Ataque Escampe e Grande Amore, unha homenaxe a Narf e Miguel Araújo, no ciclo Fiestra Aberta

O ciclo musical Fiestra Aberta, desenvolvido polo Concello de Santiago a través de Compostela Cultura co apoio do Consorcio de Santiago, presentou a súa nova programación con tres concertos que se celebrarán entre outubro e decembro no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal. Ataque Escampe e Grande Amore, unha homenaxe colectiva a Narf no décimo aniversario do seu pasamento e o músico portugués Miguel Araújo protagonizan esta nova entrega, que combina a creación galega contemporánea, a recuperación da memoria musical e o diálogo con outras tradicións culturais.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou a programación nunha rolda de prensa na que participaron Nuno Pico, de Grande Amore, e Cibrán Tenreiro, de Ataque Escampe, representantes do proxecto Outros corpos; así como Uxía, Gloria Pavía e Migui Bouzó, participantes no concerto Encontrarte. 10 anos lembrando a Narf.
Durante a presentación, Louzao destacou a vontade de Fiestra Aberta de «poñer en relación a creación galega con outras voces e linguaxes musicais, nunha programación que entende a música como lugar de encontro entre persoas, xeracións e territorios». A concelleira lembrou que o ciclo toma o seu nome das últimas palabras de Rosalía de Castro, unha referencia simbólica que conecta a identidade cultural de Compostela coa apertura a outras formas de expresión artística.
Outros corpos
A primeira cita será este domingo, 25 de outubro, ás 20.00 horas, no Auditorio de Galicia, co concerto Outros corpos, o proxecto compartido de Ataque Escampe e Grande Amore, dúas das formacións máis singulares da música galega actual.
A proposta nace dun exercicio de intercambio creativo no que cada banda versiona cancións da outra desde a súa propia identidade sonora. O resultado é un disco e un espectáculo especial que permite descubrir novas lecturas de composicións coñecidas, a través do contraste e da complicidade entre dous universos musicais diferentes.
O concerto ofrecerá unha oportunidade para coñecer en directo este proxecto conxunto, que explora as posibilidades da reinterpretación e o diálogo entre artistas.
Encontrarte. 10 anos lembrando a Narf
O 15 de novembro, ás 20.00 horas, o Auditorio de Galicia acollerá Encontrarte. 10 anos lembrando a Narf, unha homenaxe a Fran Pérez que terá lugar coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento.
Músico, compositor e creador inquieto, Narf desenvolveu unha traxectoria caracterizada pola apertura a outras culturas e tradicións musicais. Desde Galicia, estableceu vínculos creativos con Portugal, África e América, construíndo un universo artístico propio no que convivían diferentes ritmos, linguas e formas de expresión.
Baixo a dirección musical de Uxía e a dirección artística de Nordesía, Encontrarte reunirá artistas que compartiron camiño con Narf e novas voces que recollen o seu legado para reinterpretar as súas cancións e mantelas vivas.
No espectáculo participarán A Pedreira, Antía Muíño, Fran Sanz, Brais Morán, Carlos Freire, Carlos Santiago, Faia Díaz, Gloria Pavía, Luiz Caracol, Marcos Teira, Migui Bouzó, Pepe Sendón, Pilo Sierra, Sérgio Tannus, Sr Salvaje, Suelen Estar, Uxía e Zeltia Irevire.
A proposta concíbese como unha viaxe musical entre a memoria e o presente, na que conflúen cancións, poesía, palabra e ritmos que atravesan o universo creativo de Fran Pérez. Unha celebración colectiva da súa obra que terá lugar en Compostela, cidade coa que o músico mantivo unha estreita vinculación e á que dedicou a súa canción Santiago.
Miguel Araújo
A programación concluirá o 19 de decembro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal, coa actuación de Miguel Araújo, un dos nomes máis destacados da música portuguesa contemporánea, que presentará a súa nova xira, Passemos aos salões.
Neste espectáculo, o músico recupera a esencia da canción en directo nun formato íntimo de voz e piano acústico. Ao longo do concerto, Araújo revisitará algunhas das composicións máis recoñecidas da súa carreira e compartirá co público as historias, lembranzas e inspiracións que están detrás delas, nunha proposta que combina música e relato.
Autor de cancións como Anda Comigo Ver os Aviões, Os Maridos das Outras, Balada Astral ou Dona Laura, Miguel Araújo conta cunha traxectoria de máis de dúas décadas, tanto en solitario como integrante d’Os Azeitonas. Ao longo da súa carreira compuxo tamén para artistas como António Zambujo, Ana Moura, Carminho ou Ana Bacalhau.
A súa presenza en Fiestra Aberta reforza os vínculos culturais e musicais entre Galicia e Portugal e achega ao público compostelán unha das voces máis recoñecidas da canción portuguesa actual.
Un ciclo aberto á diversidade musical
Con esta nova programación, Fiestra Aberta continúa a súa aposta por unha oferta musical que conecta a creación galega con propostas doutras procedencias, ao tempo que reivindica a importancia da música en directo e a proximidade entre artistas e público.
Os tres concertos representan diferentes formas de achegarse á creación musical: a reinterpretación compartida entre dúas bandas galegas, a recuperación colectiva dun legado artístico e a intimidade da canción de autor portuguesas.
As entradas para cada concerto (12 € cos descontos habituais para os colectivos establecidos) están dispoñibles para a venda anticipada na web compostelacultura.gal e no despacho de billetes da Zona C. De existir aínda localidades dispoñibles o propio día de cada concerto, tamén se poderán adquirir no despacho de billetes do lugar que o acolle dende unha hora antes do seu comezo.