A CoruñaGastronomíaReportaxes

Tres anos de Feirarrúa: arte, gastronomía, comercio local e cultura de barrio na Coruña

Por  Rebeca Munín

Veciñanza e visitantes gozaron da celebración do III Aniversario do Feirarrúa. Foto: Carmen MB
Veciñanza e visitantes gozaron da celebración do III Aniversario do Feirarrúa. Foto: Carmen MB

Feirarrúa, o mercado de rúa que se celebra o primeiro sábado de cada mes no Soho Orzán da Coruña, festexou o pasado 8 de novembro o seu terceiro aniversario. O que comezou en 2022 como unha iniciativa para impulsar a vida de barrio converteuse, tres anos despois, nun espazo de encontro que combina arte, cultura, gastronomía e convivencia veciñal.

Ao longo deste trienio, Feirarrúa logrou consolidarse como unha proposta sólida e diferenciada dentro do panorama urbano coruñés. O seu crecemento sostido e a resposta do público demostraron que a colaboración entre comercios, hostalería e servizos pode transformar a identidade dunha zona e proxectala como referente de creatividade e dinamismo. O aniversario non só celebrou a súa continuidade, senón a madurez dun modelo que aposta pola cultura de proximidade, a participación cidadá e a revitalización do espazo público nunha das áreas peonís con máis personalidade da cidade.

Gastronomía, arte e familia

Esta edición especial do Feirarrúa- Gastro&Arte, organizada pola Asociación Soho Orzán co apoio do Concello da Coruña, incluíu a celebración do II Concurso de Petiscos, que ofreceu unha oportunidade para que a hostalería local mostrase a súa creatividade culinaria. Novas receitas, sabores e presentacións fixeron as delicias de visitantes que gozaron dun percorrido gastronómico tan variado como innovador.

En paralelo, o Mercado de Arte volveu converterse nun dos espazos máis concorridos. Artistas locais, creadoras e produtores deron vida a un escaparate que permitiu dar visibilidade ao talento de proximidade e reforzar o vínculo entre cultura e comercio. Participaron nesta ocasión Dime Plaga, Gisela Galván, Moai Diseño, Begoña Pastoriza, Cris Alborja, Antón López Bazarra, Mhaseba, Xulia Weinberg, Estefanía e Miriam Domínguez Cagigao  e Cándida Malicia.

As actividades infantís, pola súa banda, engadiron un compoñente inclusivo e familiar que afianzou a participación veciñal. Talleres, xogos e propostas creativas ofreceron unha contorna segura e estimulante para os máis pequenos, facendo de Feirarrúa un punto de encontro interxeracional.

Os establecementos participantes destacaron a importancia de iniciativas como Feirarrúa para xerar movemento, visibilidade e novas oportunidades de conexión coa veciñanza e as persoas que o visitan. Este evento non só dinamiza as súas rúas, senón que contribúe a fortalecer unha identidade urbana baseada na proximidade, a cultura e a vida en comunidade. Porque así é o Soho Orzán: un barrio que aposta pola colaboración, a creatividade e un modelo de cidade a escala humana.

O mercado de rúa, que se celebra o primeiro sábado de cada mes na zona do Soho Orzán, consolídase como un motor que contribúe de forma directa á identidade urbana da cidade

Koke Trigo, de A Espiga, de Nohe Cerrato, de Pistachio Pastel, posaron co xurado despois de recibir os seus galardóns. Foto: Carmen MB
Koke Trigo, de A Espiga, de Nohe Cerrato, de Pistachio Pastel, posaron co xurado despois de recibir os seus galardóns. Foto: Carmen MB

A Espiga e Pistachio Pastel, gañadores do II Concurso de Petiscos

A II edición do Concurso de Petiscos do Feirarrúa Soho Orzán permitiunos gozar de dúas rutas, unha doce e outra salgada, na que os establecementos participantes ofrecían as súas creacións a un prezo único de 3,50 euros.

Un xurado formado por Diana Sobral Cabanas, concelleira de Emprego, Comercio e Mercados do Concello da Coruña; Pablo Gago, gañador da I edición do concurso; Borja López Cotelo, representante da Asociación Soho Orzán; Antía Yuste, profesora de cociña e gastronomía do CIFP Paseo das Pontes; e Carlota Fariña, xornalista e creadora de contido gastronómico, foi o encargado de elixir os petiscos gañadores. A Espiga, co seu ‘Esmagao de orella de porco crocante, queixo afumado, berza frita e chimichurri picantón’, gañou o premio na ruta salgada, na que tamén concursaron Yebra, Pablo Gallego, Toloache, A Chousa d’Abaixo, Ártabro Brioche e A Empanadería. Por outro lado, Pistachio Pastel venceu na categoría doce co seu ‘Macaron de pistacho e framboesa’ fronte a Dulces Sueños, Pan e Canela, O Pettit e Praliné.

‘Esmagao de orella de porco crocante, queixo afumado, berza frita e chimichurri picantón’ de A Espiga. Foto: Carmen MB

A Espiga

Koke Trigo, chef do restaurante coruñés A Espiga, apostou para este concurso por un petisco no que primaba o produto de proximidade e de temporada. “Estamos na época de cocidos, un prato que me gusta moito, e apetecíame levalo a un bocado”, explica. Ademais, o seu ‘Esmagao de orella de porco crocante, queixo afumado, berza frita e chimichurri picantón’ representa á perfección o estilo culinario do seu local, un espazo no que se dan a man tradición e innovación. “Buscamos darlle un pouco unha volta á nosa cociña de sempre, con produto de calidade pero sen que falte ese punto divertido”, asegura.

Para Koke a experiencia no Feirarrúa Soho Orzán foi moi positiva, sobre todo para achegarse aos compañeiros e compañeiras da zona e para dar visibilidade ao seu xeito de cociñar, “nun momento no que este concepto de petiscos e de volver ao bar de sempre, máis informal, está moi ao día”. 

‘Macaron de pistacho e framboesa’ de Pistachio Pastel. Foto: Carmen MB

Pistachio Pastel

Nohe Cerrato abriu as portas de Pistachio Pastel hai case dous anos en Culleredo. Hondureña de nacemento, mudouse a España hai máis dunha década e tras un período dedicado á súa maternidade, decidiu probar sorte no mundo da pastelería. Diplomada en Artes Culinarias en Costa Rica e con varias formacións relacionadas co sector ás súas costas, chegou o día no que se aventurou a poñer en marcha o seu propio negocio.

A súa liña de produtos baséase en catro especialidades: as tartas, os entremets, as cookies e os macarons. E precisamente cunha creación destes últimos foi coa que se alzou como gañadora do II Concurso de Petiscos do Feirrarúa Soho Orzán na categoría doce. “É algo diferente e moi visual, chama a atención. E ademais, está moi bo! A súa gracia está no recheo dobre. Dá moito xogo para ofrecer diferentes texturas, sabores... Para o certame escollín un macaron que teño en carta e triunfa moito, de pistacho e framboesa, pero dándolle un xiro diferente co crocante”, explica. Para ela foi unha sorpresa a vitoria, nun evento que ao que lle gustou moito ir: “A experiencia foi moi boa, tiven contacto con moita xente. Quédome co compañeirismo tan bonito que tivemos entre as participantes, sen ningún tipo de competitividade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.