CompostelaCulturaNovas

AMAL 2026 reivindica Palestina baixo o lema ‘Existir é resistir’

A Semana de Cine Euroárabe Amal celebrarase entre o luns 26 e o venres 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago. A concelleira de Capital Cultural da cidade participou na presentación desta edición xunto a Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney – Puente de Culturas. , Míriam Louzao lembrou que este festival leva máis de dúas décadas “conectando realidades que moitas veces nos chegan a través de imaxes fragmentadas, de titulares ou de discursos que non sempre nos permiten comprender a súa complexidade”.

A concelleira reiterou o compromiso do Concello con este veterano festival. “Para nós, apoiar iniciativas como AMAL non é simplemente colaborar cun festival cinematográfico”, sinalou, senón que significa “tamén defender unha determinada maneira de entender a cultura e o papel que debe desempeñar na nosa sociedade”, un “dereito da cidadanía” e “unha ferramenta fundamental para construír unha sociedade máis crítica, máis aberta, máis diversa e máis comprometida cos dereitos humanos”.

A edil destacou que esta edición se presente cun lema “tan sinxelo como contundente” como Existir é resistir. “Unha declaración que adquire un significado especialmente profundo cando falamos de Palestina, protagonista da programación desta edición”, engadiu, incidindo en que “Palestina é a súa xente, a súa memoria, a súa lingua, a súa literatura, a súa música e, por suposto, o seu cinema”.

Programa

AMAL 2026 celebrarase do 26 ao 30 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21), cunha programación de cinco proxeccións, catro longametraxes de ficción e un documental, que se proxectarán nun pase único diario, de luns a venres. A xornada inaugural, o luns 26 de outubro ás 20.00 horas, estará protagonizada por «The Voice of Hind Rajab», de Kaouther Ben Hania, unha longametraxe de ficción que reconstrúe a chamada de emerxencia dunha nena palestina de seis anos atrapada nun coche baixo o fogo en Gaza. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Motaz Malhees, para participar nun coloquio co público.

O martes 27 de outubro, ás 21.00 horas, será a quenda do documental «Todos somos Gaza», de Hernán Zin, que documenta cronoloxicamente a violencia exercida contra a poboación civil palestina desde o 7 de outubro de 2023.

O mércores 28 de outubro, tamén ás 21.00 horas, proxectarase «Palestine 36», de Annemarie Jacir, unha película que traslada o espectador á Palestina de 1936, durante a revolta contra o dominio británico. A sesión contará coa presenza do actor protagonista, Karim Anaya.

O xoves 29 de outubro, ás 21.00 horas, chegará «Once Upon a Time in Gaza», dos irmáns palestinos Tarzan Nasser e Arab Nasser, unha ficción ambientada en Gaza en 2007 que combina a vida cotiá, o humor e a crítica social.

Finalmente, o venres 30 de outubro, ás 21.00 horas, o festival pecharase con «All That’s Left of You», de Cherien Dabis, unha longametraxe que percorre a historia de tres xeracións dunha familia palestina desde 1948 ata a actualidade.

As entradas de martes a venres terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venta en Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com) Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.

Cociña árabe

Como é habitual, o Restaurante ‘Caney’, situado no Hotel Eurostars Araguaney, organizará a Semana Gastronómica de AMAL, que este ano se celebrará do 26 ao 31 de outubro, incluíndo tamén o sábado para facilitar que un maior número de persoas poida degustar a proposta gastronómica.

O menú árabe estará deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante, coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural. A proposta achegará o seu toque persoal, conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.