fbpx
CompostelaEntrevistasTurismo

Xardín do Hotel Costa Vella, un ‘bosque’ en plena Cidade Histórica onde perderse este verán

O xardín do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro.
O xardín do Hotel Costa Vella. Foto: Iván Barreiro.

Sen dúbida, unha das mañás ou tardes do verán en Compostela hai que dedicala a deixar pasar o tempo no xardín do Hotel Costa Vella. Trátase dun dos lugares máis fermosos da cidade, protagonista de todas as listas nacionais de ‘Sitios que tes que ver en Santiago’. José Antonio Liñares, o seu responsable, é moi consciente diso. Preguntámoslle cal é a clave do éxito deste lugar: “É un espazo singular, situado na parte alta da cidade, nunha localización alternativa lonxe do rebumbio turístico”, dinos. O seu atractivo portalón de entrada, directamente comunicado coa rúa, asemella o acceso ao xardín do Edén. "Hai moitas casas polos Loureiros que teñen xardíns estupendos pero non está comunicados coa rúa directamente. Tes que pasar a través dun espazo que lles resta visibilidade", comenta.

Outro motivo de éxito é o feito de que estea pechado pola muralla da Cidade Medieval. "Creo que é moi importante que desde calquera punto do xardín, non percibes feísmo. É dicir, non hai fachadas traseiras con roupa colgando, obras mal feitas... O único que ves é o convento de San Francisco, o monasterio de San Martín Pinario, a nosa fachada traseira que é toda de madeira, muros, pedras, plantas...".

Durante un tempo, despois da súa apertura,  o espazo estaba moi coidado; con zonas delimitadas, tipo xardín inglés, o céspede ben curto... Todo moi limpo.  "Pero vimos que á xente gustáballe máis cando o deixabamos máis silvestre. Creo que é polo contraste que xera co entorno urbano. Cruzas a nosa porta e estás coma nun bosque. E tamén o coidamos no sentido de que non o saturamos. Poderiamos poñer tres veces máis mesas sen ningún problema. Non o facemos porque cremos que forma parte do atractivo e así aporta un valor non só aos nosos clientes senón que, polo que nos din os nosos veciños, aportamos un valor ao barrio. Aquí onde antes había unha casa abandonada, ábrese un espazo de uso común", sinala Liñares. Por iso non teñen prezos moi elevados propios das cidades turísticas, senón prezos locais aos que pode acceder todo o mundo.

José Antonio Liñares. Foto: Iván Barreiro.
José Antonio Liñares. Foto: Iván Barreiro.

Aproveitando o día

Pero que tipo de xente podemos atopar no Costa Vella? De todo un pouco! "Por un lado temos moita xente do barrio, afortunadamente. E temos moitos turistas, e moitos deles, estranxeiros. Nórdicos, ingleses, alemáns, franceses, italianos, norteamericanos, alemáns, canadienses e australianos. Pertencen a un perfil de viaxeiro independente, porque nós non traballamos con plataformas de reservas. Non estamos nas grandes canles de venda. Entón por que nos atopan? Polas nosas singularidades", comenta o hostaleiro.

O xardín empeza a encherse cando os días comezan a ser un pouco máis longos. Entre xuño e setembro é cando a afluencia é maior. "Agosto é un mes dun turismo moito máis nacional e familiar", apunta José Antonio. "Polas mañás a xente vén a almorzar. Tamén veñen moitos traballadores á hora do seu o seu coffie break ou a gozar do brunch, que está moi de moda. E a media tarde, é unha terraza que se presta bastante para as familias, porque poden deixar aos nenos correr con tranquilidade por aquí. Xa a última hora da tarde, sobre todo se é fin de semana, é un xardín máis de relax, con xente que vén tomar unha cervexa, unha copa, a compartir o momento cos amigos nun entorno singular. O feito de estar baixo as árbores, con tempo primaveral, e o son da auga é moi agradable".

Para almorzar no Costa Vella podemos pedir unhas deliciosas tostas de pan tradicional galego, tostado a lume e combinado con tomate, aceite de oliva e o toque galego de queixo de tetilla. Produtos naturais, xamón e tortas como a carrot cake, mazá ou chocolate belga completan a oferta. "A cociña é moi pequena e non podemos facer todo o que nos gustaría. Pero seguimos a filosofía do local. É dicir, dentro das nosas limitacións tratamos de ter o máis natural e san posible", comenta Liñares.

Se a mañá no Costa Vella se alonga, a hora do vermú poderá chegar con música en directo, como a do ciclo TerraZeando. "Sempre que as normas o permitan, apostaramos por eventos deste tipo. E non é por unha cuestión económica. Coa música ao aire libre na terraza non gañamos cartos. Ao contrario, perdemos. Pero nos gusta porque vemos a satisfacción que causa. A xente goza moito e non facemos dano a ninguén. Porque ninguén nos reprochou nunca absolutamente nada. Así que seguiremos facéndoo na medida en que nolo permitan", afirma José Antonio.

Ah, e se nos dá a noite, non vos perdades o atardecer desde o alto da escalinata á beira do hotel. Poderemos ver como se esconde o sol tras as torres da igrexa de San Francisco. Un dos atardeceres máis espectaculares da cidade.

 

Foto: Iván Barreiro