O novo boca a boca é dixital (pero segue sendo boca a boca)
Por Cata Mosquera | Uxía Blanco de Lenzo Estudio
Hai cousas que non cambian, por moito que os tempos o fagan. Antes recomendabamos un restaurante tomando un café cun amigo; agora facémolo subindo unha historia a Instagram, contándoo nun Tiktok ou deixando unha mensaxe de voz no grupo. O boca a boca non morreu, simplemente mudou de escenario.
Hoxe, a confianza xa non se constrúe só co que unha marca di de si mesma, senón tamén co que a xente conta dela. Un vídeo improvisado dun cliente pode ter máis impacto que calquera campaña (tanto positiva como negativamente). Un comentario xenuíno, unha foto “ao natural”, unha crítica ben escrita ou un “enviado” dun carrusel poden facer que alguén decida probar un prato, visitar un local ou asistir a un concerto. Por iso, máis que obsesionarse con algoritmos e tendencias moi pasaxeiras, como sempre dicimos, primeiro hai que centrarse en crear experiencias que merezan ser contadas. Cando o que fas é memorable —tes un sabor propio, dás un agasallo sinxelo pero moi ben pensado, dás un trato excelente ou espertas emoción a través do teu concepto—, a comunicación facilítase moito.
Tamén é clave algo a priori evidente pero que moitas veces esquecemos: escoitar. Responder a todas ás mensaxes nun tempo razoable, agradecer as mencións, compartir o contido que crea a túa comunidade. Esa conversa constante forma parte do marketing do teu negocio, a xestión da túa comunidade pasa a ter un foco central: máis horizontal, máis real e moito máis humano.
E agora, por onde empezo? Deixámosche pequenas ideas para potenciar este “boca a boca dixital”:
Dálle á xente algo bonito que contar: unha historia, un detalle orixinal no que de primeiras no te fixarías, un sabor por tempo limitado…
Crea contido que aporte valor real: detalles que a xente queira gardar para ver despois ou para enviar aos seus amigos e familiares.
Non teñas medo de pedir opinións: pregúntalle á túa comunidade que pensa e fai crítica construtiva.
Comparte contido xerado polos teus clientes se podes (e agradéceo sempre, eles non teñen a obriga de facelo).
E recorda, o mellor “influencer” é quen fala de ti porque lle saíu do corazón, cóidao
