O Festigual volve á Coruña en novembro para celebrar a inclusión e a diversidade
Novembro volve ser o mes do Festigual na Coruña, un encontro no que artistas, asociacións e público celebran a inclusión como forma de facer cidade e como sinal de identidade dunha cidade creativa e aberta á cultura. O Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade celebrarase do 5 ao 28 de novembro, cunha programación que se espallará por unha ducia de espazos da cidade. Teatro, música, danza, artes visuais e obradoiros difuminarán as fronteiras do acceso á creación e ao consumo cultural. O Festigual, impulsado polo Concello da Coruña, celébrase dende hai 9 anos grazas ao apoio desde a súa primeira edición da Fundación María José Jove e de Vegalsa Eroski, ademais do compromiso doutras institucións como a Deputación da Coruña e as asociacións e artistas que colaboran co festival.
A presentación da novena edición do Festigual tivo lugar en María Pita coa participación de Nereida Canosa, vicepresidenta da Fundación Emalcsa e concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña; Avia Veira, deputada provincial da Coruña; María Belén Rey, directora de Relacións Institucionais da Fundación María José Jove e responsable do programa Cultura Accesible e Festigual; e Irasema Damaso, responsable de RSE de Vegalsa-Eroski.
No Festigual, a inclusión non é un apartado especial, senón a forma natural de facer cultura. O seu obxectivo é garantir o acceso universal á cultura e promover a participación activa de todas as persoas na vida artística da cidade, con especial atención a quen está en situación de vulnerabilidade Cada edición incorpora espectáculos profesionais con medidas de accesibilidade, como subtítulos, intérpretes de lingua de signos ou mochilas vibratorias, e tamén propostas impulsadas por asociacións e proxectos comunitarios. O resultado é un festival pensado para todas as persoas, que demostra que a inclusión non limita, senón que multiplica as maneiras de gozar e compartir a cultura.
Na súa novena edición, o Festigual amplía horizontes e incorpora por primeira vez como sedes a Fundación María José Jove ou a Fundación Marta Ortega, que ofrecerán visitas guiadas adaptadas ás súas coleccións de arte e fotografía. As actividades chegarán tamén ao Centro Penitenciario de Teixeiro, un espazo que o festival converte nun novo escenario para dar voz a quen adoita quedar ás marxes. Alí representarase unha versión contemporánea da obra ‘Yerma’, da asociación Noite de Bohemia no seu proxecto de cultura accesible e inclusiva, que revisita a dureza da vida das mulleres a comezos do século XX e os silencios impostos pola sociedade.
A edición abrirá coa ‘Gala Música Baixo as Estrelas‘, que levará ao Teatro Colón ás músicas e músicos da rúa, poñendo en valor o seu talento cotián e reivindicando o seu papel como parte esencial da banda sonora da cidade. A IX edición do Festigual – Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade ofrecerá tamén espectáculos que abordan temas de plena actualidade, como o acoso escolar en ‘O pequeno poni’, de Redrum Teatro. Coa mirada posta na cativada, nas familias e na educación baseada na normalización dos valores, o festival propón pezas como ‘De tu a tu’, de Collectiu Mur, que explora a complicidade e a confianza a través do humor e das acrobacias; ou ‘De corpo a palabra’, da compañía Experimentadanza, que combina danza, poesía e música en directo para celebrar a diversidade das linguaxes artísticas.
A programación familiar complétase con ‘Podemos volar sin alas’, de Cris de Miguel, un espectáculo de monicreques e poesía que celebra a diversidade e o poder dos soños. O festival contará ademais con proxectos de cultura urbana, como o Freestyle People en Puré Free, de Poten100Mos, ou as sesións participativas de Negus DJ Inclusivo.
Haberá tamén espazos de reflexión e coidado, como a Xornada de Arte e Saúde no Hospital de Oza, que reunirá profesionais para explorar os vínculos entre creación e benestar. Haberá tamén espazo para o Obradoiro de Danzaterapia XQN en familia, unha proposta interxeracional para explorar o corpo e o movemento.
As exposicións completan a programación. ‘Carreiros sen néboa’, de Nós Why Not?, é unha mostra fotográfica que rompe prexuízos sobre a discapacidade. A proposta da Sociedade Filatélica da Coruña, ‘150 aniversario da liña férrea A Coruña – Lugo’, pon o foco no patrimonio e na memoria colectiva da cidade e unha pequena mostra da actividade de inclusión que realizou a Sociedade Filatélica con motivo de ano Picasso cunhas lonas na Casa da Auga.
O cinema incorpórase este ano como nova disciplina do festival grazas á colaboración do Fórum Metropolitano, que dedicará a Sala Fernando Rey durante o mes de novembro a unha programación arredor da inclusión e a diversidade. A proposta incluirá varias proxeccións internacionais e unha selección de pezas do proxecto Miradas Diversas, da Asociación Cultural Albatros.
Como peche, o concerto de A Banda da Loba converterá o Centro Ágora nunha gran festa final inclusiva, presentando o seu novo disco, ‘Lovismo’.