Espazo de cultura, arte e artesanía


O Mercado Galego da Creatividade é o primeiro espazo físico de venda do colectivo Creativas Galegas. Un espazo heteroxéneo, situado en pleno casco histórico de Compostela, e no que podemos atopar un amplo abano de artigos selectos e deseño artesanal galego.
Este Mercado é unha proba de que os nosos oficios, as tradicións, a nosa cultura artística e creativa están moi vivas e teñen continuidade nas novas xeracións.
As propias persoas creativas e artesás atenden a tenda co propósito de proporcionar un trato próximo e xerar experiencias humanas auténticas e únicas, nun lugar de paz, ou como o describen moitos dos nosos clientes, «nun lugar con alma».
Un museo para os/as amantes do arte, con sensibilidade pola cultura e o patrimonio cultural galego. Sabemos que quen entra neste Mercado son persoas con conciencia ecolóxica, preocupadas pola pegada que deixamos no planeta, e con responsabilidade social, que buscan produtos locais, exclusivos, especiais e de calidade.
Obras de arte orixinais sobre múltiples soportes, reproducións artísticas, mobles restaurados, produtos de edición limitada creados a partir de plásticos e outros materiais reciclado… Isto, e moito mais, no Mercado Galego da Creatividade