CompostelaCulturaMúsicaNovas

Fillas de Cassandra levan a portada do seu novo disco ‘Tertúlia’ a unha instalación na Fundación Granell

Fillas de Cassandra na exposición Tertúlia. Foto: AIGI BOGA
De ser portada dun disco a conformar unha exposición. Doce cadeiras despregadas nun círculo para facilitar organicamente o encontro. Unha roda para conversar e para poñer a palabra no centro. Doce pezas, unha por cada canción do disco, son as protagonistas de ‘Tertúlia’, o novo álbum de Fillas de Cassandra. Mais tamén dunha exposición temporal que o público pode visitar, de balde, a tarde do martes 7 de abril (de 17:00 a 20:00 horas) e e o mércores día 8 (de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas) na Fundación Granell.
Que forma, textura ou cor terían as cancións se fosen cadeiras? Baixo esta premisa agroma ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’, unha exposición que hibrida a creación musical de Fillas de Cassandra coa práctica escultórica e escenográfica do colectivo As dúas e punto. A mostra invita ao público a entrar fisicamente na portada do novo disco do dúo, un álbum que verá a luz o 24 de abril.
A elección da cadeira como dispositivo narrativo desta ‘Tertúlia’ non é arbitraria; remite á oralidade, á escoita, á expresión. Ás mulleres que sacaban o asento á rúa para “saír á fresca” e falar, conversar, dialogar; para transformar o espazo público nun lugar de transmisión e complicidade, idea que atravesa o segundo LP das viguesas. Esta exposición recupera ese xesto para encarnar a música en doce pezas que funcionan como partituras tridimensionais.

As cadeiras da exposición -que tamén se poderá visitar en Madrid os días 10 e 11 de abril no espazo Infinito Delicias- non son practicables nin buscan a comodidade neutral. Ao igual que as letras de ‘Tertúlia’, estas pezas toman partido: algunhas ofrecen refuxio mentres outras incomodan ou expulsan, obrigando á receptora a situarse ante a obra. A disposición circular das doce pezas e as indicacións de “posible falar” que se ven no espazo activan de maneira orgánica a tertúlia, transformando o museo nunha praza pública de intercambio.
Fillas de Cassandra na exposición Tertúlia. Foto: AIGI BOGA

Doce cancións, doce cadeiras

A instalación articúlase como unha experiencia espacial onde cada cadeira conta cun stand individual de escoita. Estas son as doce cancións transformadas en pezas escultóritcas que conforman a mostra.

Tertúlia, o segundo LP de Fillas de Cassandra
O 24 de abril María SOA e Sara Faro lanzarán, da man de Altafonte, ‘Tertúlia’, o seu agardado segundo LP. Un traballo que supón un paso firme na súa evolución artística, onde o orgánico e o electrónico se entrelazan para dar voz a un diálogo que transcende o tempo.

‘Tertúlia’ é un convite a desobedecer a través do encontro e da palabra. Neste novo traballo, producido xunto a Çantamarta polas propias Fillas de Cassandra, a electrónica convértese na linguaxe protagonista, reflectindo o latexo da xeración de mozas galegas á que pertencen. As viguesas contan neste álbum, ademais, coa colaboración de nomes como Abraham Cupeiro, Ede, Pipiolas e Zetak.

O álbum articúlase arredor de doce temas que funcionan como un espazo de confianza, un xesto político de escoita nun contexto de fragmentación social. Desa ducia xa se coñecen tres adiantos: ‘saír á fresca’, ‘insolación’ e a recente ‘déixate ver’.

A presentación ao vivo de ‘Tertúlia’ chegará o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra.  Fillas de Cassandra e numerosas colaboradoras -que se darán a coñecer nestas semanas- citarán ao público para poñer, por fin, a palabra no centro. As entradas para a gran estrea da ‘Tertúlia’ xa están á venda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.