fbpx
CompostelaDe libros

Diego Ameixeiras: “Sempre estou escribindo, é algo orgánico”

Diego Ameixeiras. Foto: Iván Barreiro

Cheguei a Diego Ameixeiras (Laussane, 1976) como se chega aos personaxes nas novelas de Paul Auster: a través de terceiras persoas. Primeiro, lendo o seu nome insistentemente como referente non só na novela negra galaica, senón como un dos mellores narradores actuais na nosa lingua. Despois o seu nome saíu en múltiples conversas cuns e outros escritores patrios.

E así fun creando o meu propio personaxe, un escritor moderno; cunha linguaxe capaz de plasmar o máis duro da forma máis fermosa e brillante;  forxado nas vicisitudes entre os estertores da Xeración X e o nacemento dos Millenials ao que lle tocou vivir a precariedade pre-hecatombe 2008 a golpe de pesimismo  -marca da casa-, e que lle levou a despuntar gañando o Premio Xerais con Tres segundos de memoria’ (2006). Sen embargo, non quixo acomodarse no retrato xuvenil e a súa carreira percorreu despois os escuros camiños da novela negra, nos que segue. A súa última obra, ‘A crueldade de abril’. 

Defínente como A gran esperanza branca da novela negra”. Como te sentes con iso?

É un titular un pouco esaxerado, aínda que é unha motivación que alguén faga una lectura positiva das túas obras. A novela negra centrou os meus esforzos literarios nos últimos anos; atopar xente que responde ao traballo sempre axuda a continuar. A novela negra é un espazo moi ocupado polo mercado, aínda que eu non sexa un escritor que pretenda un público masivo.

A crueldade de abril’ –tamén traducida ao castelán- recibiu moi boas críticas a nivel nacional. É unha mestura de dureza, marxinalidade e lirismo. Que quixeches contar?

É a historia dunha vinganza e tamén de marxinación, sobre en que nos pode converter a sociedade cando nos expulsa dese territorio de aparente normalidade no que nos obriga a vivir a todos. Utilizo o molde da novela negra clásica, escrita dende o punto de vista do delincuente, aquí non hai unha investigación policial. O libro quixo dar una visión dese mapa humano de perdedores ao que non lle prestamos atención.

Tamén fala de como xente normal” acaba de pronto no mundo da marxinalidade. 

Si, a novela nas últimas páxinas dá unha reviravolta final falando sobre como persoas supostamente respectables agochan instintos desprezables, sobre todo cando teñen algún tipo de poder. Iso tamén está na novela. O mundo é un lugar bastante podre. 

Que che permite contar o xénero negro?

Como escritor podo entreter ao lector e ao mesmo tempo  facer unha fotografía da realidade social bastante incómoda. A vida social e a política teñen grandes doses de trama negra.

Retrato de Diego Ameixeiras. Foto: Iván Barreiro

Cales son os temas que máis che interesan?

O paso do tempo, a vida, a morte, o amor, a incomunicación, a marxinalidadePero non me poño a escribir cun tema pensado previamente. As historias van fluíndo e elas mesmas van atopando un tema, unha identidade.

Sen embargo, o Premio Xerais obtivéchelo cunha novela xeracional, Tres segundos de memoria. Como cres que o teñen hoxe os rapaces de 30 anos con respecto aos de 2006?

Creo que a situación económica e social é peor, máis desesperanzada que no 2006 por mor da crise. Cando escribín a novela usábase o término mileuristapara aqueles que accedían aos seus primeiros traballos, e agora pódese considerar ao mileurista como alguén con sorte.

Un rapaz de 30 anos teno máis difícil. O progreso pode ter grandes retrocesos. Vexo rapaces cunha falta de expectativas que a miña xeración non sufría. Aínda estamos metidos nas consecuencias da crise, o individualismo e a precariedade están moito máis presentes, e estamos máis desmobilizados.

Como ves o panorama da literatura galega?

Non se pode desvencellar da situación do idioma, que é bastante catastrófica. Está en risco a supervivencia da lingua, e iso sófreo a literatura. Vexo a desmoralización no sector porque vemos que nos estamos dirixindo a uns lectores nun idioma que está a desaparecer. Sentes que a sociedade vai por outro camiño.

Noutro eido, sinto que estase a correxir a terrible desigualdade entre autores e autoras, o cal é de agradecer por incorporarse voces e  temas novos. Tamén é importante que se incorporaron escritores novos de 25 anos, aínda que teño dúbidas de que haxa recambio xeracional polo que falaba da calidade do idioma.

Por outra banda, creo que estamos correndo o risco de infantilizar as historias. Utilízanse certos valores para empaquetar historias de dudosa calidade literaria.

Diego, asinando a súa novela para Pincha. Foto: Iván Barreiro

Como deches o salto do xornalismo á escrita? Ou foi algo que se mesturou?

A miña primeira vocación foi a de escritor. Sempre pensei no oficio de escribir.

Onde está o límite entre o escritor e o xornalista á hora de escribir? Onde remata un e empeza o outro?

O xornalismo ás veces aparece nos libros como material de consulta e documentación. Teño a necesidade de contar a realidade que teño diante dos ollos, as miñas novelas adoitan tratar sobre o presente.

 A literatura e o xornalismo son dous mundos na miña cabeza que se relacionan no subconsciente.

Que che aportan cada unha das túas facetas como xornalista, escritor e guionista?

O xornalismo apórtame ter que estar atento a tódolos libros en galego que se publican. É unha oportunidade.

A literatura aporta a liberdade absoluta, permíteme respirar.

Considérome alguen que aprende doutros guionistas. É un traballo que tes que facer con máis xente, moi enriquecedor, permite quitarse moita vaidade.

Cal é o teu próximo proxecto?

Neste 2020 espero que haxa noticias sobre unha novela miña traducida ao castelán. Sempre estou escribindo porque é algo orgánico.