fbpx
CompostelaNovas

Xeados tamén con choiva en Compostela con Xearte Brigitte

Como é posible que os xeados triunfen en Santiago todo o ano pese a choiva e o mal tempo? Brígida Hermida, da xeadería compostelá afincada na Rúa de San Pedro Xearte Brigitte, ten claro que ten moito que ver coa calidade do produto que ofrecen.

Así o defendeu en Intersicop, a feira de panadería, pastelería e xeadería máis importante do país, que este ano acolleu o Campionato de España de Xeadería. Neste marco, e dentro dos Seminarios de Grandes Pasteleiros e Xeadeiros, a xeadeira impartiu o relatorio ‘Xeados baixo a choiva’, na que explicou cal é o éxito de Xearte Brigitte para lograr sobrevivir nunha cidade como Santiago, cun alto índice de pluviometría e unhas temperaturas non demasiado altas durante boa parte do ano. Para Brígida Hermida, boa parte do éxito radica en “a confianza que se lle dá aos clientes pola calidade e orixe do noso produto e a forma artesanal de traballalo” pero tamén na integración do establecemento na vida diaria de San Pedro. “Ao final, somos a xeadería do barrio e gústanos implicarnos nas actividades que aquí se realizan”, detalla.

Ademais, a xeadeira insiste na importancia de innovar e apostar por novos sabores da man de pequenos produtores artesáns galegos. “Estamos continuamente sacando cousas novas. De feito, a vitrina da xeadería ten 24 sabores, pero nunca están os mesmos 24. Cada semana cambiamos tres ou catro sabores, dependendo da época do ano”, detalla.

Esta era a primeira vez que Hermida Ferro participaba neste foro, ao que foi convocada tras realizar o ‘Máster de Experto Heladero’ e gañar o premio de revista ‘Arte Heladero’ ao mellor traballo de investigación por un estudo sobre a influencia do leite na calidade final do xeado. “Nesta feira valoran, sobre todo, que fagas cousas que estean relacionadas coa cidade onde vives e co produto artesán. É dicir, recoñécese a quen traballa o xeado artesanalmente, sen empregar ningún tipo de produto preparado, e quen é capaz de adaptar a formulación do xeado á súa zona de influencia”, explica a xeadeira. Brígida Hermida foi a única muller entre os 14 relatores deste importante foro de alcance nacional.