fbpx

Boucatise: VII Festival Bocadillo Gourmet A Coruña

When:
3 Decembro, 2022 – 4 Decembro, 2022 all-day
2022-12-03T00:00:00+01:00
2022-12-05T00:00:00+01:00
Where:
Mercado de San Agustín - A Coruña

Os próximos días 3 e 4 de decembro levarase a cabo o Boucatise: o VII Festival Bocadillo Gourmet A Coruña. Será no Mercado de San Agustín e participan 12 establecementos coas súas propostas de bocadillos creados en exclusiva para este evento, no que haberá, ademais dos postos dos locais para poder degustar as súas creacións, “showcookings” de chefs, música e un espazo con actividades para a rapazada. 

Este festival, organizado cada ano polo Concello da Coruña a través do Consorcio de Turismo e Congresos, chega á súa VII edición e contribúe, sen dúbida, á posta en valor do gran potencial da gastronomía na cidade. O Boucatise poñerá fin a un outono gastronómico intenso, despois da celebración do XVIII Concurso de Tapas Picadillo e as III Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico. Como asegurou hoxe na presentación o concelleiro de Turismo e presidente do Consorcio de Turismo e Congresos, Juan Ignacio Borrego, “a gastronomía é un dos nosos puntos fortes como cidade, cunha oferta de calidade e con produtos de primeira”. Estivo acompañado por Sergio Castellanos, representante de Hijos de Rivera, que un ano máis colabora neste certame. O Festival Bocadillo Gourmet A Coruña enmárcase dentro das estratexias de promoción turística levadas a cabo polo Goberno de Inés Rey, que buscan potenciar e dar a coñecer o sector gastronómico e hostaleiro da cidade. 

Cada establecemento participante no Boucatise terá o seu posto no mercado, nos que servirán as súas propostas de bocadillo gourmet. A maioría dos postos, 10, estarán na parte superior do mercado e son postos salgados. Só dous son de doce/café e estarán na parte inferior. Os locais que participan son: Asador Gonzaba, Cantón 23, Intenso, La Conquista, La 

Esquina de Valentina, Greca Bar, Mansión 1783, La Teresa, Millo Orzán e Roots. Na planta baixa estarán Habaziro e Café Veracruz (doce/café). Os prezos dos bocadillos van desde os 4,50 a 6 euros. Cada día haberá “showcookings” de chefs como Ana Elorza, Antonio Roaro e Francisco Pires, de Nana Pancha; Diego Belo, de Cantón 23; Carlos Pérez, de Overa; Ángeles Romero, Catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da Universidade de Santiago (USC) e Directora da Cátedra do Pan e do Cereal; Manuel Triay, de Taberna Triay; Andrea Fantini, de La Teresa e Nacho Moreira, de La Esquina de Valentina. Os “showcookings” serán de balde, previa inscrición na web de Boucatise. 

Premios 

O público poderá votar polos seus bocadillos preferidos. En cada posto haberá un código QR para proceder ás votacións. Cos seus votos poderán optar ao sorteo de experiencias gastronómicas nos establecementos Boucatise. Os establecementos participantes optan aos premios a “Mellor Bocadillo Boucatise 2022” e a “Mellor Bocadillo Boucatise-Maridaxe Estrella Galicia 2022”. Entregaranse os premios, de 500 euros cada un, o domingo día 4 pola tarde, ao finalizar o festival. Toda a información na web: www.boucatise.coruna.es

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.