CompostelaCulturaNovas

A Semana de Cine Euroárabe AMAL 2025 programa cinco proxeccións baixo o lema “TODAS SOMOS PALESTINA”

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas presentou a vixésima terceira edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2025 no hotel Eurostars Araguaney de Santiago. No acto interviñeron o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cine Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez; a  concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica de Santiago, Míriam Louzao; e o director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo.

Ghaleb Jaber Martínez agradeceu a colaboración do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia nesta nova edición de AMAL, “un clásico e un festival singular de Compostela onde se pode ver cine árabe contemporáneo con grande percorrido por diferentes festivais internacionais”. En concreto, sinalou que AMAL aporta un achegamento entre culturas, “moitas veces separadas polos medios de comunicación e intereses internacionais”.

Para esta edición, Jaber Martínez explicou que a mirada céntrase en Palestina, facendo referencia ao conflito actual no territorio, e mesmo á propia historia da familia Jaber que fuxiu de Yafa a Nablus, a onde foron expulsados ata partir a terras xordanas. “Desde o Grupo Araguaney entendemos a cultura como unha das principais riquezas que podemos deixar á cidadanía. Facer AMAL é unha cuestión de principios. O mundo pódese destruír pola indiferenza. O audiovisual é unha arma para humanizar diferentes culturas. É fundamental ver cine e consumir cultura para conseguir un mundo mellor” –argumentou–.

Facendo referencia a AMAL 2025, con seu lema “TODAS SOMOS PALESTINA. UNHA OLLADA A TRAVÉS DO CINE”, Ghaleb Jaber Martínez puxo énfase en aclarar a crúa realidade da poboación palestina nestes últimos dous anos, marcada non só pola destrución do seu territorio a causa das bombas e os corpos esnaquizados, senón tamén pola “fame deliberada” utilizado como arma de guerra polo exército israelí a modo de método cruel e planificado de exterminio.

“Miles de nenos e nenas morren en Gaza sen acceso a auga, sen alimento, sen atención médica, mentres o mundo observa, impasible ou distraído. As imaxes que nos chegan non poden transmitir a ignominia nin o horror que realmente se vive alí. Temos que ser quen de sentir esa dor coma se fose nosa. Coma se cada corpo ferido en Gaza fose parte do noso propio corpo. Só así, poderemos espertar en Occidente” –explicou–.

Jaber Martínez sinalou que, desde o seu nacemento, o Festival AMAL quixo ser algo máis ca un festival de cinema, ata chegar a converterse “nunha pantalla que se rebela contra a inxustiza, a vergoña e a barbarie”. Así, destacou que, a través do cinema, AMAL quérese converter na voz atronadora que xorde da gorxa dese corpo ferido que é Palestina, “un berro contra o xenocidio que está a cometer Israel, unha e cantas veces faga falla”.

No seu 23 aniversario, Ghaleb Jaber Martínez apuntou que AMAL segue sendo “esperanza, pero tamén memoria, resistencia e denuncia, cunha coidada selección de películas palestinas que ofrecen unha ollada directa sobre a ocupación, a Nakba, a dor e a dignidade. AMAL é Palestina”. Resumindo a programación, Jaber Martínez salientou que se presentan cinco pezas de cine palestino, cada proxección cunha temática diferente.

Míriam Louzao destacou que AMAL non é só un certame necesario, senón que é imprescindible. “É evidente que non podemos deixar que o que está a suceder en Gaza caia no esquecemento. E neste mundo das presas e dos individualismos, corremos o risco de insensibilizarnos. E precisamente, a cultura é un antídoto contra iso, unha das mellores formas que temos de defender os dereitos humanos, de fomentar o respecto ás distintas identidades culturais e a convivencia de múltiples voces. AMAL sempre foi ese faro de diversidade. E iso entronca moi ben con todo o que queremos fomentar desde a programación da concellaría de Capital Cultural” –asegurou–.

Pola súa parte, Anxo Lorenzo deu os seus parabéns ao equipo da Fundación Araguaney-Puente de Culturas pola organización desta vixésimo terceira edición. Ademais, salientou que a semana de AMAL ten continuidade coa organización de AMAL en Ruta por outras cidades de Galicia, como Pontevedra, Ourense ou Carballo. “AMAL é unha iniciativa singular, pero que encaixa no panorama dos festivais audiovisuais en Galicia, sempre cunha programación social con moito atractivo que non se pode ver nos circuítos comerciais” –apuntou–. Tamén quixo destacar como a Fundación é capaz de compatibilizar o seu proxecto cultural co proxecto empresarial, que é parte esencial do audiovisual galego. Finalmente, Lorenzo fixo un chamamento á cidadanía para que asista a AMAL.

Catro documentais e una ficción

Amal 2025 celebrarase do 20 ao 24 de outubro no Teatro Principal de Santiago (rúa Nova, 21) coa exhibición de cinco cintas –catro documentais e unha longametraxe de ficción– que se poderán ver nun pase único por día de luns a venres. A xornada inaugural do luns será ás 20:00 horas, con entrada de balde para a proxección do documental “This is Gaza”, cita á que asistirá o documentalista Yousef Hammash, protagonista do documental, e a xornalista Olga Rodríguez.

O martes proxectarase o documental “Janin, Jenin”, ás 21:00 horas, sesión á que asistirá o actor palestino Saleh Bakri; o mércores a ficción “The time that remains”, ás 21:00 horas, que contará tamén coa asistencia de Saleh Bakri; o xoves o documental “Notes on displacement”, ás 21:00 horas, onde participará o presidente de honra da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim; e finalmente, o venres pecharase o festival co documental “The encampments”, ás 21:00 horas, cita á que asistirá o directordo Festival Amal e presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Martínez (Máis información das cintas en documento anexo).

As entradas de martes a venres terán un custo de tres euros (+ gastos de xestión) e estarán á venta en Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/). Tamén as entradas restantes poderanse adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal, unha hora antes de cada proxección.

Exposición fotográfica: “Gaza: o eco dos esquecidos”

A Fundación Araguaney-Puente de Culturas trae a súa Galería de Arte a exposición “Gaza: o eco dos esquecidos”, organizada pola Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas co apoio da Deputación da Coruña. A mostra revela a realidade do xenocidio en Gaza a través do obxectivo de tres reporteiros gráficos gazatís: Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama.

A exposición permitirá ao visitante sentir de primeira man a realidade de Gaza a través da mirada dos tres reporteiros gráficos gazatís que viven este horror desde dentro, aportando a mirada cruel e salvaxe dos actos acometidos polo exército israelí en terras palestinas ante a pasividade da comunidade internacional. Tamén a exposición amosa aos “esquecidos”, ás vítimas que se viron involucradas no conflito, pero que non aparecen nas noticias a pesar de ser relevantes.

A mostra estrutúrase seguindo os diferentes aspectos que mostran a complexidade do xenocidio desde as perspectivas descritas polos tres fotoxornalistas palestinos e desde distintas ópticas: histórica, atemporal, xornalística, fotográfica e informativa, o que permitirá ao visitante obter unha “visión integral, poliédrica e multidisciplinar do conflito.

O público poderá contemplar 20 otografías na Galería de Arte da Fundación Araguaney-Puente de Culturas ata o 30 de novembro, en horario de 12:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

O itinerario presenta o ontexto, a modo de liña temporal na que se expoñen os puntos máis importantes do conflito, desde os seus comezos ata o actual xenocidio. Tamén se poderán ver na selección de imaxes as persoas e as súas vivencias, como viven os gazatís e a chegada dos paquetes humanitarios, entrando nas casas, vendo as colas da fame, os seus pasatempos e os movementos migratorios.

Cociña árabe

Como é habitual, o restaurante Caney organizará a Semana Gastronómica de AMAL, do 20 ao 25 de outubro, onde se ofrecerá un menú árabe deseñado por Pedro Roca, chef do restaurante coñecido polo seu gusto pola gastronomía intercultural e que aportará á proposta o seu toque persoal, pero sempre conservando as características e propiedades da auténtica cociña árabe.

Lotería solidaria de Nadal: Nº 32497

Dentro do programa de actividades solidarias, como foi “AMAL X GAZA. CONCERTO SOLIDARIO (ARTISTAS GALEGAS X PALESTINA)” celebrado a pasada semana na Sala Capitol de Santiago, a Fundación Araguaney-Puente de Culturas dispón de Lotería de Nadal, un décimo solidario que se pode adquirir por 24 euros na sede da entidade no Hotel Araguaney-Puente de Culturas. Coa compra do décimo (Nº 32497), realízase unha doazón directa de 4 euros para a Axencia das Nacións Unidas para a Poboación Refuxiada de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.