A CoruñaCulturaNovas

A ‘Vacanal Sinfónica’ do grupo De Vacas recalará no Teatro Colón o vindeiro 7 de febreiro

O grupo De Vacas traerá á Coruña un concerto moi especial polo seu décimo aniversario, o espectáculo ‘Vacanal Sinfónica’, que forma parte do calendario cultural da institución. Será o vindeiro 7 de febreiro, ás 20 horas, no Teatro Colón. Os billetes sairán á venda nos próximos días con prezos que van dos catro aos dez euros. Na rolda de prensa de presentación, a deputada de Cultura, Natividade González, amosou a súa «gran ledicia» por comezar o ano anunciando este evento e de poder facelo «nun marco como o Teatro Colón».

Acompañada polas integrantes do grupo —Faia Díaz, Paula Romero, Inés Salvado e Guille Fernández—, a responsábel de Cultura afirmou que é «un privilexio» poder compartir, como institución, «un momento coma este, o décimo aniversario cun grupo xa consolidado cunha base fiel».

Canto ao espectáculo en si, afirmou que «non vai defraudar as fans» e confirmou que o escenario se vestirá «de gala e de grandes músicos e músicas».

En termos similares se pronunciou Guille Fernández, quen ademais falou da concepción creativa do espectáculo. «Na nosa traxectoria caracterízamonos por ‘desvestirmos’ as cancións. Agora o que fixemos é o contrario, vestilas con arranxos —de Lucas Rei— para un formato especial en que contaremos cun coro de sesenta persoas —o Coro da Ra—, un cuarteto de cordas e outro de vento».

Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado abundaron na «parte emocional» dun espectáculo que, alén de conmemorar os dez anos da formación, é tamén un reencontro «con xente moi querida», como O Coro da Ra, «unha gran familia e que foi tamén onde nos coñecemos», apuntaron.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.