A Coruña converterase nun escaparate internacional das novas linguaxes do cinema co festival Intersección 2025
Con máis de 100 filmes de 17 países, Intersección 2025 converterá A Coruña nun escaparate internacional das novas linguaxes do cinema. O festival trae 17 filmes inéditos en España, incluíndo 7 estreas mundiais que o público descubrirá por primeira vez na cidade.
A programación destaca pola pluralidade de enfoques e polo peso das cineastas, que asinan un 57% das obras seleccionadas. Desde Finlandia ata Filipinas, pasando por Brasil, Austria, Francia ou Turquía, as películas que chegan este outono á Coruña ofrecen unha oportunidade única para descubrir miradas e sensibilidades que dificilmente atoparán espazo noutros circuítos. A programación de Intersección 2025, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro, desenvolverase en espazos clave da cidade como Cantones Cines, Filmoteca de Galicia, Fundación Luis Seoane e Palexco.
O programa foi presentado en rolda de prensa polo director do festival, Gonzalo E. Veloso, que ademais de polo concelleirode Cultura e Turismo da Coruña, Gonzalo Castro, estivo acompañado de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais, e de Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña. Na intervención, destacouse que “Intersección converteuse nun espazo onde a creación galega dialoga cos nomes máis destacados do cinema internacional, atraendo á Coruña non só novas películas, senón tamén novos públicos e profesionais que reforzan o lugar da cidade no mapa cultural europeo”.
Internacional, Galicia e Fulgor, as seccións competitivas de Intersección, ofrecen ao público da Coruña obras que marcan o pulso das tendencias actuais do cinema contemporáneo tanto internacional como galego. É unha oportunidade de vivir o cinema dunha maneira diferente, descubrindo películas que dificilmente atoparán lugar nas plataformas ou nos circuítos comerciais.
A Sección Internacional ofrece unha viaxe polas grandes preguntas do presente a través de linguaxes radicais e inesperadas. Un mosaico de obras que cuestionan a nosa relación coa política, a tecnoloxía e a identidade que inclúen chamativos filmes rodados en formato de videoxogos -World at Stake (Total Refusal, Austria)-, retratos da desigualdade en cidades como Johannesburgo -Fear Fokol (Tuva Björk, Suecia)-, ou Bomba Bernal (Khavn, Filipinas), unha inmersión no cinema erótico filipino.
A Sección Galicia presenta unha panorámica ampla da creación audiovisual galega contemporánea, con once filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Propostas que van desde a infancia retratada en Deuses de Pedra ata a lenda medieval en Maldito Espírito, pasando pola experimentación poética de Canto rodado ou a reflexión ecolóxica de Alboroque. A sección complétase cun formato expositivo que leva estas preocupacións fóra da sala, con instalacións que abordan cuestións como a relación natureza-industria, a memoria, a hibridación tecnolóxica ou a fisicidade da imaxe.
Fulgor é a sección de dedicada ás voces máis novas e ás propostas que anuncian os camiños do cinema que está por vir. Nesta edición reúne once obras que exploran a memoria, o corpo e a intimidade.
Intersección 2025 acollerá tamén a retrospectiva máis completa de Travis & Erin Wilkerson, incluíndo a estrea mundial da exposición expandida Nuclear Family: Fieldwork, inicialmente ideada para a Bienal de Venecia 2020. A Fundación Luis Seoane albergará ademais Todo o que herdamos, unha mostra comisariada por Sara Donoso que reúne unha nova xeración de artistas galegos en diálogo co traballo dos Wilkerson. A exposición poderase visitar na Fundación Luis Seoane dende o 26 de setembro ao 19 de outubro.
No ámbito profesional, o festival proxéctase como un espazo central para o sector audiovisual, reunindo cineastas, produtoras e escolas de cinema de distintos países. NEXUS, o espazo de industria do festival, consolidouse nesta edición con máis dun centenar de profesionais internacionais interesados e un total de 13 proxectos seleccionados. Estruturado en dúas liñas complementarias, Intersección Lab ofrece titorías especializadas a creadoras e creadores galegos en fase de desenvolvemento, mentres que Foro impulsa coproducións internacionais con cineastas e produtoras vinculadas a Galicia.
Unha novidade nesta edición de Intersección será World Film School Meeting, que traerá á Coruña estudantes e docentes de escolas de cinema de distintos países para compartir proxeccións, diálogos e experiencia profesional. Con estas iniciativas, INTERSECCIÓN reafirma o seu compromiso coa proxección do talento local e abre á cidade un diálogo directo co sistema audiovisual internacional, situando A Coruña como un lugar clave para pensar e construír o cinema contemporáneo.
Sobre o festival
Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, festival calificador dos Premios Goya, conta con seccións competitivas, con programación internacional e nacional, e seccións paralelas non competitivas. Ademais, leva a cabo unha retrospectiva dedicada a un autor destacado. Fóra do propio certame, Intersección tamén expande o seu labor como axente cultural a través de diferentes actividades audiovisuais realizadas ao longo do ano.
Outro dos grandes aportes do festival ao ecosistema cultural é Nexus, o espazo dedicado á industria. Dentro de Nexus desenvólvense diferentes actividades que potencian o festival como nodo de comunicación cultural e comercial entre os distintos axentes do sector cinematográfico. En Nexus únense programas formativos e de apoio á creación, como Intersección Lab, xunto con espazos de coprodución como Foro e encontros de matchmaking, paneis, mesas redondas, etc. Así, Intersección é máis ca un lugar de exhibición: é unha plataforma que busca xerar sinerxías e tender redes entre todos os axentes do sector cinematográfico.
Participaron no festival artistas internacionais como o cineasta arxentino Teddy Williams, os estadounidenses JP Sniadecki e Kevin Jerome Everson, os portugueses Salomé Lamas e Jorge Jácome, o israelí Roee Rosen, o colectivo italiano Flatform ou a suíza Pauline Julier. Intersección – Festival Internacional de Cine da Coruña tamén dedica un espazo importante ao cine español e galego. Destacan cineastas como Dora García, Antoni Muntadas, Carme Nogueira, Irati Gorostidi, Maider Fernández Iriarte, Xacio Baño, Maddi Barber, Luis E. Parés, María Cañas ou Ángel Santos