fbpx

Nadal na Coruña

When:
2 Decembro, 2022 – 8 Decembro, 2022 all-day
2022-12-02T00:00:00+01:00
2022-12-09T00:00:00+01:00
Where:
A Coruña

O programa de Nadal na Coruña inclúe 37 días consecutivos de celebracións e espectáculos nos que a axenda cultural e de ocio, así como de eventos deportivos, chegará a todos os barrios da cidade.

Desde este venres e ata o 8 de xaneiro, a cidade acollerá máis de 60 eventos, en forma de concertos, obradoiros infantís e espectáculos orientados tanto ás persoas adultas como aos máis pequenos e pequenas.

Este sábado, a partir das 11.00 horas, abrirá o novo Mercado de Nadal, que conta co apoio da Asociación de Artesáns de Galicia e estará localizado na praza de María Pita, con 25 postos de artesanía, así como de entidades do terceiro sector que darán a coñecer a súa actividade. Estará aberto todos os días, de luns a domingo (de 11.00 a 14.00, e de 16.30 a 21.00 horas), a excepción do día 25, que ficará pechado, e os días 24 e 31, nos que abrirá á cidadanía de 11.00 a 15.00 horas.

En paralelo, tamén este sábado 3 e na praza de María Pita, poranse en marcha os obradoiros infantís que acollerá o novo iglú que estará situado na contorna do Mercado de Nadal. Os talleres, para os que será precisa inscrición previa e que rematarán o día 30 de decembro, abranguen a elaboración de traballos manuais como adornos florais e instrumentos musicais. Tamén achegarán os máis pequenos á cociña de Nadal.

Máis de tres millóns de puntos de luz led en todos os barrios

Ademais, este sábado, a partir das 18.00 horas, a alcaldesa acenderá as luces de Nadal. Será no Obelisco, e con especial protagonismo para as nenas e nenos coruñeses, ao igual que nas edicións previas. En total, o Concello instalou máis de tres millóns de puntos de luz led de baixo consumo enerxético e incrementou a 560 os arcos luminosos, distribuídos por todos os distritos, expandíndose polos Mallos e o Barrio das Flores, e chegando por primeira vez ao novo barrio de Xuxán.

Entre os adornos con temática de Nadal destaca a bóla luminosa de 12 metros de altura, que estará situada un ano máis na Mariña, e a árbore de 20 metros de altura do Obelisco.

En paralelo, instaláronse decoracións luminosas específicas, con paraugas de luces e elementos en 3-D, repartidas entre a praza das Conchiñas, o Campo de Marte, a praza da Cubela e o cruzamento entre a rolda de Nelle e a avenida de Arteixo.

Programación de Nadal nas rúas, teatros e instalacións municipais

A expansión da programación cultural polos barrios da cidade contempla espectáculos para todas as idades. Ao aire libre, coas Ruadas de Nadal que chegarán á Agra do Orzán, O Ventorrillo, Sagrada Familia, Os Mallos e Palavea, entre outros, e o teatro e circo a pé de rúa do Nadal Manicómico, que terá presencia en Catro Camiños e Matogrande.

Por outra banda, e ata comezos de xaneiro, A Coruña contará cunha ampla programación de concertos e espectáculos teatrais. A cidade vibrará con Carlos Núñez no Teatro Colón, co Ciclo Principal de Outono e Blanca Portillo no Teatro Rosalía de Castro, co Festival de Monicreques de Nadal do Fórum Metropolitano e, en paralelo, concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Gaos e as corais da cidade, así como dous concertos conmemorativos polo 175º aniversario da fundación do Círculo de Artesáns.

Ademais, levaranse a cabo obradoiros de cociña infantil nos mercados municipais de San Agustín, Eusebio da Guarda, Durmideiras, Elviña, Monte Alto e As Conchiñas. Comezarán o día 23 de decembro e prolongaranse ata o día 29.

Todos os centros cívicos da cidade acollerán, desde o día 22 de decembro, múltiples festas para os máis pequenos, obradoiros infantís, así como visitas de Papá Noel e os Reis Magos.

Apertura da Casa dos Xoguetes

Este xoves, 1 de decembro, tamén abrirá a Casa dos Xoguetes, un espazo de economía circular ideado para fomentar a reutilización e o consumo responsable no Nadal. Nesta edición, a Casa dos Xoguetes estará localizada na sede da Oficina Municipal de Información ao Consumidor, na rúa Costa da Palloza número 8.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.