CompostelaCultura

Alana presenta na Sala Capitol ‘Un saber’, un disco para bailar, cantar, gozar e emocionar

Eloy Vidal, Antía Vázquez e Pablo Castro son Alana. Foto: augasalgada

Alana presentará ‘Un saber’, o seu novo traballo discográfico, nun concerto na Sala Capitol, en Santiago, este sábado, 18 de abril ás 21:30 h. As últimas entradas aínda están dispoñibles aquí.

Este segundo LP de Alana veu a luz en todas as plataformas dixitais o pasado 10 de abril. Neste traballo o grupo explora os ritmos da nosa tradición oral, sen perder a súa xa característica base electrónica e pop, nun disco de evolución e madurez, ritmicamente diverso, para bailar, cantar, gozar e… emocionar.

‘Un saber’ (título que fai referencia ao saber popular das señoras) conta coas colaboracións de Pan.Sen.Fron, Guillerme Fernández, Casapalma, Galician Army, Charanga Benofán, Andrés Boutureira e Bieito Pereira, mentres que a posta en escena corre a cargo das escenógrafas e iluminadoras. O proxecto contou para o seu desenvolvemento co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Alana son Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro. O seu é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile; unha proposta que parte das recollidas e mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, nunha coidada e xa característica produción musical.Con este novo traballo discográfico, Alana reflicte o seu cambio vital e amosa, tamén, unha continuidade, desde aquel ‘O xeito á Cántigha’, a súa primeira e festexada ópera prima.

Agora, a banda regresa con máis forza se cabe, e coas mesmas gañas de seguir facendo o que máis lles apaixona: “Desde o noso primeiro disco, houbo moitos cambios en nós, tanto a nivel profesional como a nivel persoal, e pensamos que o disco reflicte este cambio. Pero é, tamén, unha continuación: queremos que sexa un disco que transmita o ben que o pasamos facendo música; un disco para bailar, cantar, gozar e, se cabe, emocionar”, sinalan. Por outro lado, a nivel rítmico é un disco moi diverso, “xa que exploramos a meirande parte dos ritmos da nosa tradición oral. En moitos casos, as cancións están ligadas con momentos ou persoas que foron importantes nas nosas vidas”, apunta a banda. E continúa: “Había unha idea que nos rondaba na cabeza desde hai tempo, e era a pouca importancia que lle daban as propias informantes á música que facían, algo que xa sabíamos, pero que nos segue sorprendendo a día de hoxe”.

Antía, Eloy e Pablo apuntan, tamén: “O libro publicado por Beatriz Busto Miramontes, Pandereteiras de Mens, fala de como Prudencia, Asunción, Manuela, Adela e Teresa –e, como elas, tantas mulleres no noso país–, non tiñan unha «conciencia directa de que detrás da práctica de tocar a pandeireta, cantar e bailar houbese un saber musical». Para elas a música eran esas charangas ou murgas, pensaban que o seu non constituía un ’saber’ en si mesmo, e de aí o nome do disco”. Para Alana, esa música constitúe algo de tan alto valor, de tan amplo coñecemento e de tan grande saber que “queríamos aportar o noso pequeno grao de arena para seguir con ese legado que nos deixaron e nos deixan”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.