fbpx

40ª Festa da Filloa de Lestedo

When:
26 Febreiro, 2023 @ 11:00 a.m. – 8:00 p.m.
2023-02-26T11:00:00+01:00
2023-02-26T20:00:00+01:00
Where:
Lestedo - Boqueixón

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o deputado autonómico e presidente da Comisión de Control da CRTVG, Ovidio Rodeiro Tato; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presentaron no CIFP Compostela o programa da 40ª edición da Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar en Boqueixón o domingo 26 de febreiro.

O alcalde de Boqueixón agradeceu o traballo realizado tanto polos veciños e veciñas como pola Asociación Cultural da Filloa para “preparar un amplo programa de actividades vinculadas á 40ª Festa da Filloa de Lestedo e con moitas novidades como esa Festa da Filloíña, para os nenos e nenas que comezan a coller o relevo”.

Pola súa banda, José Manuel Canabal confirmou que o Alto dos Xenerais da Ulla, Festa de Interese Turístico de Galicia, volverá a celebrarse en horario de mañá e que “na degustación das filloas volveremos á normalidade, cunha degustación gratuíta ao mediodía e despois, ao longo de todo o día, todas as persoas que se acheguen poderán mercar e probar todo tipo de elaboracións: filloas doces, á pedra, recheas…”. Finalmente, Ovidio Rodeiro destacou unha vez máis o traballo dos veciños e veciñas de Lestedo  “que lograron situar este pobo e esta parroquia como unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia”.

O programa da 40 Festa da Filloa dará comezo ás 11:00 horas do 26 de febreiro coa actuación de grupos musicais e a tradicional parranda de entroido. Ás 12:00 horas terá lugar o Desfile dos Xenerais da Ulla ata o campo da Festa darán, onde darán paso ao pregón e entrega de distincións. Ás 13:45 horas será o momento do Gran Alto dos Xenerais da Ulla que, mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade. O acto será presentado pola actriz María Mera.

A Festa recupera a normalidade en canto á degustación das filloas, polo que ao mediodía haberá unha degustación gratuíta no campo da feira. E, ao longo de todo o día, as persoas que se acheguen por Lestedo poderán mercar e degustar todo tipo de elaboracións: filloas doces, á pedra, recheas, salgadas, as da máquina filloeira…

A música de Luz do Ilicino e do Grupo Ibiza porá o broche final a unha intensa mañá de actividades. Pola tarde, o grupo Coleguitas e a orquestra París de Noia protagonizarán a verbena a partir das 18:00 horas.

Programación paralela 

Unha das novidades desta edición é a “Festa da Filloíña”, “na que os protagonistas sexan os nenos e nenas que empezan a coller o relevo en Lestedo porque, para nós, é un orgullo ver como estas tradicións pasan dunha xeración a outra”, apunto Manuel Fernández Munín. A “Festa da Filloíña” dará comezo ás 17:30 horas do sábado 18 de febreiro no campo da feira de Lestedo coa actuación de grupos musicais (Lucerniñas, Luceiro e Luarada da Asociación Cultural Meste Manuel Gacio, As Travesas de Codeso e Os Campiños de Sarandón), que darán paso ao pregón infantil.

Ás 18:30 horas terán lugar os Atranques de Xenerais e Xeneraliños, que rematarán cunha degustación gratuíta de filloas e un concurso de disfraces, culminado cunha festa infantil. Xa pola noite, quenda dos pais e nais co “Entroido da Filloa”, cun concurso de disfraces e unha verbena coas orquestras Finisterre e o grupo Origen.

Finalmente, nos días previos á gran festa terá lugar o showcooking “Lestedo sen gluten”. O venres 24 de febreiro presentaranse distintas elaboracións aptas para estas persoas. Unha iniciativa organizada en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia. E o sábado 25 de febreiro, ás 18:00 horas, novo evento gastronómico, denominado “Terra e mar” no que un prestixioso chef elaborará receitas de filloas con diferentes recheos, doces e salgados, incorporando unicamente produtos locais e de temporada. A xornada rematará con música, coa primeira edición do “Filloa Folk” que este ano reunirá no campo da feira de Lestedo aos grupos Raeira e Raiola (Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio), Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e a Requinta da Laxeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.