CompostelaCulturaNovas

A creación contemporánea toma Santiago co Soundpainting Compostela e o Delas Fest

Santiago de Compostela está a piques de converterse, por segundo ano consecutivo, nun espazo de referencia para a creación multidisciplinar en tempo real coa celebración do II Encontro Internacional de Soundpainting Compostela, que se desenvolverá en distintos puntos da cidade entre o 7 e o 10 de xullo.

Durante catro días, artistas e participantes de distintas disciplinas compartirán experiencias arredor do soundpainting, unha linguaxe de signos que permite crear composicións colectivas en directo a través da interacción entre quen dirixe e quen interpreta. Esta ferramenta, desenvolvida polo compositor Walter Thompson e difundida internacionalmente desde hai décadas, continúa gañando presenza en ámbitos tan diversos como a música, a danza, o teatro, a performance ou as artes visuais.

O encontro arrancará cunha programación que combina formación e exhibición artística. As noites estarán reservadas para as actuacións abertas da man de Agora Guerrilla. Comezarán o 7 de xullo na Casa das Crechas, seguirán o 8 de xullo na Borriquita de Belém e o 9 de xullo no Café Camalea, sempre ás 21.00 horas. Serán encontros nos que artistas e participantes no Encontro experimentarán coa creación instantánea diante do público, convertendo cada actuación nun acontecemento irrepetible.

Os días 8, 9 e 10 de xullo, a Sede da SGAE acollerá os obradoiros gratuítos de iniciación ao soundpainting. Estes talleres, que esgotaron hai semanas as prazas dispoñibles, serán impartidos por Eric Chapelle, Johan Sabbe, Angélique Cormier e Xacobe Martínez Antelo, referentes internacionais desta linguaxe para a  creación en tempo real.

O peche do encontro terá lugar o 10 de xullo ás 19.00 horas na Casa das Máquinas, cun concerto da Orquestra Galega de Liberación, anfitrioa do proxecto e principal impulsora desta iniciativa en Galicia, acompañada das e dos artistas participantes nos obradoiros e de soundpainters convidados.

O II Encontro Internacional de Soundpainting Compostela reforza así a aposta por formatos innovadores que favorecen a participación, o diálogo entre disciplinas e a creación colectiva, consolidando a cidade como un espazo aberto á experimentación artística contemporánea.

VIII edición do Delas Fest

A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou a VIII Edición do Delas Fest, acompañada polo deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Penas; a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral; o técnico de Cultura de Negreira, Marcos Pérez e Clara R. Cordeiro de 7H Cooperativa Cultural.

Míriam Louzao subliñou que o Delas é unha referencia no circuíto estatal e o primeiro festival de Europa con perspectiva de xénero. “Fai mellor a Compostela, porque segue construíndo esa Compostela Capital Cultural da que nos sentimos orgullosas, unha Compostela acolledora, á que cada ano chegan artistas diferentes desde diversos lugares do mundo e traballan man a man coa veciñanza nas súas lembranzas, historias e memoria”, sinalou.

Na mesma liña, Xosé Penas reivindicou o espírito transformador deste programa, co foco na xustiza, a visibilización e a memoria histórica. Sandy Cebral, pola súa parte, expresou o orgullo do Concello de Brión por participar nestas oito edicións nunha iniciativa que lle “dá vida aos concellos e aos nosos muros”. Tamén Marcos Pérez transmitiu a ilusión do Concello de Negreira por incorporarse por segundo ano ao festival.

En nome da organización do festival, Clara Rodríguez Cordeiro animou a atoparse, escoitarse, compartir e tecer para crear e destacou que o programa ten moitas capas que demostran distintas maneiras de traballar no espazo público en colectivo: “non é so a obra artística, é todo o que nos leva ata ese punto final”.

Nesta oitava edición, o Delas Fest, Programa Feminista de arte urbana contextual, segue a tecer rede feminista de traballo, visibilización e reivindicación, aumentando a xenealoxía que se está a artellar arredor. Seguindo a liña da edición do 2025, ás xa tradicionais xuntanzas de anfitrioas súmanse as actividades de inmersión contextual para as artistas e as veciñas dos lugares onde se realizarán as intervencións.  Isto supón a proba da posta en valor do territorio e das persoas que nel habitan, poñendo o foco nos saberes, historias e vivencias das mulleres.

Un ano máis, todos os encontros terán carácter presencial, de forma que as artistas poderán mergullarse na realidade dos concellos que as acollen. Este traballo xa comezou en xuño onde a artista Nana puido achegarse ao CEIP de Pedrouzos para descubrir o traballo do seu alumnado e recoller as achegas das crianzas dos EEI de Sabaxáns e EEI Os Ánxeles. Agora é a quenda de Santiago de Compostela, onde se levarán a cabo distintas actividades ao longo desta semana.

Grazas a estas visitas e a un dossier contextual previamente preparado por 7h, as artistas logran que converxan os seus intereses actuais coa identidade local, dando lugar aos bosquexos que, tras ser presentados á veciñanza, formarán parte da súa vida cotiá. Unha edición máis, sostéñense os principios do Delas Fest: o respecto á liberdade creativa, o coidado de toda a equipa implicada no programa e do territorio, a reivindicación da igualdade de xénero e a visibilización das mulleres artistas.

Cita de referencia de arte urbana no circuíto estatal, o programa é posible grazas  á liña de subvencións da Deputación da Coruña, aos concellos de Santiago, Brión e Negreira e ao patrocinio de Montana Colors, Ibersa-El Mundo del Pintor, Alro Maquinaria e Gadis, así como á colaboración de Cafés Candelas e Daveiga-Galletas Mariñeiras.

Intervencións murais, roteiro e exposición

Este 2026, realizaranse catro intervencións murais, a cargo dos pinceis e sprais das artistas mexicanas Janín Nuz (San Luis Potosí, 1990), ilustradora e artista urbana, que levará a súa arte á rúa Cruz da Nogueira nº10; Yuda (Jalisco, 1998), muralista e artista en gran formato, que desenvolverá o seu traballo na rúa Suarribas nº61; e das galegas Nana (Santiago de Compostela, 1983), artista urbana, ilustradora e educadora artística, que pintará na piscina municipal de Brión e Isa Bermúdez (Hadamar, Alemaña, 2001) que compaxina a práctica e docencia artística, executará o seu bosquexo ao espazo que acolle a Unidade de Atención Temperá de Negreira. A intervencións murais terán lugar entre o 13 e 19 de xullo en Compostela, entre o 17 e o 23 de xullo en Brión e entre o 27 de xullo e 2 de agosto en Negreira.

Chegar aos muros é posible grazas á convocatoria de Muros en Man Común, aberta todo o ano para que a veciñanza destes concellos poidan candidatar as súas fachadas a este repositorio.

Os novos murais en Compostela uniranse aos 46 que xa están recollidos no programa Muralismo en Compostela, presentado recentemente e que se pode consultar na páxina web de Turismo de Santiago para poder ir visitando e coñecendo en profundidade todos estes traballos.

A comunidade segue a ser protagonista no Delas Fest a través das actividades de inmersión contextual. Entre o 8 e 9 de xullo, Janín e Yuda poderán coñecer, grazas á veciñanza implicada, a idiosincrasia do barrio de Conxo. Haberá un roteiro polo barrio da man de Marisa V. Garea, a visita á exposición Conxo un Concello de Seu, no CSC Aurelio Aguirre, un roteiro polos murais do barrio, a lectura de fragmentos da obra de Rosalía de Castro e Carmen V. Valiña no banquete de Conxo, un encontro de anfitrioas de todo o barrio de Conxo na Praza de Aurelio Aguirre e outro para as da área concreta dos murais en Suarribas.

En Brión, ás visitas e traballos escolares súmase o encontro de anfitrioas que terá lugar o 18 de xullo onde, nunha merenda, Nana amosará o bosquexo feito grazas ás pesquisas contextuais.

En Negreira, Isa Bermúdez mergullarase na intrahistoria do concello entre o 22 e o 23 de xullo, días nos que realizaremos un encontro de anfitrioas coas pandeireteiras locais, para escoitar e falar das coplas negreiresas, as lendas… ademais dun roteiro polo concello. Cada unha destas citas é importante pois poñen o punto de unión coa veciñanza, coa comunidade que convivirá e será parte imprescindible dos coidados de cada peza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.