CompostelaCulturaEntre MúsicasNovas

Xacobe Martínez, de Sumrrá: “Temos unha música moi poderosa entre mans, transformadora”

Por  Silvia Castiñeiras

Sumrrá acaba de presentar o seu oitavo disco ‘‘Revoluti8n’. Foto: Iván Barreiro
Sumrrá acaba de presentar o seu oitavo disco ‘‘Revoluti8n’. Foto: Iván Barreiro

Manuel Gutiérrez ao piano, Lar Legido na batería e Xacobe Martínez no contrabaixo reúnen  25 anos de reflexións nunha intensa viaxe a través da música, un percorrido que ten tanto de musical como de vital, ou quizais é que non se poden separar os dous camiños. Eles son os compoñentes de Sumrrá, un grupo de jazz xurdido en Galicia que foi quen de experimentar o poder transformador dos seus sons con públicos de todo o mundo, máis alá de calquera código cultural.

Para finalizar a celebración de tan sinalado aniversario, e con sete discos na súa traxectoria, remataron esta especial xira o 29 de novembro no Auditorio de Galicia, en Santiago,  como mellor saben, invocando unha nova revolución no universo que os rodea. O seu oitavo disco, ‘Revoluti8n’, convida a iniciar outro traxecto que ten moito de filosófico, psicolóxico e emocional.

Este concerto foi unha despedida dos 25 anos ou o comezo dunha nova etapa?

É algo intencionado, a idea é facer as dúas cousas. Estivemos todo ano repasando temas e pareceunos bonito, tras botar a vista atrás, acometer o futuro presentando novo disco. Estamos centrados no presente e no futuro, aínda que desfrutamos de volver atrás. Co disco levamos ocupados dous anos.

Toda unha declaración de intencións entón?

25 anos, 7 discos. ‘Revoluti8n’ é un título que vai moito co noso espírito salvaxe. Non queremos transitar camiños coñecidos, dámoslle unha volta a todo o que levamos feito. É unha evolución natural xurdida da confianza en nós mesmos, de ter a seguridade despois de todo este tempo de facer cousas que poderían dar vertixe.

E cal foi a vosa motivación?

Formalmente fixemos un esforzo en canto ao tipo de composicións e en como abordar a música. Esa foi a motivación principal. Despois, en canto ao concepto, intentamos canalizar o que sucede coa nosa música con públicos de todo o mundo, algo transformador. É complicado de explicar, pero falo de conceptos do día a día cos que facer unha revolución e mudar a realidade. Falo dunha reconexión coa natureza coa que poderíamos resolver un montón de cousas. E por último, outro compoñente é o da humanidade, tomamos conciencia de que a cooperación é máis poderosa que a competición. Somos un único magma, sen razas, sen relixións.

Son ata sete composicións que invocan estas revolucións. Un traballo filosófico e espiritual. Temos unha música moi poderosa entre mans. E a forma de traballar con este disco foi con moita madurez e atrevemento.

Cantas reflexións se poden facer a través da música, non?

É que nos cambiou a vida realmente. Como quen ten unha revelación relixiosa ou algo así, non sei (risas).  A conclusión é sempre que a música é moi poderosa. Compoñer sempre é imaxinar e transformar en música esas ideas.  Neste disco facemos fincapé  en revolucións máis internas, que teñen que ver coa filosofía, a emoción, é un disco menos científico e máis psicolóxico.

Que tal foi a presentación do novo traballo en directo?

Apostamos por unha posta en escena cun acompañamento distinto ao servizo da música. O que pretendiamos era acadar a capacidade de escoita profunda, non se trata dun artificio para despistar. Foi como quen vai a unha sesión de meditación colectiva. Unha viaxe por diferentes capítulos que chegan a un punto distinto a onde estabas.

Gravar o disco foi divertido e tiñamos moita gana de darlle vida a ese soporte porque o directo é o que dirixe a nosa carreira, estar co noso público.

Como identificades a ese público?

Este ano deu para moita reflexión. No Teatro Colón, na Coruña, por exemplo, puxemos ao público no centro e parecía como un club familiar cun grupo de persoas. Démonos conta que había moito público de Sumrrá que non chegara a coñecerse, que non coincidiron no tempo porque uns igual seguíronnos nunha época, outros noutra... Temos xente moi seguidora que cando comezamos tiñan dous anos. Para nós é o mellor público do mundo.

Non pensamos no público para darlle o que quere, enténdase ben, eh! O noso compromiso é facer o mellor que poidamos facer. Non é unha relación de fans. Por exemplo, na Casa das Crechas levamos máis de 200 domingos e hai xente que foi a máis de 150 concertos. O noso ten máis que ver con estar ao redor da maxia da música que de fanatismo ou admiración, no sentido de que todos somos parte dun mesmo ritual ao redor dela.

E falabamos ao principio de públicos de todo o mundo...

Si, temos xirado por todo o mundo e comprobamos que a nosa música funciona igual en calquera parte. A xente entra e conecta igual, a resposta é a mesma e para nós descubrir iso foi unha pasada, que non importen os códigos culturais, que o único que hai é a música, marabillosa e universal.

Falando do mundo, algún lugar especial onde actuarades?

A todos os sitios aos que chegas é unha satisfacción. Fomos a un festival a Bolivia fai 10 anos onde non nos coñecían e anos despois seguían a falar de nós. Senta ben cando xeras ese impacto, e non ten nada que ver co ego. Nós somos conscientes de todo o traxecto, traballamos moito.

Outro lugar que se me ocorre e que tamén foi impactante foi Sudráfrica, tamén unha xira que fixemos por China ou a primeira vez que fomos ao Brasil.

Lar Legido (batería), Manuel Gutiérrez (piano) e Xacobe Martínez (contrabaixo) na porta da Casa das Crechas, onde levan actuando máis de 200 domingos. Foto: Iván Barreiro
Lar Legido (batería), Manuel Gutiérrez (piano) e Xacobe Martínez (contrabaixo) na porta da Casa das Crechas, onde levan actuando máis de 200 domingos. Foto: Iván Barreiro

“O noso ten máis que ver con estar ao redor da maxia da música que de fanatismo ou admiración, no sentido de que todos somos parte dun mesmo ritual ao redor dela”

25 anos en catro palabras

Respecto

Sempre nos tivemos moito respecto en todos os sentidos. Valorar aos integrantes do proxecto e non incomodar a ninguén é fundamental.

Admiración

Falo por min agora. Admiro aos compañeiros de viaxe, dous músicos espectaculares, dúas forzas da natureza. Non te podes cansar nunca deles, e nisto tamén ten que ver moito ese respecto do que falabamos. Todo está relacionado.

Obstinación

O feito de estar en Galicia e que ninguén cre en ti ou espera algo de ti fai que teñas un punto un pouco punky, entón dis... podemos facer isto sen expectativas nin obxectivos, non hai presións. Digamos que tiñamos así un punto underground.... Un grupo de jazz en Galicia... Dános igual, imos facer o que queremos.

Fortuna

É certo que fomos afortunados por atoparnos, pero tamén listos por saber que valía a pena probar iso que tiñamos e desde aí foron 25 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.