CompostelaCultura

A quinta edición do SiSONS Enclave Musical chega a Santiago con actividades profesionais e concertos abertos ao público xeral

A edición 2025 do encontro cultural e musical SiSONS terá lugar os días 15, 16, 17 e 18 de outubro en distintos espazos emblemáticos de Santiago de Compostela. O festival, que foi presentado en rolda de prensa este martes, aposta por unha programación que fusiona música en directo, showcases, charlas e actividades para fortalecer o sector musical galego e internacional .

Esta quinta edición de SiSONS distínguese polo seu carácter integrador, combinando actuacións para todos os públicos con encontros profesionais. O evento desenvolverase en espazos como Casa das Máquinas, Borriquita, Riquela, Capitol, Pazo de San Roque e Parque de Bonaval. Contará coa participación de artistas galegos destacados como Deninghures, Sekadra, Crúas, Aksak, Alexia, Fiandola ou Bala, xunto a músicos internacionais como Leni Pérez, KMKR ou o grupo extremeño Neval.

“A relevancia social e cultural de SiSONS Enclave Musical”, explican desde a organización, “maniféstase na súa capacidade para dinamizar o tecido musical galego, promovendo a visibilidade de artistas emerxentes, incentivando a colaboración entre axentes culturais e contribuíndo á creación de emprego e ao fortalecemento da economía local”. “A súa singularidade dentro do panorama galego”, engaden “vén dada pola súa aposta decidida pola innovación, a conexión co ámbito profesional, e a súa capacidade de proxección exterior, mediante acordos de colaboración con eventos semellantes noutras comunidades autónomas”. “Isto”, rematan, “permite situar a Galicia como territorio activo e influente dentro do circuíto musical estatal”.

O evento está organizado por MusicArte e a Asociación Cultural Tres por Cuatro e conta co respaldo de Concello de Santiago, Deputación da Coruña, Xunta de Galicia, Ministerio de Cultura e a Acción Cultural Española, AC/E. A rolda de prensa de presentación tivo lugar no Pazo de San Roque e nela participou o director do Auditorio Galicia, Xaquín López, xunto co subdelegado do Goberno, Julio Abalde; a deputada de Cultura da Deputación Provincial da Coruña, Natividade González; o secretario xeral Política Lingüística, Valentín García; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; e o director SGAE da zona noroeste, Miguel Dieguez.

Durante a súa intervención, Valentín García puxo en valor a participación nesta cita de grupos galegos, “acorde co bo momento que está a vivir a música galega e en galego” o que, segundo salientou, “serve para aumentar o prestixio da nosa lingua e de referente para as xeracións máis novas, dándolle pulo a un maior uso do noso idioma por parte da mocidade”.

Programa 

A quinta edición de SiSONS desenvolverase do 15 ao 18 de outubro en distintos espazos da cidade —Casa das Máquinas, salas Borriquita de Belém e Riquela, parque de Bonaval, pazo de San Roque, Sala Capitol e sede da fundación Sociedad General de Autores y Editores cun formato que combina actividades profesionais e programación aberta a toda a cidadanía.

As xornadas profesionais, que se celebrarán entre o mércores 15 e o venres 17, incluirán paneis sobre dereitos de autor, apoios á industria musical e festivais internacionais. Nestes encontros participarán representantes da Sociedad General de Autores y Editores, da Asociación Española de Editoras de Música, da Asociación Cultural Coordinadora Estatal de Salas Privadas de Música en Directo, da Asociació Professional de Representants, Promotors i Mànagers de Catalunya, de Esmerarte Industrias Creativas, TaxMM, da Oficina Europa Creativa Cultura, do Centro de Coordinación de Industrias Culturais e do Instituto Cubano da Música. Ademais, haberá espazos de networking, presentacións de proxectos e roldas profesionais de pitching.

O programa artístico confórmano as sete propostas seleccionadas para os showcases: Kreze, Francisco Moreira, Crúas, Melón Jiménez e Lara Wong, Neval, Aksak e os concertos de SeKadra e Leni Pérez, Bala + Acouga + Adhara&Ritman, Exeria + Billy Flamingos + De Ninghures. Estes dous últimos, os días 16 e 17, con localidades á venda para a Sala Capitol. Ademais, desde Extremadura, e grazas á colaboración coas Jornadas Profesionales de Música desta Comunidade, chegarán KMKR e Alexia.

Pechan a programación as bandas Lenda Ártabra, Fiandola, Coanhadeira e Maghúa que actuarán o sábado 18 no escenario do Parque de Bonaval, nunha xornada con acceso de balde desde ás 13,00 horas.

Dende a súa creación en 2016, SiSONS Enclave Musical consolidouse como un proxecto singular dentro do panorama cultural galego, cun formato híbrido no que a vertente industrial se completa coa divulgativa. Tamén destaca na súa aposta pola igualdade, a inclusión e a sustentabilidade, así como polo seu compromiso coa lingua galega e coa innovación artística.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.