Morriña Swing
Santiago acolle este sábado 16 de outubro o Morriña Swing, unha completa xornada de actividades que se desenvolverá no Riquela Club (Preguntoiro) e na sala Malatesta (San Lourenzo). O evento, organizado pola asociación Compostela Swing, busca difundir a música swing e o seu baile máis característico, o lindy hop, un baile que naceu na comunidade negra de Estados Unidos hai case un século e que nas últimas décadas está vivindo un auténtico ‘boom’ en toda Europa.
A escena de baile da música swing comezou a desenvolverse en Santiago hai arredor de seis anos e hoxe en día constitúe unha das referencias en Galicia, xunto á de Vigo e á da Coruña. A asociación Compostela Swing, que agrupa ós lindy hoppers que bailan na cidade, programou o Morriña Swing co ánimo de espallar o espíritu de vitalidade, ledicia e diversión que está na xénese desta música.
Desde a asociación Compostela Swing animan a todas as persoas interesadas na música swing ou no seu baile a participar nas actividades previstas para o sábado 16, que inclúen unha charla sobre a historia do swing, un par de pinchadas, un concerto e obradoiros de lindy hop para persoas que se queiran iniciar ou mellorar no baile. O lindy hop trátase dun baile en parella, caracterizado por unha participación interxeneracional, e que non require coñecementos previos de baile ou de música. Só ganas de aprender e pasalo ben!.
Programa de actividades
RIQUELA CLUB (Acceso libre ata completar aforo)
12.30 h. – Charla.
‘Historia do Swing: do Hot ao Bebop’.
(Iván Arceo)
13.30 h. – Sesión vermú. Pinchada swing, con Iván Arceo.
SALA MALATESTA
17 h. – Obradoiro de iniciación ao lindy hop. (Con Carlos Tomico)
Prezo: 5 euros.
Inscripción:
18.10 h. – Obradoiro intermedio – avanzado de lindy hop. (Con Carlos Tomico)
Prezo: 5 euros.
Inscripción:
21 h. – Concerto. ‘Por mi Swing’
Entradas: 3 euros.
https://entradium.com/events/morina-swing-actuacion-por-mi-swing
Ao remate do concerto, haberá unha pinchada na Malatesta co Dj Professor Cumberland.