CompostelaGastronomíaNovas

O Mercado de Abastos de Santiago celebra o 80 aniversario da inauguración do seu edificio

O acto central da campaña ‘80 anos alimentando Compostela’ celebrouse no edificio do Mercado de Abastos, coincidindo cos 80 anos da súa inauguración. Nel participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Mercados, Xan Duro; membros da Corporación municipal; a xerenta da Praza de Abastos, Marta Rey; e Joaquín Vaquero Ibáñez, neto do arquitecto do edificio, Joaquín Vaquero Palacios. Como sucedera hai 80 anos no acto de inauguración do edificio, o acompañamento musical correu a cargo da Banda Municipal de Música.

O acto serviu tamén de recoñecemento ás dúas praceiras e ao praceiro máis lonxevos. Trátase de María del Carmen Aldrey Piñeiro, de Peixes Maricarmen; Antonio José González Álvarez, da Chacinería Seco, e María del Carmen Rarís García, da terceira xeración de pementeiros da súa familia “porque os vendedores e vendedoras, as paisanas, as persoas que levan sostendo o mercado ao longo de tantos anos, son as verdadeiras protagonistas deste acto, e de todas as accións que queremos desenvolver baixo este lema de 80 anos alimentando Compostela’, agradeceu o edil de Mercados.

Xan Duro reivindicou “o papel da Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade, e como eixo central para o cumprimento do Pacto Alimentario de Milán, asinado tamén por Santiago, e co que as cidades nos comprometemos a impulsar sistemas agroalimentarios sostibles, inclusivos e diversificados, para asegurar unha alimentación saúdable e accesible para todas as persoas”.

Nesta idea incidiu a rexedora compostelá que definiu a praza como “un monumento dentro dun monumento, un mundo dentro dun mundo, unha cidade con vida propia no corazón da nosa cidade”. Pero ademais, apuntou Goretti Sanmartín, “a Praza é memoria”, en tanto que “forma parte da nosa biografía, coas nosas décadas, coa nosa idade”; é “vida, porque latexa de maneira dinámica”; é “riqueza, forma parte do PIB da cidade, é lugar de traballo, é destino da produción dos sectores primarios, estratéxicos para o noso país”; e “é o futuro que queremos porque defende o comercio de proximidade, de km 0, porque aposta pola sostibilidade, polo produto de tempada e polo trato entre persoas”. Pero sobre todo, sinalou, “a praza é, indubidabelmente, a súa xente, as persoas que cada día abren os seus postos”, representados hoxe nas persoas recoñecidas “ás que lle debemos que este lugar continúe a ser o noso corazón, o espazo da memoria, o patrimonio vivo, as rúas comerciais nas que nos atopar, a mellor maneira de alimentarnos”.

A alcaldesa tivo tamén palabras de recordo para Antonio Costa, propietario da carnicería Chelo & Muñico que, “case un ano despois de ser vítima dunha brutal agresión, continúa a ser lembrado polos praceiros e praceiras e tamén por unha cidade que ficou conmocionada naquela mañá de novembro do pasado ano. Para el, a nosa lembranza e tamén a noso homenaxe, como tamén para o praceiro Lolo Fernández da cortadoría Fina que tamén nos deixou prematuramente e ao resto das persoas da praza falecidas que permanecen na nosa lembranza”.

Exposición 

Previamente, inaugurouse na praza de Mazarelos unha exposición fotográfica sobre a Praza de Abastos. A mostra, comisariada por Ruth Varela, fai un repaso en imaxes pola historia do mercado, desde o anterior edificio que estivo en pé ata 1935, ata 1975. As fotografías foron recompiladas entre unha ducia de arquivos públicos e privados, non só de Santiago senón mesmo doutros países como Alemania e Francia. Así, cederon imaxes a Filmoteca de Galicia, o Consorcio, ou o Fondo Sánchez Estalote, entre otros. A exposición poderase visitar en Mazarelos ata o día 27, e posteriormente quedará instalada na Praza Roxa.

Campaña ‘80 anos alimentando Compostela’

Dentro desta campaña, que busca promocionar a Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade, levaranse a cabo varias accións destinadas a distintos públicos, como por exemplo o máis mozo. Neste sentido, o departamento de Mocidade do Concello levará os seus cursos de cociña do Centro Xove á Praza de Abastos. Trátase de achegar a xuventude ao mercado, fomentar hábitos de consumo responsables e sostibles a través do coñecemento do produto local e de tempada, e de crear comunidade promovendo a participación activa dos mozos e mozas en contextos interxeracionais.  Así, haberá visitas á Praza de Abastos para que os mozos e mozas participantes coñezan mellor os produtos e distingan a súa calidade, e tamén talleres de cociña participativos, centrados na elaboración de receitas de temporada. Os cursos desenvolveranse o 17 de novembro e os días 8, 15, 22 e 29 de decembro, sempre en horario de 6 a 9 horas. Para participar nos cursos de cociña, de carácter gratuito, será preciso inscribirse previamente en info@centroxove.com

Ademais, no marco da campaña vaise iniciar o reparto de diferente material promocional entre a clientela da Praza, como bolsas de malla e friameiras que se entregarán con tíquets de compra de 15 e 25 euros respectivamente, e que poden ser reutilizadas para realizar a compra no Mercado, contribuido así a crear uns hábitos de consumo máis sostibles.

As accións promocionais complétanse cunha serie de videos sobre a Praza que serán presentados nas próximas semanas, e coa imaxe da campaña “80 anos alimentando Compostela”. Trátase dunha obra da artista Lidia Cao que se inspirou nunha antiga fotografía das Marías, Maruxa e Coralia, na Praza de Abastos para crear unha ilustración que combina a tradición e a historia do Mercado coa súa vontade de modernidade e atracción de clientela máis nova.

Xornada técnica

O departamento de Mercados está a traballar na organización dunha xornada técnica que terá como obxectivo crear unha rede de apoio ao traballo que está desenvolvendo o Concello para reforzar o papel da Praza de Abastos como centro de alimentación de proximidade e como motor da recuperación dos sistemas alimentarios locais. Está previsto que o acto se celebre en xaneiro, coa participación de representantes da FAO, Justicia Alimentaria, o Observatorio de Dereito á Alimentación, as universidades galegas ou a Rede de municipios pola agroecoloxía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.