CompostelaCulturaNovas

Chega a Tropa C, cinco personaxes que dan rostro á programación para o público familiar de Compostela Cultura

Compostela Cultura lanza A Tropa C, unha campaña e programación dirixida ao público familiar que converte a cidade nunha gran cosmos cultural cheo de emoción, aprendizaxe e diversión compartida, e que reforza o compromiso municipal coa cultura como dereito e coa rapazada como protagonista.

Cinco personaxes dan rostro, voz e personalidade á programación: Pili Po, unha polbiña curiosa e vital; Gael Po Alla, unha pinga viaxeira e empática; Octavia Altiora, unha estrela de oito puntas exploradora e soñadora; Lupa, unha loba valente, moderna e solidaria e Quercus de Conxo, un carballo sabio que representa a raíz e a memoria. Xuntas forman unha tribo diversa que celebra a amizade, o respecto e a cooperación, e que convida a descubrir nas diferenzas o maior valor.

Todas elas foron presentadas nunha rolda de prensa coas intervencións da concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López González. A dicir da concelleira, “estas personaxes ábrennos a porta a unha programación pública para familias, unha escolma de propostas culturais alternativas, á marxe de lóxicas mercantilistas e non mediada por pantallas. Porque a cultura é un dereito e este, un programa que cumpre co mandato constitucional de garantir o acceso á cultura, e facelo dende a infancia, con propostas próximas, inclusivas, diversas, engaiolantes e participativas”

A Tropa C busca ser, ao mesmo tempo, un selo e unha ferramenta de mediación cultural. Que o público familiar identifique facilmente a programación de Compostela Cultura e se sinta parte dela. Para iso, o universo da Tropa C espállase por toda a cidade e presenta diversas galaxias ou eixes culturais: A Tropa C no Patio de Butacas, que achega o público miúdo ao teatro, á danza, á música e ao circo nos grandes escenarios composteláns; A Tropa C na Casa, con actividades de balde na Casa das Máquinas, cheas de xogos, humor, teatro de rúa e creatividade; A Tropa C Por vez Primeira, especialmente pensada para o público máis miúdo, de ata tres anos de idade; A Tropa C no Ensino, nunha nova edición do programa didáctico que Compostela Cultura desenvolve cos centros educativos de Compostela e Galicia; e A Tropa C co Apego, onde atopan lugar os contos, merendolas e actividades que se desenvolven durante todo o ano dende o Departamento de Lingua Galega do Concello para vivir a nosa lingua desde a infancia.

De outubro a maio, os tres primeiros eixes ofrecen xa máis dunha trintena de actividades, a prezos moi accesibles ou de balde, no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Casa das Máquinas, alén doutros espazos da cidade. Unha temporada estable dirixida á rapazada e á mocidade que reforza o compromiso coa formación de novos públicos, coa igualdade e co acceso universal á cultura.

Xaquín López puxo en valor a solidez dunha programación “que é unha aposta moi forte por organizar, transmitir e deseñar, un programa en igualdade de condicións e importancia que os feitos para adultos”, e que busca servir de “instrumento para crear hábitos saudables de consumo cultural, a través da asistencia ao teatro, a eses espazos de relación” nos que “atoparse con outros iguais, comentar o espectáculo e gozar nunha sala, con outras persoas, dunha actividade cultural grupal”.

A estrea da programación chega esta fin de semana con dúas propostas moi esperadas que inauguran o calendario: Va de Bach, da recoñecida compañía Aracaladanza, erguerá o pano o sábado 11 de outubro (18.00 h, Auditorio de Galicia – Sala Ángel Brage) para abrir ás portas a unha fantasía visual e coreográfica inspirada no universo de Johann Sebastian Bach chea de humor, cor, movemento e maxia escénica, que engaiolará o público miúdo e adulto. As entradas (3€) xa están dispoñibles na web de Compostela Cultura

O domingo, día 12 de outubro, a Casa das Maquinas converterase en centro da brincadeira cos Xogos do Paporrubio (de 11.00 a 13.00 h), unha proposta que convida a redescubrir o xogo tradicional e a cultura agraria a través de brinquedos animados e pequenas historias cheas de encanto, pensada para crianzas de entre 1 e 12 anos e totalmente de balde.

Dúas experiencias complementarias que marcan o ton do que será unha tempada chea de imaxinación, aprendizaxe e diversión en familia e na que toparemos espectáculos como Rube de Alodeyá, Llar, da Compañía Federico Menini, Berenguela na gaiola do CDG, Galeatro e Xarope Tulú, Nanuq da Cía. Voël, Farra da Compañía Nacional de Teatro Clásico e a Compañía Lucas Escobedo, Royal de Paula Quintas e Arturo Cobas ou a Gran Gala do Circo de Pistacatro, ademais de concertos familiares da Real Filharmonía de Galicia e da Banda Municipal de Música de Santiago  e múltiples sesións de xogos.

Na programación que se abre até maio conflúen programas e circuítos da contorna estatal como Platea e Circo a Escena, do INAEM, e conta co apoio da Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago alén da colaboración doutras entidades como o Centro Dramático Galego ou o Centro Dramático Nacional.

As entradas para as actividades deste trimestre están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e na Zona C · Punto de Información Cultural (rúa do Preguntorio, aberta de martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 horas) e as de 2026 estarano a partir do mes de decembro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.