Festa do Banquete
Por mor da previsión meteorolóxica para este domingo 22 de maio, anúlanse as actividades da Festa do Banquete que estaban programadas na Carballeira de Conxo. Todos os actos e a romaría trasladaranse ao vindeiro domingo, 29 de maio.
O tren turístico que cobre o percorrido entre a Alameda e o barrio de Conxo tampouco prestará este servizo este domingo 22 de maio, aínda que se mantén o sábado.
O Mercado do Libro e da Artesanía e as actividades programadas na praza de Aurelio Aguirre manteranse ao longo da xornada do domingo, como estaba previsto.
Actos ANULADOS o domingo 22 de maio
11.00 h Alá van estudantes e artesáns. Desfile teatral desde o centro de Santiago (inicio na praza do Toural) ata Conxo.
12.45 h Pregón da Festa do Banquete. A cargo de María Dolores Domínguez Santos (Madó) do Castiñeiriño e Iria Portos Conde de Laraño. Praza de Conxo.
13.00 h Baixamos ao bosque do Banquete. Continuación do desfile teatral ata a Carballeira de Conxo.
13.30 h Concerto da Banda Municipal de Música de Santiago. Carballeira de Conxo.
14.15 h Recreación teatral do Banquete de Conxo. Os Quinquilláns. Carballeira de Conxo.
15.00 h Xantar e romaría popular, con brindes de veciñas e veciños. Carballeira de Conxo.
17.00 h O Serán da Fraternidade. Foliada de música tradicional con Os Fondaos do Pífaro e Muiñeiros do Sarela. Carballeira de Conxo.
19.30 h Despedida da Festa do Banquete 2022 e convite á seguinte edición.
Actos QUE SE MANTEÑEN o domingo 22 de maio
Mercado do libro e da artesanía (de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h)
12.00 h Libraría Aenea – Charla coa autora María Eiras e demostración de ilustración sobre o libro En el nombre de la madre. Creación y Luz, de Luís Rodríguez Cao.
17.30 h Ed. Ir Indo – Presentación do libro Florencio Delgado Gurriarán, de Tania Pérez e Xosé Ramón Campos.
18.00 h Ed. Fervenza – Presentación dos libros Os Balbinos e Cen pezas do traxe do Val da Ulla.
18.30 h Ed. Fervenza – Presentación dos libros Re-Encontros musicais. Homenaxe aos músicos xubilados da BMSC (1993-2021) e Nas rúas de Compostela.
19.00 h Ed. Ir Indo – Presentación do libro Pepa a Loba, de Xosé Lois Ripalda.
20.00 h Chocolatada.
20.30 h Concerto de peche: OS D’ABAIXO.
Como podes participar?
A participación da veciñanza poderá artellarse de múltiples formas:
1- Podes sumarte ao desfile teatral de estudantes e artesáns do domingo 22 de maio da Praza do Toural a Conxo.
2- O domingo 22 de maio haberá un Serán da Fraternidade aberto á música e ao baile tradicional ao que podes acudir co teu grupo de música ou baile.
Para calquera desas opcións contacta co Centro Sociocultural de Conxo, no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.
3- Na romaría popular vestíndote de época para a Festa do Banquete ou xantando na carballeira a comida que traias da casa ou merques nos foodtrucks que atoparás na Rúa Ramón Baltar.
Actividades para os máis novos
O programa de activades das Festas arrancará o venres ás 11:00 coa representación teatral de “O Pequeno Banquete” a cargo de Os Quinquilláns e o alumnado dos centros CEIP Quiroga Palacios, IES Arcebispo Xelmírez II e CPR Santa Apolonia. Arredor de 450 alumnos achegaranse á Carballeira para participar ou asistir á esta peza teatral, que dará paso a continuación ao concerto da cantante galega Wöyza.
O mesmo venres pola tarde terá lugar a xincana familiar “Coñéceo máis” polo Bosque do Banquete de Conxo, cuxa inscrición é posible a ata completar aforo.
Ademais, os brindes gañadores do o I Certame de Brindes Poéticos “Banquete de Conxo”, dirixido ao alumnado de primaria, secundaria e bacharelato da cidade, e organizado polo Departamento de Educación, serán lidos o domingo 22 na Festa do Banquete.
Temáticas variadas
Durante os tres días todas as persoas interesadas terán a oportunidade de participar nun amplo abanico de actividades lúdicas e formativas. O venres 20 pola tarde, impartiranse dous obradoiros, un adicado ao baile tradicional, sen inscrición previa; e outro aos tradionais Cantos de Taberna, cun posterior percorrido que se iniciará Hospital Psiquiátrico de Conxo e continuará nos bares do barrio.
Co fin de coñecer máis en profundidad a contorna onde se desenvolveu o Banquete, o sábado ás 10:00 horas terá lugar a actividade inmersiva “Baños do Bosque” con previa inscrición a través do correo electrónico bosque@santiagodecompostela.gal. Tamén ás 12:00 e 12:30 horas, Quique Alvarellos e Susana Domínguez guiarán dous roteiros sobre a historia do Banquete de Conxo, con posibilidade de seguilo en galego, castelán ou inglés e con inscrición previa.
Xa na tarde do sábado, o CSC Aurelio Aguirre de Conxo acollerá a mesa redonda “A guerra en Ucraína e a paz”, conducida pola xornalista Nuria López, na que intervirán Miguel Cabo Villaverde, profesor de Historia Contemporánea da USC, Marcos Márquez, analista internacional, e representantes de AGA Ucraína e a Plataforma Galiza Pola Paz.
O programa completarase cun Concerto da Coral do Psiquiátrico de Conxo xunto coa Coral Amigos do Castiñeiriño, o Coro de Habaneras Rocha Forte e o Coro Crecente na Escalinata do Hospital Psiquiátrico de Conxo ás 19:00 e a “A Festa da Poesía”, que será conducido por Marga Tojo e contará coa participación musical de Bratzantifa, Hugo Guezeta, Su Garrido Pombo e as poetas Nuria Vil, Carlos da Aira, Mariña Maceiras, e que terá lugar na Praza Aurelio Aguirre ás 20:30 horas.
3º Mercado do Libro e da Artesanía
A praza Aurelio Aguirre acollerá os días 21 e 22 de maio, o Mercado do Libro e da Artesanía que poderá visitarse en horario de mañá e de tarde.
Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello, este espazo acollerá 20 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.
Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo
Entre o 14 e o 22 de maio, ao longo do traxecto de baixada do desfile ao Banquete de Conxo, entre a praza de Cervantes e o Bosque do Banquete de Conxo, os viandantes poderán desfrutar da exposición “Rosalía no Bosque do Banquete de Conxo” que pretende difundir a arte figurativa ao mesmo tempo que se fai un recoñecemento aos protagonistas do Banquete de Conxo.
Tren do Banquete de Conxo
O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.
Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda e chegarán ata o barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. As horas de saída desde a Alameda serán a cada hora en punto desde as 11:00 h ata ás 20:00 h o sábado e o domingo, e desde a praza do Mosteiro de Conxo de 11:30 a 20:30 o sábado, e de 10:30 a 19:45 o domingo.