O Outono Códax regresa en novembro na súa 15 edición con grandes artistas como Lee Greene, Principles of Joy ou Valerie June
Cunha programación na que este ano teñen especial protagonismo artistas referenciais -tanto do ámbito internacional como galego e estatal- á hora de ampliar os horizontes e as perspectivas das músicas de raíz afroamericanas, o Outono Códax reafírmase nesta a súa 15ª edición como un espazo de encontro entre tradicións, xeracións e estilos. O festival celebrarase en Santiago do 6 ao 22 de novembro.
Unha celebración da diversidade musical na que teñen cabida o soul contemporáneo, o folk, blues, as músicas de raíces americanas (do norte e do sur), o jazz punk, o rock progresivo e a psicodelia. Todos baixo un mesmo paraugas.
Doce grupos participarán nos sete concertos que conforman o menú musical do Outono Códax 2025. Sempre co aval que acredita a traxectoria das programacións do festival, este ano repítese a presenza de figuras consagradas con abrumadoras traxectorias, como o norteamericano Lee Greene, os franceses Komodrag and the Mounodor, os barceloneses Los Sírex ou o galego Víctor Coyote.
Pero se algo caracteriza o cartel desta 15ª edición do Outono Códax é o contar con grupos e artistas que nestes momentos están a ser considerados entre os máis grandes expoñentes actuais dos seus estilos.
Relevantes figuras do presente cunha vasta proxección futura, como é o caso de Principles of Joy, considerada «a formación de soul contemporáneo máis popular de Europa»; de Valerie June, encargada de abrir o concerto de The Rolling Stones en Londres e que ten colaborado con Dan Auerbach (The Black Keys); de Son Little, unha voz e unha guitarra a medio camiño entre o vintage e o moderno, ou dos madrileños Gilipojazz, que veñen de se converter na primeira banda de rock española que actúa no prestixioso Festival de Jazz de Montreux.
Por suposto, o Outono Códax, non esquece a presenza galega na súa programación. E tamén aí asoma o xogo interxeracional. Atestíguao a presenza dun artista de tan longa e fructífera traxectoria como Víctor Coyote xunto a músicos emerxentes como Javi Álvarez ou Pablo Leira.
Un ano máis e baixo o apoio e colaboración de Bodegas Martín Códax, o festival impulsado por Raíña Productions e A Reixa achegará a Galicia o mellor do xénero con nove citas que conforman unha exquisita programación na que, fiel á súa filosofía, priorízase a calidade e a variedade.
A maiores da programación musical, o Outono Códax 2025 complementa a súa proposta cunha nova edición do ciclo de proxeccións Blow Up… A Música no Cinema, a presentación do libro do Miqui Puig, pinchadas tralos concertos, unha exposición de ilustracións de Víctor Coyote e catas musicais e gastronómicas.
Os abonos para os 4 concertos da sala Capitol xa están á venda a un prezo de 55 euros (+gastos de xestión), para os 50 primeiros compradores.