Os Premios da Industria Musical de Galicia coroan o seu primeiro elenco de gañadoras e gañadores

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega das Empresas Musicais (AGEM) co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, xa teñen gañadores e gañadoras. A gala de entrega de premios tivo lugar este xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun encontro sectorial que deu comezo contra ás 19.30 horas.
A pontevedresa Tamara García Romero foi a presentadora encargada de conducir o encontro e anunciar ás persoas e ás iniciativas premiadas, entre todas e todos os e as finalistas alí presentes. Pola súa banda, Señora DJ foi a encargada de poñerse aos pratos para animar coa súa pinchada o peche da velada.
Un xurado profesional integrado Anxela Baltar, música, produtora e comunicadora; Cecilia Carballido, produtora cultural; María Baqueiro, consultora de sustentabilidade; Noel Miguélez, divulgador musical; os xornalistas musicais Tito Lesende e Javier Becerra; e a Fundación Paideia elixiu ás e aos gañadoras e gañadores nas 14 categorías xerais dos premios:
- Mellor deseño de iluminación: Teresa Tresandí, por DILUVIO, de Tanxugueiras.
- Mellor implementación de son: Iago Blanco, por La máquina del buen rollo, de The Rapants.
- Mellor empresa provedora de servizos: Vacaline.
- Mellor profesional de produción: Xabi Carnota.
- Mellor manager: Kin Martínez.
- Mellor produción discográfica: Juan de Dios, por Feira, de De Ninghures.
- Mellor posta en escena: Marina Oural e Ugia Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, por Síntese horizonte, de Guadi Galego.
- Mellor promotor/a-programador/a: Julio Gómez e Luis Campos, de Sinsalaudio.
- Mellor proxecto de comunicación: Bring the Noise, polo Resurrection Fest Estrella Galicia.
- Mellor identidade visual: Lara Caeiro, Sandra Montero, Noemí Solla, Kika V Ramil, Arantxa Brandón e Fillas de Cassandra por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
- Mellor videoclip: Santi Iglesias, Sergio “Steel” e Fillas de Cassandra, por Hibernarse, de Fillas de Cassandra.
- Mellor evento cultural / musical: Surfing the Lérez.
- Mellor espazo musical: Sala Capitol.
- Mellor proxecto de sustentabilidade: Festival de la Luz.
Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionou outras dúas categorías:
- Artista do ano: Carlos Ares.
- Persoa do ano: Francisco Gómez ‘Gandy’.
Finalmente, houbo un premio por votación popular:
- Excelencia na experiencia do público: Surfing the Lérez.
SOBRE OS I PREMIOS DA INDUSTRIA MUSICAL DE GALICIA
Os Premios da Industria Musical de Galicia nacen da man da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), entidade que defende os intereses profesionais das entidades galegas ligadas á xestión cultural e aos espectáculos vinculados á música ao vivo. A iniciativa pretende visibilizar e poñer en valor aquelas traxectorias, proxectos e iniciativas no eido musical que destacan polo seu compromiso coa creatividade, a innovación, o respecto e a sustentabilidade. En definitiva, exemplos a seguir no sector profesional galego.
En palabras da presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Os I Premios da Industria Musical de Galicia nacen para celebralo, para agradecer o talento e o compromiso de quen fai posible o seu crecemento, e para recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.
Deste xeito, os I Premios da Industria Musical de Galicia, promovidos por AGEM co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Deputación da Coruña, pretenden ser unha ferramenta para dar visibilidade ao talento galego e fortalecer a industria musical como motor cultural, social e económico. Con esta iniciativa, AGEM reafirma o seu compromiso de traballar colectivamente por un sector máis profesional, recoñecido e sostible. Os premios nacen no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, asinado por AGEM co impulso da Xunta de Galicia.
Un xurado independente formado por profesionais expertos en xornalismo musical, divulgación, produción, creación artística, sustentabilidade e emprendemento cultural foi o encargado de propoñer as candidaturas e seleccionar ás tres iniciativas ou persoas finalistas, así como de outorgar os premios nas diferentes categorías, que se desvelaron esta noite na gala sectorial. A misión do xurado foi a de destacar aquelas persoas, empresas e proxectos que contribúen ao avance colectivo do sector e que representan boas prácticas dentro da industria musical galega.
Na súa primeia edición, os Premios da Industria Musical de Galicia premiaron un total de 17 categorías. Delas, 14 foron outorgadas polo xurado profesional: deseño de iluminación, implementación de son, provedor de servizos, profesional de produción, manager, produción discográfica, posta en escena, promotor/a-programador/a, proxecto de comunicación, identidade visual, videoclip, evento cultural/musical, espazo musical e proxecto de sustentabilidade. Ademais, a Xunta Directiva de AGEM seleccionou outras dúas categorías: artista do ano (Carlos Ares) e persoa do ano (Francisco Gómez ‘Gandy’). Finalmente, houbo un premio por votación popular: o da excelencia na experiencia do público, que recaeu no Surfing The Lérez.
A noite deste xoves, 27 de novembro, na Sala Capitol de Compostela, celebrouse un encontro sectorial no que se deron a coñecer os gañadores e gañadoras e foron entregados os galardóns desta primeira edición dos Premios da Industria Musical de Galicia, nun formato próximo, pensado para favorecer a cooperación e a convivencia entre os diferentes axentes da industria musical galega.

SOBRE A ASOCIACIÓN GALEGA DE EMPRESAS MUSICAIS (AGEM)
A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) nace en 2007 para defender os intereses profesionais das empresas galegas vinculadas á música ao vivo: produtoras, promotoras, managers, axentes de contratación, compañías de representación artística, editoras fonográficas e empresas técnicas, entre outras actividades relacionadas coa xestión cultural e os espectáculos.
AGEM está integrada por empresas que conforman a cadea de valor da actividade cultural e musical. Empresas que realizan actividades de deseño, xestión e produción de eventos de carácter cultural, musical, educativo, social e de entretemento, destinados a ser realizados en locais pechados ou a ceo aberto e, en xeral, todas as actividades técnicas e preparatorias para a execución destes eventos ou servizos, incluída a actividade comercial, de representación de artistas, festivais, distribución e xestión.
Estas entidades traballan en distintos mercados de artistas internacionais, que conforman as programacións de numerosos festivais e espectáculos producidos en Galicia e noutros territorios. Igualmente, hai empresas que representan a diversos artistas, na súa maioría galegos, que traballan en mercados de todo o mundo. As socias de AGEM son promotoras de festivais maioritariamente producidos en Galicia, pero tamén noutros territorios. Empresas de produción técnica e persoal técnico especializado que traballan en numerosos espectáculos producidos dentro e fóra de Galicia. Distintas gravacións producidas ou editadas por integrantes de AGEM teñen repercusión en mercados internacionais e son sincronizadas tanto a nivel fonográfico como editorial en producións audiovisuais; longametraxes, curtas, documentais e publicidade.
O impulso industrial propiciado por AGEM vai máis alá do facturado polas empresas asociadas. O impacto económico dos espectáculos nos que participa AGEM, tanto de artistas en solitario coma de festivais, é de mais de 100 millóns de euros. As empresas que conforman AGEM son a raíz do sector cultural e resultan fundamentais na industria global da cultura, na música e no seu tecido económico.




