CulturaGaliciaNovas

Camiño Escena Norte espalla os seus “Latexos Escénicos” por Santiago e outras oito localidades galegas

Representación de Voona Praza do Obradoiro. Foto: Miguel Lamas
Camiño Escena Norte (CEN) presenta a súa programación de artes escénicas para o outono galego. O programa de intercambio cultural entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa, que se celebrará entre o 18 de setembro e o 15 de novembro, deu a coñecer na Praza do Obradoiro o programa e funcións de teatro que se poderá ver nun total de nove municipios galegos das provincias da Coruña e Lugo. Concretamente, as representacións do Itinerario Constelacións terán lugar en Arzúa, Foz, Lugo, Negreira, Ribadeo, Outes, Santiago de Compostela, Sarria e Vimianzo.
O público galego poderá gozar de propostas variadas que abranguen desde o teatro para adultos e familiar ata o ilusionismo inmersivo e as novas linguaxes escénicas nunha edición que, baixo o lema Latexos Escénicos, vincula o proxecto coas artes vivas, o tempo e a enerxía compartida, enfocando o amor polas artes escénicas desde a súa primeira edición.
A axenda de representacións abrirase en Foz (26 de setembro) e Sarria (27 de setembro) con Juana I de Castilla, da compañía rioxana Nueve Lunas Teatro. Unha peza que aborda con humor, música e ironía a violencia sufrida polas mulleres e a saúde mental. En Outes (10 de outubro) presentarase 52 Herciosde Ados Teatroa (Euskadi), unha mirada coral sobre a soidade non desexada que parte dunha orixinal metáfora: o canto dunha balea que, ao emitirse a 52 hercios, queda fóra da frecuencia habitual da súa especie.

Os monicreques e o teatro familiar terán o seu espazo en Negreira (16 de outubro) e Arzúa (30 de outubro) conEl gato con botas de agua, unha visión contemporánea do conto infantil que leva á escena a compañía asturiana El Callejón del Gato.

Pola súa banda, en Lugo (17 de outubro) e Santiago de Compostela (18 de outubro) poderase ver La balada del norte,a adaptación escénica da recoñecida novela gráfica de Alfonso Zapico a cargo de Saltantes Teatro (Asturias), que aborda a memoria e o conflito de clases arredor da Revolución de 1934.
En Ribadeo (25 de outubro) haberá unha dobre función de3 Elementos,un espectáculo de ilusionismo inmersivo e multisensorial apto para todos os públicos, creado pola compañía navarra Hodei. Finalmente, as funcións de CEN en Galicia pecharanse en Vimianzo o 30 de outubro coa representación de ¿Dónde están los niños?, da compañía vasca Tartean Teatroa, unha profunda dramaturxia sobre as presións que recaen na infancia e as fendas que se abren nunha sociedade excesivamente esixente.
A Praza do Obradoiro acolleu a presentación de Camiño Escena Norte 2026. Foto: Miguel Lamas

Teatro galego en Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra

Mentres o público de Galicia recibe as propostas procedentes dos demais territorios, as tres compañías seleccionadas para representar o talento galego xirarán polas distintas comunidades participantes. A representación do país virá da man de Ártika Cía con Non pasarán, de Teatro de Ningures con As gardiás, ou o nó do tecelán (Premio da Crítica de Galicia 2025) e de Teatro O Cubo coa súa produción Vooda que se puido ver unha escena esta mañá unha na praza do Obradoiro.
As tres compañías galegas levarán as súas propostas a Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Concretamente, entre setembro e novembro, Ártika Cía actuará en Marina de Cudeyo (Cantabria), Hondarribia (Euskadi) e Corvera (Asturias); mentres que Teatro de Ningures estará en Zizur Mayor (Navarra), Unquera (Cantabria) e Villaviciosa (Asturias). Pola súa banda, Teatro O Cubo actuará en Zarautz (Euskadi), Xixón -no marco do festival Danza Xixón- e Sopela (Euskadi).
Toda a programación de Camiño Escena Norte está dispoñible para consulta na súa web oficial, espazo no que tamén se pode consultar e descargar o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte, unha ferramenta que funciona como selo de calidade e de promoción e apoio ás propostas escénicas dos seis territorios participantes. O catálogo inclúe 36 espectáculos, dos cales 18 son parte do Itinerario Constelacións.
CEN é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza e artes do movemento e circo contemporáneo.
Camiño Escena Norte conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da Deputación de Lugo; xunto ao Gobierno del Principado de Asturias, Gobierno de Cantabria e Gobierno Vasco; as deputacións forais de Araba, Bizkaia e Gipuzkoa; o Gobierno de Navarra, o Gobierno de La Rioja e o Ministerio de Cultura. Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.