fbpx
CulturaDe libros

Arantza Portabales e a vida secreta de todos

Arantza Portabales, no Riquela Club.

Tras a exitosa 'Beleza Vermella', Arantza Portabales publica 'A vida secreta de Úrsula Bas', unha nova aventura da explosiva parella formada polos detectives Abad e Barroso. Pero esta novela -que atrapa, madura- vai máis alá dos eternos desencontros destes dous policías composteláns. Tamén é unha reflexión da violencia sobre a muller, a soidade e o abatemento da vida cotiá.

Ano e medio despois de resolver o caso de Xiana Alén, os detectives regresan con feridas e cousas non ditas que deberán arranxar, nun difícil equilibrio entre o eido laboral e persoal.

Ana Barroso xa non é aquela moza fascinada por Santi Abad, poñendo en solfa o seu traballo, senón unha muller reivindicativa do seu espazo en todos os sentidos. Por iso non permite actitudes condescendentes ou abertamente machistas dos seus compañeiros, incluíndo ao propio Santi Abad, que deberá aprender a tratar con esta nova Ana e consigo mesmo, inmerso como está nun proceso de cambio. Ambos están a madurar, coa dor que iso supón.

Os compañeiros enfróntanse a unha misteriosa desaparición dunha escritora famosa cuxa cegadora presenza pública nas redes agocha unha fonda insatisfacción vital. Signo dos nosos tempos.

Descubrimos a escrita como unha forma de salvación ante unha existencia na que aparentemente se ten todo para ser feliz, pero na que en realidade costa saír da cama todos os días para mergullarse nunha rutina insoportable.

Arantza e Ruth.

E así Portabales vainos deslizando cara ao porqué namoramos de descoñecidos a través das redes sociais; como a través delas créanse fíos invisibles e case indestrutibles, máis fortes que cos seres cos que compartimos teito. Maneiras modernas de fuxir por un intre.

Portabales amosa personaxes solitarias que atopan en Tinder un compañeiro casual para olvidar, ou no escaparate das redes sociais unha vida alternativa, pura fachada para ocultar o descontento.

'A vida secreta de Úrsula Bas' tamén é unha novela onde as mulleres son protagonistas, mulleres fortes, independentes, exitosas, atractivas, pero que non logran escapar da violencia de xénero. Súfrenna, desde a máis brutal ata as máis soterrada, como a persecución a través da tecnoloxía.

Todas as mulleres da novela (Úrsula, Catalina, Raquel, Ana) vense atrapadas por homes que as ven como súas. Homes en apariencia respectables que sen embargo considéranas como obxetos para posuír, lucir ou matar.

O libro encantará aos amantes da novela negra, cos seus xiros inesperados e o continuo suspense ata o final. Arantza Portabales condúcenos como un coche a toda velocidade pola vida secreta de Úrsual Bas, que ben podería ser a de calquera de nós, cos mesmos vicios e pecados.

Entrevista con Arantza Portabales no Riquela Club