O Centro Dramático Galego estrea a versión teatral de ‘Memorias dun neno labrego’ dirixida por Cándido Pazó

A Xunta de Galicia abre a súa actividade deste 2026 no Centro Dramático Galego coa estrea este xoves 8 de xaneiro, ás 18,00 horas no Salón Teatro de Santiago, do espectáculo Memorias dun neno labrego, nova versión teatral da famosa novela de Xosé Neira Vilas producida coa compañía Contraproducións baixo a dirección escénica de Cándido Pazó. Na sede da unidade teatral da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude poderá verse ata o 25 de xaneiro e do 11 ao 15 de febreiro, ademais de xirar inicialmente por outra decena de localidades nestes dous meses.
O secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, presentaron, xunto ao equipo artístico, a montaxe a través da que a compañía pública homenaxea a figura de Neira Vilas no 10º aniversario do seu pasamento e no 65º da publicación de Memorias dun neno labrego. Participou, así mesmo, a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, para falar da colaboración con esta entidade a través de visitas guiadas ligadas á temática da obra. A primeira delas celebrarase o 14 de xaneiro ás 16.30 h (inscricións en socios@museodopobo.gal)
En canto ás devanditas efemérides, Valentín García lembrou que o libro foi publicado por vez primeira en Bos Aires o 5 de xaneiro de 1961 a modo de agasallo de Reis do autor de Vila de Cruces a todos os nenos galegos, dentro e fóra de Galicia. Tanto o secretario xeral da Lingua como Cándido Pazó incidiron na pertinencia e necesidade de novos achegamentos a esta gran novela da literatura galega, que marcou varias xeracións lectoras e conta con traducións a unha vintena de idiomas e máis de 700.000 exemplares publicados en todo o mundo.
A emoción en primeiro termo
As lembranzas de Balbino, o rapaz de aldea que –como destacou o secretario xeral da Lingua– é xa un dos personaxes máis universais das nosas letras, regresan a escena 15 anos despois de que o propio Pazó levara ás táboas unha primeira adaptación teatral en formato monólogo. Para esta segunda revisión da obra no ámbito do teatro profesional, conta con Xúlio Abonjo, Manuel Cortés, Iris Darriba, Mónica García, Federico Pérez Rey, Santi Romay e Ana Santos para lle dar vida a un espectáculo moi dinámico e para todos os públicos. As lembranzas de Balbino preséntanse como a memoria colectiva dunha Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, poñendo en primeiro termo a emoción, pero botando man tamén do humor e da comunicación directa co público.
Ademais da dirección escénica, Cándido Pazó asina este texto teatral que sigue a voz sincera e sensible deste fillo de labregos pobres medrando nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Así, Balbino narra con mestría a vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a relación co pai, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir do seu destino.
Completan o equipo Pablo Giráldez “O Pastor” na escenografía e atrezzo, Martina Cambeiro no vestiario e caracterización, Xosé Lois Romero na música orixinal, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na axudantía de dirección e Mariña Lestón na asistencia a produción, que traballan man a man co persoal técnico do CDG.
Ante o bo ritmo de venda de entradas do espectáculo, para o que xa foron adquiridas máis de 2500 localidades, o director do Centro Dramático Galego anunciou que haberá unha segunda quenda de representacións do 11 ao 15 de febreiro, que se sumará á inicialmente programada do 8 ao 25 de xaneiro. En ambos os casos, as funcións serán de mércores a domingo ás 18,00 h. e os billetes poden adquirise en entradas.ataquilla.com e no propio teatro desde dúas horas antes do comezo de cada pase.
Xira inicial
Ademais, Memorias dun neno labrego ten pechada unha xira inicial para estes dous meses, durante os que se poderá ver en Vimianzo, Nigrán, Lugo, Ribeira, Vilalba, Rianxo, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras ou Carballo, entre outras localidades.
Ao tempo, a compañía da Xunta mantén a súa campaña Sobes ao autobús do teatro?, a través da que pon a disposición dos concellos galegos un servizo gratuíto de autocares a Santiago de Compostela para poder gozar do espectáculo. No marco desta iniciativa, o Salón Teatro recibirá público de 25 municipios, así como un grupo da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
Disponse igualmente das habituais medidas de accesibilidade, como interpretación a lingua de signos, audiodescrición e subtítulos para o teléfono, ademais das funcións descontraídas dos mércores cunha atmosfera acolledora e maior tolerancia respecto do ruído e movemento no patio de butacas.
