fbpx

Francisco Castro, autor de ‘Tantos anos de silencio’: “Levamos dentro o virus da violencia”

Francisco Castro, en O Xardín de Julia. Foto: Iván Barreiro

Francisco Castro (Vigo, 1966) tráenos ‘Tantos anos de silencio’ para remover a conciencia e a memoria. Tal como el mesmo afirma, é unha novela sobre o “esquecemento obrigatorio”, ese que impuxo a ditadura franquista e logo a cada vez máis cuestionada Transición. E así chegamos a que España é o segundo lugar do mundo onde máis fosas comúns hai, con represaliados que aínda non recibiron xustiza por días terribles vividos durante a Guerra Civil, como os que se narran nesta arrepiante novela. Falamos con el na fermosa terraza do hotel O Xardín de Julia, en Compostela.

Emilio Varela, un dos protagonistas desta novela, cre firmemente que a cultura nos fará libres. Como ves a cultura en Galicia, especialmente coa COVID-19?

A cultura galega é moi vigorosa, pero sempre está en precario. Os escritores, actores, pintores,  músicos… estamos sempre facendo o que nos gusta a base de durmir pouco, sacrificando á familia, a fin de semana… A pandemia e as restricións asociadas machacounos. No caso de Galaxia -Francisco Castro é o director desde 2016- coas librarías pechadas o único que tivemos foron gastos e débedas.

Cres que superamos as dúas Españas?
(Francisco revólvese perante esta pregunta)

Non hai dúas Españas. Unha das grandes trolas que nos contaron é que a Guerra Civil foi o enfrontamento entre dúas Españas que pensaban distinto. Iso non é certo. Imaxinemos que en 2020 un grupo de militares se levanta contra o Goberno de Pedro Sánchez e outra parte dos militares mantense firme á legalidade. Non falaríamos de dúas Españas. En 1936 había unha legalidade recoñecida internacionalmente que era a Segunda República, entón a Igrexa, o Fascismo, e os grandes terratenentes únense contra a República legal porque queren manter unha serie de privilexios oligárquicos. Agora volvemos ter unha extrema dereita forte que nunca se foi, aínda que creo que pouco a pouco se irá diluíndo.

En canto violencia, presente no libro en diferentes planos, ti afirmas que sempre é a mesma, especialmente contra as mulleres. Cres que o ser humano leva a violencia dentro?

Todos os animais empregamos a violencia para sobrevivir. Levamos dentro o virus da violencia, pero tamén o virus do amor -a novela tamén é unha historia de amor que sobrevive durante décadas- e da racionalidade. En Atapuerca descubríronse restos ósos, e iso é marabilloso porque quere dicir que o ser humano desde os seus inicios entendeu o valor da compaixón.

Tamén temos unha educación patriarcal baseada no privilexio do macho. A reacción do patriarcado cando lle quitan os seus privilexios é a violencia. Os “machos” estamos educados para mandar. Por iso ser feminista implica un gran esforzo. Supón que os homes nos decatemos de que estamos educados dunha maneira perversa e que temos que ‘desaprender’ e non reproducir o molde machista cos nosos fillos.

Cambiando de tema, como estades a vivir os editores a crise do coronavirus?

Con medo, con afán resistente e con moita preocupación. O feito de que nos pecharan as librarías e os centros de ensino foi terrible. Agora nos preocupa as incongruencias coas medidas de seguridade. Non podemos facer presentacións de libros porque non se poden xuntar mais de 10 persoas, pero nun autobús pódense subir 30 sen identificar.

Tamén nos preocupa a falta de axudas ao sector cultural, que supón o 3% do PIB. O Consello da Cultura Galega demostrou que nos primeiros meses da pandemia se perderon 1000 postos de traballo.

E como é estar ao fronte dunha editorial coa historia de Galaxia?

Tanta historia como que este ano cumprimos 70 anos. Non puidemos facer festa. Dirixir Galaxia é o soño perfecto para un editor. Non se me ocorre mellor traballo. Non se me ocorre mellor lugar desde o que traballar pola cultura do meu país. É unha honra e unha responsabilidade. Galaxia perténcelle ao país, foi fundada por homes e mulleres represaliados polo franquismo, que moitos pasaron por prisión, e que reorganizaron o Partido Galeguista baixo a fórmula de editorial en 1950. Ademais tódolos beneficios que xera Galaxia van de novo para Galaxia, non para os accionistas. Iso creo que resume a fermosura do proxecto.