.
Carlos: Eu traballaría na horta, comporía entre medias e faría unha pizza. Podería chamar a Silvia e tomar algo en “Os Arcos”.
Silvia: De feito gústanos moito pasear na zona vella. Pero Carlos tiraría para Camelle, que é de onde é.
E para rematar, xa que Pincha é unha revista gastronómica, gustaríame comentar un pouco outra das túas facetas, Silvia. Como aparece o proxecto de Silvia Fooding?
Silvia: A música é vital para min, pero se non comes, morres. Facer de comer son tres escusas ao día para ser creativa. O blog naceu en 2016. Eu sempre quixen facer un de receitas. Un día estiven cinco días ingresada no hospital e, como non podía traballar na música, comecei a sacarlle fotos ás bandexas da comida. Ese foi o primeiro post do blog.
Ultimamente, co tema de ser “influencer”, convídanme a moitos eventos onde coñezo a persoas que non coñecería doutra forma, polo que Silvia Fooding converteuse nun proxecto social co que saio fóra do estudo.
Ademais a cociña seméllase a outras cousas. Por exemplo, toco a batería e tamén uso unha batería de cociña, teño pratos e uso os pratos. Gústame ver as artes que se vinculan unhas con outras.
A música é un pouco parecida á comida. Escoitas un disco e lévate a unha viaxe sonora e sensorial que é moi parecida á que fas cun menú degustación ou tomando uns petiscos.
“Para nós foi moi especial tocar case o inicio da nosa carreira cos artistas dos nosos grupos favoritos, como Bono de U2, Glen Hansard e Damien Rice”

