Dios Ke Te Crew, PAVA, Alana, Ulex e Boyanka Kostova actuarán no festival ‘Aquí tamén se fala’
O IES Rafael Dieste acolleu a presentación do festival ‘Aquí tamén se fala’, que terá lugar o venres 13 de xuño a partir das 17.00 h na praza da Tolerancia. Esta iniciativa parte do alumnado e profesorado do instituto e conta coa colaboración do Concello da Coruña. “Apostamos desde o Goberno de Inés Rey polo fomento da música e de todas as expresións artísticas en galego, como estamos a promover tamén nos eventos que organizamos directamente ao longo do ano”, indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Dios Ke Te Crew, PAVA, Alana, Ulex e a colaboración especial de Boyanka Kostova, que xa participaron na primeira edición, conforman o cartel deste festival gratuíto. Ademais, desde a organización anuncian unha actuación sorpresa que terá lugar no propio festival.
No acto, ademais de Gonzalo Castro, tamén estiveron presentes Valentín García Gómez, secretario xeral de Lingua; Soledad Agra, responsable da área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña; Idalecio Cabana, xefe territorial da Coruña; Norma Fariña, directora do IESP Rafael Dieste; Arcadio González e Mónica Reigía, profesores coordinadores do festival; e Lucía Aldao, integrante do grupo PAVA.
A deputada de lingua, Soledad Agra, destacou durante a súa intervención a “afouteza, alegría e o inconformismo da mocidade” que se plasma nesta reivindicación da “lingua, a cultura e o patrimonio inmaterial que nos transmitiron as nosas cantareiras desde fai séculos”. A entidade provincial apoia a celebración deste festival cunha achega de 18.000€.
Agra concluíu afirmando que o galego “suma”, pois “é unha lingua vital, para vivir, cantar, estudar calquera materia educativa, desenvolver calquera traballo científico, viaxar, facer deporte e amar”. E, engadiu: “Estamos a tempo de darlle outro rumbo ó galego, e así poderemos dicir en toda Galiza: AQUÍ TAMÉN SE FALA GALEGO”.
Pola súa banda, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, resaltou que “se volve pór de manifesto a importancia dos espazos escolares como motores de dinamización da nosa lingua e a implicación de alumnado e profesorado con este tipo de proxectos a prol do galego”. O representante da Xunta convidou a asistir a esta cita coa “música máis actual feita en Galicia e en galego, unha vía máis para prestixiar e impulsar o uso da nosa lingua entre a poboación máis nova”.