#SomosCoruñaA CoruñaGastronomíaNovasPatricia Dopazo

A EMPANADERÍA: “O traballo duro e a dedicación son os alicerces para construír un proxecto que funcione ben”

Por Patricia Dopazo de Gente que cuenta

 A Empanadería acaba de celebrar o seu quinto aniversario. Foto: Iván Barreiro
A Empanadería acaba de celebrar o seu quinto aniversario. Foto: Iván Barreiro

Miña bisavoa cantábame esta canción popular galega: “Unha vella mais un vello fixeron unha empanada, a vella papouna toda e o vello quedou sen nada…”

Cando somos cativos somos coma esponxas, absorbemos todo. Aprendizaxe constante. Recordo todo de ela. As súas conversacións, as súas cantigas, as andainas polo campo… pero, sobre todo, a súa cociña. Que ben cociñaba esa muller! A única que me facía relamber o prato e co mal comedora que era de pequena, iso era un milagre. Os seus callos tiñan admiradores, tortillas, caldeiradas, salpicón… A raíña da cociña,  a meiga dos fogóns do restaurante familiar. Pero a empanada… Iso era unha gozada. Que ben sentaba  despois dun día de troula na praia! Chegar e encher, como se di. Esa empanadiña cun refresco de laranxa era manxar de deuses.

Pásame como co viño. Sempre que me preguntan cal é o meu favorito non podo concretar. Pois igual coa empanada. De atún, bacallau, mexillóns, vegana, zamburiñas… Non sei cal escoller! E vós? Moi galego o tema! Todo depende… A verdade é que temos unha gastronomía marabillosa e dá gusto facer entrevistas a xente que aposta por ela. Orgullo galego.

Manter a nosa tradición, cultura e algo que temos que valorar e apoiar. A Empanadería, na rúa Vicente Ferrer 18 (fronte aos Novos Ministerios), é un lugar IMPRESCINDIBLE na nosa cidade. Obviamente pola súa empanada e elaboracións, pero tamén pola súa calidade como persoas e o agarimo que poñen no seu traballo diario. Boa competencia tería miña bisavoa con vós!

Sodes moi grandes e alégrome moito desta entrevista e dos cinco anos que levades abertos.

Moita sorte equipo, por moitos anos mais desfrutando das vosas RIQUISIMAS empanadas!

Quen lle dá vida o proxecto e cando nace ?

O proxecto xurdiu en 2020. Eu (Laura Rivera) estaba buscando traballo e meu pai, Quique, tiña ganas de cambiar de ambiente laboral. Sabiamos que tiñamos unha boa receita de empanadas e criamos que podía gustar. Vimos un cartel de “se alquila” nun obradoiro de panadería mentres paseabamos preto do noso barrio e pensamos en executar esa idea.

Logo, uníronse persoas próximas a nós para o crecemento da empresa. Queremos tamén destacar o esforzo de Sara, Alexei e Jose que sempre nos axudaron desde o comezo e estannos axudando a fortalecer o proxecto.

Unha frase que vos defina?

Mellor que unha frase, a nós gústanos máis usar a palabra “constancia”.

Por que empanadas?

Na nosa casa, para todas as festas ás que iamos había que levar a empanada de entrante.

A receita sempre se lle deu moi ben á miña nai e nós fomos copiándolla. Unha masa moi saborosa, unha zaragallada ben feita e un recheo abundante sempre foi o máis importante. O día que faltaba xa nos estaban preguntando por ela.

Toda a familia creu e apoiounos ao saber deste proxecto. De feito desde o primeiro día sempre nos axudaron co boca a boca e notabamos que gran parte da clientela eran amigos de familiares. Por sorte hoxe en día xa sabemos que non son tantos como os que nos coñeceron a posteriori.

Que vos caracteriza e diferencia?

Como dicía unha famosa cadea de pizzas… o segredo está na masa! E no noso caso é quizais máis verdade ca na deles. A nosa creemos que é diferente. É crocante, fina, cun corrosco que estás desexando tamén comelo e que deixa moi bo sabor de boca. Tamén destacamos por un recheo abundante, porque cremos que se unha persoa paga por unha empanada de algo quere de verdade atopar ese produto dentro. Sempre intentamos facer un sofrito de cebola e pemento que non repita e que estea para chupar os dedos.

Que aspectos definen o voso traballo, a que publico vos enfocades e que queredes transmitir?

Tradición, calidade e sabor.

Centrámonos nun público que confíe no noso traballo, que poida entrar cos ollos pechados sabendo que o que vai levar vai ser un produto de calidade. Tanto nas nosas empanadas como na nosa comida para levar.

Como é voso día a día?

Agora mesmo con estrés porque cada día temos novos retos. Aínda que levamos xa 5 anos sendo os mesmos, a demanda non para de aumentar e a xente sempre nos sorprende.

Tamén nos pasa que non sabemos dicir que non a nada e intentamos cumprir con todos, moitas veces a costa de desbordar. Pero no fondo sabemos que se tivésemos un traballo máis tranquilo acabaríamos aburríndonos. Iso si, temos claro que por moito que fagamos, a calidade sempre ten que ser o que prime. Non por non chegar a algo imos dar un produto peor. É unha liña vermella para nós.

Que prima en vós?

Sabor e a calidade.

Que non pode faltar?

Unha empanada de atún! Sabemos que é a máis clásica, sen dúbida a que máis vendemos, pero é a que nunca falla. Quizais tamén onde a xente pode ver máis a diferencia co resto de empanadas.

Como vedes o voso  presente, como foi o pasado e como se proxecta o futuro?

O presente vémolo moi optimistas, sabendo que nos agarda un verán de moitísimo traballo, pero xa é algo ao que estamos habituados. Sabemos  que o boca a boca é a mellor publicidade que existe e por iso intentamos sempre dar o mellor de nós.

Do pasado xa sabemos agora que podemos estar orgullosos é que del temos un proxecto con moi boa base, onde non nos precipitamos, fomos con pés de chumbo e que temos o futuro asegurado.

Sobre o futuro preferimos ser cautelosos. Nós somos máis de ir día a día e pisando sobre seguro, por iso nunca nos propuxemos plans de ir máis lonxe que de onde estamos.

Quique Rivera e Jose Places, en A Empanadería. Foto: Iván Barreiro

Quique Rivera e Jose Places, en A Empanadería. Foto: Iván Barreiro

A FUME DE CAROZO

Una palabra.

Constancia.

Un olor.

Sen dúbida, o que nos caracteriza alá onde imos é o recendo a cebola, pero ben cocidiña.

Un referente.

A cociña tradicional galega. É a nosa maior inspiración e a base de todo. A partir de aí pódese chegar moi lonxe.

Un soño.

Durmir máis de 12 horas, polo menos un día! Pero en canto ao laboral, algo que agradecemos sempre son cando nos fan boas críticas. Que nunca cambie iso.

Un lugar.

Un ‘chiringuito’, baixo o parasol, un día de verán gozando dun bo vermú e un bo petisco da Empanadería.

Un momento neste tempo.

Levar un cuarto de empanada de zorza para comer na praia!

Unha anécdota.

Difícil escoller só unha, pero fai un ano un dos nosos clientes lle levou unha empanada a Frank Cuesta e este a levou a Tailandia. Aínda que sexa un personaxe moi polémico e discutido, fíxonos gracia que chegase tan lonxe. De feito saímos en varios xornais e durante un tempo viña xente nova pedindo a empanada de Frank Cuesta. Por sorte moita desa xente volveu repetir.

Un recordo.

Aínda que non nos gusta facer agardar a xente, en Noiteboa sóense formar ringleiras para esperar pola comida e é o día que máis traballamos no ano. Sempre é unha responsabilidade e un orgullo que nos confíen a súa comida nun día tan sinalado.

Un cociñeiro/a.

Alexei! O noso cociñeiro! Cando empezamos nisto tiñamos medo de que das empanadas só non se puidera vivir e puxemos un mostrador de comida para levar. Hoxe en día unha gran parte da nosa clientela vén para levar comida porque é un crac!

Un prato.

Os seus callos.

Una empanada recomendada.

Unha nova de polo en salsa de porros. Está de marabilla!

Que opcións ofrecedes?

Máis de 20 sabores diferentes! Desde opcións de carne, a peixe, marisco e incluso veganas.

Últimas palabras.

Queremos engadir unhas palabras de agradecemento a todas as persoas que valoran o noso traballo e que o demostran cada día entrando pola porta, que entenden que temos erros e que aínda así seguen apoiándonos.

Grazas por facer que estes cinco anos pasasen tan rápido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.