fbpx

Exposición “As mulleres moven o mundo”

When:
8 Marzo, 2022 @ 8:00 p.m.
2022-03-08T20:00:00+01:00
2022-03-08T20:15:00+01:00
Where:
Centro Sociocultural do Ensanche
nº 14-
R. de Frei Rosendo Salvado, 16, Santiago de Compostela
15701

 

O vindeiro martes, coincidindo coa significativa data do 8 de marzo, será inaugurada de maneira oficial a exposición “As mulleres moven o mundo” no Centro Sociocultural do Ensanche. As obras, xa nas instalacións, conforman un percorrido por diversos eidos coa figura feminina como protagonista.

Na mostra atópanse retratos de mulleres a través de moi diferentes técnicas artísticas como o carbón, a acuarela, o grafito, o pastel ou o óleo. Elas representan nesta particular homenaxe do alumnado de Mareiras Espazo de Arte os ámbitos da cultura, a música, a investigación, a ciencia, o deporte, a política ou a interpretación, entre outros. Así, pódense atopar pezas cos rostros de mulleres de distintas épocas, tanto galegas como de varios puntos do mundo, e con vidas tan dispares como Jane Goodal, Amy Winehouse, Sofía Casanova, Inmaculada Paz Andrade, Ana Pontón, Indira Ghandi, Nina Simone, Verónica Boquete, Ana Peleteiro, Maruja Mallo ou María Casares.

O proxecto naceu dunha alumna de María Eiras, que propuxo xa polo 2018 debuxar a mulleres relevantes en distintos campos para celebrar o 8 de marzo, visibilizando así o seu papel e bo facer en moi diferentes disciplinas ao longo da historia e ata os nosos días. A proposta expositiva faise realidade neste 2022, despois de que ao longo deste tempo cada un e cada unha decidira a quen quería retratar, con que técnica e en que formato. María Eiras foi a encargada de converter a idea nunha mostra coa que “queremos dar visibilidade ás mulleres e aos seus grandes logros, de maneira que as novas xeracións teñan cada vez máis referentes de todo tipo e que unha nena só teña que soñar o que quere ser de maior. Conseguilo non dependerá de que ninguén lle diga que non pode, senón en boa medida da súa vontade e esforzo”. A profesora de debuxo móstrase especialmente orgullosa do resultado porque “o retrato é un exercicio de gran dificultade no que hai que realizar unha observación moi profunda da realidade para acadar o ansiado parecido coa persoa”.