fbpx
CompostelaNovas

Xornadas gastronómicas de cabra en 16 restaurantes da cidade para celebrar a Festa do Banquete

O alcalde, a presidenta da Asociación Hostelería Compostela e a concelleira de Turismo, Marta Lois. Foto: Concello de Santiago
O alcalde, a presidenta da Asociación Hostelería Compostela e a concelleira de Turismo, Marta Lois. Foto: Concello de Santiago

A  Nave 5 da Praza de Abastos acolleu esta mañá a primeira xornada gastronómica de degustación de cabra das tres que se van celebrar na nosa cidade ao abeiro da Festa do Banquete. A iniciativa, posta en marcha polo Concello e a Asociación Hostalería Compostela, foi presentada esta mañá polo alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e a presidenta da Asociación, Sara Santos. Ao acto, no que o restaurante Amoado serviu a cabra, tamén asistiron, entre outros, o candidato á alcaldía do PP, Agustín Hernández, e a candidata do BNG, Goretti Sanmartín.

A listaxe de restaurantes participantes son a Pulpería Fuentes, Paz Nogueira, Los Caracoles, O Muiñeiro, A Nave de Vidán, Don Quijote, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, San Jaime, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas. Estes restaurantes, que se atopan por todo Santiago, prepararán pratos ou tapas especiais con cabra os días 2, 3, 4 e 5 de maio. O obxectivo desta acción, que se leva a cabo por segundo ano, é poñer en valor este produto, que se degustou aquel 2 de marzo de 1856 e forma parte da gastronomía dos barrios do sur de Compostela.

A iniciativa complétase con varias xornadas gastronómicas de degustación de cabra, tras a celebrada hoxe na Nave 5 da Praza de Abastos. A seguinte será na Bodeguilla de Santa Marta o venres 26 de abril pola tarde, e a última terá lugar o venres 3 de maio ao mediodía no mercado La Galiciana.

Por outro lado, a sede da Asociación acollerá a segunda edición do curso de ‘Elaboración de receitas de cabra’, que xa se celebrara na primeira edición da Festa do Banquete o ano pasado. O curso será impartido desta vez polo profesor David Rodríguez Cebeiro e terá lugar os días 24, 25, 26, 29 e 30 de abril.

Ademais a Asociación Hostalería Compostela organiza un xantar popular o domingo 5 na carballeira de Conxo. En total, espéranse repartir máis de 800 degustacións de diferentes elaboracións de cabra como producto tradicional e diferenciado non só de Conxo senón de diferentes barrios da cidade. Neste xantar, ademais de cabra tamén se servirá outras elaboracións como polbo, churrasco, empanadas, polo…  Tamén estarán dispoñibles diferentes tipos de bebidas.