fbpx

DA TÚA MAN PARA A MIÑA

When:
20 Abril, 2022 @ 8:00 p.m.
2022-04-20T20:00:00+02:00
2022-04-20T20:15:00+02:00
Where:
Zona C. Punto de información cultural
Rúa de San Domingos de Bonaval
1, Santiago de Compostela
15704
Cost:
Free

O artista Fran Rodríguez Casal (1998, Traspielas, Pontevedra) presenta na Zona C o proxecto ‘Da túa man para a miña’, que foi seleccionado na modalidade de proxectos de creación artística para intervir o primeiro e o segundo andar dese espazo. A Zona C, que busca dar visibilidade á creación artística emerxente, acolle así a segunda das intervencións que poderemos ir descubrindo durante o ano 2022.

Da túa man para a miña interpela dous tempos, o pasado e o presente, a través de fotografías e de imaxes de videoarquivo da aldea natal do artista, Traspielas.

A intervención convídanos á reflexión sobre o concepto de comunidade e sobre a súa descomposición no rural galego, sinalando este proceso como o principal problema do despoboamento, ademais de combater a sacralización do rural definido como un conxunto de fósiles dunha época xa superada pero que temos obriga de conservar.

A paisaxe é froito da convivencia entre o ser humano e os medios de produción. Ao longo dos séculos as persoas traballaron e modificaron a paisaxe, que tamén foi quen de labrar a alma e o corpo daqueles que interviñeron nela.

As imaxes conteñen dúas realidades: por un lado o folclore, a vida cotiá e a bucolización desa paisaxe. Por outro a soidade, a fragmentación da sociedade e as duras condicións de vida. A través desta confrontación revélase un exercicio de violencia, converténdoo nun lugar desestabilizador e de denuncia. O fundamental, o vital, xace sepultado entre liñas.  A inocencia, aparente, non existe.

A través da montaxe desprázanse estes emblemas cun proxecto artellado en dous niveis:

Dunha parte unha proxección de videoarquivo onde se recollen actos comunais que tiveron lugar na aldea do artista, presentando o espazo do encontro e a reunión como un lugar que remite á comunidade. O lugar é a ausencia dunha presenza, algo que hoxe en día xa non existe. A idea de comunidade queda relegada a uns poucos acontecementos. A individualización do rural acabou cunha clase autosuficiente que se mantiña á marxe do sistema.

Doutra parte, preséntase o territorio na actualidade, a través dunha serie de fotografías onde os rostros dos protagonistas son confrontados coa paisaxe. As mesmas persoas que participan nos actos comunais que se amosan no videoarquivo agora son mostradas na realidade que viven. Persoas maiores que se atopan cunha dura realidade: o rural como espazo de soidade, carente de actividade e infraestruturas que cubran os mínimos dunha supervivencia en condicións óptimas.