fbpx

Delas Fest

When:
19 Xullo, 2021 – 25 Xullo, 2021 all-day
2021-07-19T00:00:00+02:00
2021-07-26T00:00:00+02:00
Where:
Santiago de Compostela

A artista visual Lily Brick realizará unha intervención en Pontepedriña e a muralista Iria Prol impartirá un obradoiro de introdución ao muralismo no Complexo Deportivo de Santa Isabel durante a última semana da programación do festival feminista de arte urbana e contextual Delas Fest, que foi presentado en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural de Compostela, Mercedes Rosón; pola concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; pola comisaria do Festival, Clara Cordeiro; e pola artista Lili Brick.

O Concello de Santiago acolle por terceiro ano consecutivo a programación do primeiro festival de arte urbana con perspectiva de xénero de Europa. Até o vindeiro domingo 25 de xullo, o proxecto impulsado por 7H Cooperativa Cultural leva ao territorio compostelán diferentes actividades orientadas a democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades que sofren as mulleres que traballan no espazo público.

Tralo seu paso polos concellos de Brión, Teo e Ames, onde Susana Blasco, Marina Capdevila e Doa Oa deixaron cadansúa pegada na galería ao aire libre promovida polo Delas Fest, o festival chega á capital galega da man da artista visual Lily Brick (Lleida, 1990), quen realizará ao longo desta semana un mural con spray en Pontepedriña. A temática da obra estará inspirada nas historias compartidas por veciñanza do municipio implicada na convocatoria “Anfitriónate”, lanzada pola organización co fin de promover vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local. A artista ilerdense traduciu as fotografías e memorias enviadas polas participantes, entre as que se atopan integrantes do tecido social do barrio e residentes implicadas a nivel particular, nunha peza de gran formato que dotará dunha nova identidade, feminista e contextual, ao polígono de vivendas Compostela e Cardeal Quiroga Palacios.

Ademais, o complexo Deportivo de Santa Isabel acollerá na fin de semana o último dos catro obradoiros formativo-experimentais en arte urbana que se ofrecen de balde no marco do festival. A ilustradora, deseñadora e muralista Iria Prol será a encargada de impartir o taller de pintura mural para artistas, que se desenvolverá de forma gratuíta, previa inscrición, nas tardes do sábado 24 e o domingo 25 de xullo.

A intervención mural colectiva e participativa resultante desta actividade suporá o punto e final da terceira edición do festival, desenvolto grazas ao apoio económico da Deputación da Coruña e dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión así como dos patrocinios de Montana Colors, Ibersa, Gadis, E.nova Enerxía e a Fundación Finanzas Éticas.