Juan Perrisco: “A pintura elixiume tanto como eu a ela”
Por Inés Silvalde

Foi a principios do 2025 cando coñecín a Juan Perrisco na súa exposición ‘Flectoralia’, no Constante Liste da Ramallosa, Teo.
Fomos convocados para unha inauguración. Eu levaba preconcibida a idea de presentación. Tamén tiña curiosidade por ver como se dispoñerían as obras nun lugar dedicado a outros fins.
Adéntrome no espazo, semellaba un templo. A miña vista diríxese directamente ao altar, unha peza iluminada fronte á penumbra. Na nave, as pezas perfectamente dispostas. Liñas no chan facendo un percorrido que me indicaba que estaba asistindo a unha cerimonia.
Celebrábase algo solemne: arte.
O interese pola arte chega para Perrisco dende neno. Comeza a experimentar coas técnicas para formalizar con estudios de Belas Artes.
Fórmase tamén con artistas como Antonio López, Jim Dine ou Xelo de Tremiñá en escultura.
A través dos mestres ten presente o valor do oficio e a importancia da ferramenta da técnica como vehículo que fai posible que a idea chegue a materializarse. Pode ser que tamén para deixala a un lado.
No seu traballo, o artista busca un diálogo entre o figurativo e o abstracto. Texturas e formas que conversan co espectador na procura de expandir os limites da linguaxe visual e emocional. Rostros inquietantes pero amables que se somerxen en cores vibrantes. Formatos que albergan escenas cotiás con chiscos oníricos e delirantes, empregando técnicas diversas que se adaptan ás necesidades do proxecto. Do corpo ao urbano, podemos palpar a enerxía daquel artista que indaga e explora técnicas, materiais e formatos con paixón e persistencia.
Participa en diversas exposicións colectivas e individuais en todo o mundo, entre as que destaco a Bienal de Pintura do eixo Atlántico 2025-26, que farán mostras nos municipios pertencentes a esta franxa xeográfica de Galicia e norte de Portugal.
No eido da docencia e transmisión de saberes, dicir que durante este curso 25-26 imparte un curso de pintura no Centro Socio Cultural de Fontiñas, no que achega os seus coñecementos a aqueles que queiran explorar a súa vea artística sen a necesidade de ter experiencia previa.
Eu tamén puiden asistir a un dos cursos temáticos que imparte. Concretamente a un monográfico dedicado a Sorolla. Observei a un mestre próximo, consciente e xeneroso. Alguén con quen poder ir da man no camiño da creación e da aprendizaxe. Coñecedor de técnicas e anécdotas que fai que te adentres no mundo da pintura.
Podedes seguir a Juan Perrisco nas súas redes sociais, páxina web perrisco.com e blog. Neste último atoparedes entradas moi interesantes nas que, case a modo de diario, amosa a cara dun artista que se enfronta con honestidade á realidade dun lenzo en branco, ás emocións que circundan aos procesos de creación ou ao propio mercado da arte.
E remato cunha frase empregada polo protagonista desta gorida na que expresa, dunha forma sinxela, a transformación do cotiá en obxecto de contemplación a través da arte:
“Todo empezó con una manzana"



