O Festival Galicreques celebra o seu 30 aniversario con preto de 60 funcións, 16 estreas e unha gran festa na Sala Capitol
O Festival Internacional Galicreques celebra a súa trixésima edición entre o 11 e o 19 de outubro en distintos espazos de Santiago de Compostela cun programa que inclúe preto de 60 funcións, 15 delas para escolares, a cargo dunha trintena de compañías chegadas de seis países e sete comunidades autónomas. Ademais, este mércores día 8 o sector escénico galego darase cita na Sala Capitol para a festa do 30 aniversario deste certame.
Así o explicaro nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, a deputada de Cultura Deputación da Coruña, Natividade González, e Jorge Rey, director de Galicreques.
A 30ª edición do Festival Internacional Galicreques terá o seu epicentro na carpa instalada no paseo central da Alamada de Santiago e estenderá a súa actividade a diferentes espazos da cidade, como os centros socioculturais de Conxo, Romaño, Ensanche, Santa Marta, Laraño, Fontiñas, Lavacolla, A Gracia, Castiñeiriño e Vite, así como ao Teatro Principal, á Fundación SGAE, á Reixa e, por vez primeira, á Sala Capitol.
Galicreques 2025 acollerá 16 estreas, entre elas as de catro formacións galegas. Así, Kalina Teatro pesentará a súa peza Limonardo dá vento o venres 12, Mircromina Teatro dará a coñecer Pasmo de pedra o sábado 11, e Nauta pechará o festival coa súa nova obra, Ephimeros, o domingo 19. Ademais, K’paparota e Danthea Teatro estrearán o luns 13 a peza Verán na lavandería no marco do programa de funcións escolares.
No panorama internacional, destacan as estreas de formacións como El Guiñol del Guiñol (Colombia), que presentará El último árbol o sábado 11. Ese mesmo día poderá verse por primeira vez Lazarillo del riachuelo, do arxentino Gonzalo Guevara. E desde Arxentina chegarán tamén outras dúas propostas inéditas: Tape y otros cuentos, de Roberto White, e La luna como testigo, de Agarrate Catalina.
Unha das estreas mundiais máis esperadas é a da compañía portuguesa Fío D’Azeite, que representará O rei va nú o domingo 12. Tamén botarán andar en Galicreques as novas montaxes de Títeres Candelilla (Chile) con Kuiyen, sueño mapuche o martes 14; Zaches Teatro (Italia) con Cenicienta o mércores 15, e Andarte Sonando (México) con Ya se armó la Titerelia o sábado 18 de outubro.
Tamén verán a luz en Galicreques as novas propostas de formacións xa coñecidas polo público do festival. É o caso de Panta Rhei, compañía vasca galardoada co Premio Galicreques en 2018, que trae a Santiago Krim, pequeño lobo o xoves 16, ou a catalá Fil de Guá, que chegará ese mesmo día coa súa nova obra, Emproianova. As outras dúas estreas incluídas nos cartel poderán verse o venres 17 da man de Txotxongillo Taldea (País Vasco) coa función escolar de Caminos para la poesía e La Tartana (Madrid) con Un hilo me liga a vos, para público xeral.
Podes consultar aquí o programa completo.
Unha edición especial
O aniversario protagonizará dous actos dentro do cartel de Galicreques. O primeiro deles chegará o mércores 8 de outubro e consistirá nunha festa de inauguración que acollerá a Sala Capitol. Ao longo da velada -pensada para ser un grande encontro do sector escénico en xeral e do teatro de monicreques en particular- sucederanse as actuacións e as sorpresas. A esta apertura só se poderá acudir con convite e marcará o inicio dunha colaboración coa Sala Capitol, recinto que se suma como espazo para o teatro de monicreques neste 30º Galicreques: o domingo 19 de outubro, ás 12.00 horas, o seu escenario recibirá a compañía aragonesa Teatro Arbolé e o seu espectáculo Los tres cerditos.
O segundo acto vencellado ao 30º aniversario terá lugar o luns 13 ás 20.00 horas na xa tradicional carpa que Galicreques instala na Alameda. A esa hora, diferentes artistas que actuaron ao longo dos anos no encontro compostelán ofreceranlle ao público as súas vinculacións artísticas e emocionais co festival, os monicreques e a mais cidade. Jorge Rey, director e fundador de Galicreques encargarase de moderala.
Ademais, entre outras actividades especiais deste aniversario, a Biblioteca Ánxel Casal acolle ata o 29 de outubro unha mostra que recolle monicreques e marionetas do mundo, así como fotografías de moitas compañías que participaron no Galicreques ao longo destes 30 anos. Tamén está exposta unha colección cos carteis das pasadas edicións do festival, dende 1996 até a presente edición 2025.
O Festival Galicreques está organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura e Deporte a través do Inaem e a Fundación SGAE.