David Civera, Kuve e Anabel Conde súmanse ao cartel da sexta edición do Atlantic Pride

Entre o 6 e o 13 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a sexta edición do Atlantic Pride. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, co patrocinio institucional do Concello da Coruña e o apoio da Deputación da Coruña. O Atlantic Pride conta, tamén, co patrocinio privado de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.
David Civera, Kuve e Anabel Conde súmanse ao cartel da sexta edición do Atlantic Pride, que, da man destes tres novos artistas, converterá a derradeira xornada da súa sexta edición, o domingo 13 de xullo, no mellor revival eurovisivo. Así o presentaron en rolda de prensa, no Pazo de María Pita, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos.
No acto estiveron tamén presentes o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro; a Marketing Spain Coordinator de The Style Outlets, Andrea Suárez; e a responsable de marketing de Coruña The Style Outlets, María Ferrer Vidal.
Neste 2025, a cita propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. Ademais de David Civera, Kuve e Anabel Conde, no seu cartel destaca a presencia de bandas e artistas como Judeline, Edurne, Jimena Amarillo, Nia, Merche, Paula Koops, David Civera, Mayo, Kuve, De Ninghures, Turista Sueca, Anabel Conde, Agoraphobia, Alana, LERIA, ELBA e Rivadulla.
Pola súa banda, aos pratos das pinchadas do Atlantic Pride 2025 estarán Sofía Cristo, Cascales, Coolnenas, La Kristhofer, Kris K DJ, DJ90, DJ Licho, DJ Flashback, DJ Espinoso e DJ CÉS. Ademais, á cita co ‘Orgulllo do Norte’ coruñés neste 2025 non faltarán, tampouco, as drags Samantha Ballentines, Arantxa Castilla-La Mancha & OnyX Unleashed, Ariel REC & Gaylicia, Liteah, Yasmine Lutar, Kelly Amethyst, RRRITA y Escarlatina Pier.
No acto de presentación do cartel completo do evento, o co-director do Atlantic Pride Iván Cervo fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta sexta edición do encontro, e desvelou, tamén, o programa por días do festival, que se pode consultar na web www.atlanticpride.es. Cervo convidou, tamén, a todos os públicos a sumarse á festa e gozar da diversidade deste ‘Orgullo do Norte’ coruñés:
“Benvidas, benvidos e benvides a esta sexta edición do Atlantic Pride, do 6 ao 13 de xullo, na cidade da Coruña. Desde a súa primeira edición en 2019, o Atlantic Pride naceu coa vontade firme de situar A Coruña como un referente da diversidade, a liberdade e a celebración. Neste 2025, reafirmamos ese compromiso apostando por grandes liñas estratéxicas que definen a nosa identidade como festival: visibilización, inclusión, cultura, talento e diversión”.
Cervo apuntou tamén que “traballamos para ofrecer un espazo aberto, seguro e diverso, onde todas as persoas, con independencia da súa identidade ou orientación, se sintan representadas e benvidas. Así, o Atlantic Pride 2025 aposta por un cartel vibrante e diverso, no que conviven grandes divas do pop español co mellor talento da nova escena galega e artistas icónicos da cultura LGTBIQ+”. E engadiu: “É unha programación pensada para todas as xeracións e sensibilidades, onde teñen cabida os sons eurovisivos, o pop contemporáneo, as actuacións drag (que cada ano gañan máis protagonismo), as propostas electrónicas máis punteiras ou a música con raíz galega. Esta diversidade non é só unha elección artística, é unha declaración de principios: somos un festival que celebra a pluralidade e a liberdade tamén desde os escenarios”.
Pola súa banda, Inés Rey, alcaldesa da Coruña, salientou: “A nosa cidade convértese cada verán nun faro para o turismo LGTBIQ+, consolidando un posicionamento diferencial dentro do panorama turístico nacional e internacional. Con eventos como este, reforzamos a nosa identidade como destino aberto, tolerante e vibrante”. E engadiu: “O Atlantic Pride marca, para moitas persoas, o comezo das nosas numerosas festas e eventos. É unha festa que invita a volver cada ano, que deixa pegada e que sitúa á nosa cidade como epicentro da celebración do Orgullo no norte peninsular”.
Tres das voces máis emblemáticas e icónicas da música popular española das últimas tres décadas serán as encargadas de botar o pano da sexta edición do Atlantic Pride o domingo 13 de xullo nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. David Civera, estrela do pop español que alcanzou fama internacional ao representar España en Eurovisión 2001, logrando o mellor posto do país en máis de dúas décadas co seu éxito Dile que la quiero. Visita este verán a cidade herculina coa súa xira “Grandes éxitos 2025” coa que repasará un rico repertorio de grandes cancións que forman parte da memoria musical de toda unha xeración.
Xunto a David Civera estará Kuve, o alter ego de Maryan Frutos Maíquez, unha forza imparable do pop electrónico contemporáneo. Con catro álbums e múltiples participacións en grandes citas de renome, a artista mestura de maneira brillante o indie-rock con sons sintéticos, entregando directos cheos de enerxía e potencia. Tras ser finalista no Benidorm Fest 2025 co seu sinxelo LOCA XTI, chega ahora ao Atlantic Pride da Coruña, cunha música conecta diferentes xeracións e estilos nun espectáculo vibrante e moderno.
Finalmente, Anabel Conde, unha voz histórica do Festival de Eurovisión de 1995, onde acadou un memorable segundo posto co celebrado tema Vuelve conmigo, amosará como mantén viva a súa pegada e o seu compromiso coa música pop máis actual.
Da man destes tres artistas, a xornada de clausura do Atlantic Pride 2025 será unha oportunidade única para gozar dunha noite repleta de emoción, talento e diversidade musical, que promete conectar o pasado, o presente e o futuro da música pop española nunha experiencia inesquecible.