fbpx

Sexta edición do ‘Festigual’

When:
26 Outubro, 2022 – 3 Decembro, 2022 all-day
2022-10-26T00:00:00+02:00
2022-12-04T00:00:00+01:00
Where:
A Coruña

A concelleira de Benestar Social, Medio Ambiente e Participación, Yoya Neira, presentou esta mañá a sexta edición do Festigual. O día 26 de outubro comezará unha programación expandida que rematará o día 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, coa actuación de El Langui no Centro Ágora.  

Neira destacou que o Festigual “aséntase como unha referencia estatal no apoio á creación cultural de persoas con algunha discapacidade”. “Este ano aumentamos a programación facendo máis actividades que nunca e chegando a máis espazos: a teatros, centros educativos, centros de atención, centros cívicos e lugares de ocio, empapando de diversidade toda a cidade durante máis dun mes de actividades”, agregou Neira. 

Na organización do Festigual colaboran o Concello da Coruña, a Fundación Emalcsa, a Deputación da Coruña, Vegalsa e a Fundación María José Jove. 

Este ano, como novidade, a programación tratará de achegarse a un público fundamental para a transformación social: a adolescencia. “Queremos que todos eses rapaces e rapazas que están formando a súa personalidade entendan que hai moitas formas de mirar, que se acheguen a outras realidades e que aprendan a valorar a diversidade”, dixo a concelleira. 

A sexta edición do Festigual mantén a convivencia de espectáculos e artistas consagrados con proxectos de calidade da cidade. Ademais de nomes tan coñecidos como El Langui ou a obra teatral “Campeones de la Comedia”, de Yllana, con algúns dos protagonistas da premiada película de Guillermo Fesser, haberá espectáculos de Experimentadanza, un concerto da Orquestra de Cámara galega, a gala de Música Baixo as Estrelas con Sophie Simonds ou Sisters in the House ou a presenza de Teatro Valacar da ONCE ou Náufragos Teatro. 

Ademais, Festigual mantén o seu concurso de artes pola diversidade mudando este ano a fotografía pola escritura cun concurso de relatos breves sobre a inclusión que serán emitidos polo programa “Convivir en igualdade” da Radio Galega. Tamén haberá graffitis, exposicións fotográficas e de filatelia, actividades museísticas e moito máis. O programa completo do Festigual está dispoñible a través da web do Concello, na da Fundación Emalcsa e na web www.festigual.com.