Xaquín López ‘Xocas’, xerente do Auditorio de Galicia: “Poucas cidades hai coa diversidade cultural que temos en Santiago”

Por Rebeca Munín

O xerente no interior do Auditorio. Foto: Iván Barreiro

O xerente no interior do Auditorio. Foto: Iván Barreiro

Leva un ano á fronte do Auditorio de Galicia e, por tanto, ocupándose tamén de gran parte da programación cultural que se organiza na cidade. Xaquín López ‘Xocas’ non é alleo ao sector. Aínda que non lle gusta definirse como músico, foi batería dunha das bandas compostelás máis aplaudidas de mediados dos 2000, The Homens. Como xestor, ten unha longa traxectoria na dirección de proxectos culturais en lugares como o Teatro Jofre de Ferrol. Agora que estamos arrancando co ‘novo curso’, falamos con el do momento que atravesa Compostela a nivel cultural. Facémolo no Lasso, a cafetería e restaurante que recuperou o ente o pasado novembro despois de tres anos de baleiro.

Que balance fas deste primeiro ano como xerente do Auditorio?

O balance é positivo pero cauto. Queda moito por facer. Dentro do aspecto positivo, destaco o poderme incorporar a un grande equipo de mulleres profesionais que traballan no Auditorio. Estou aprendendo moito delas. A primeira fase foi de análise e diagnose e agora estamos intentando ir poñer en funcionamento as conclusións pouco a pouco. Que acontece? Que nas Administracións Públicas e nas entidades culturais rexidas a través do funcionamento administrativo público os cambios son moi lentos. E ademais iso vese acrecentado cun recorte orzamentario que é xeral para a cultura.

Na túa presentación como xerente, falaches de establecer pontes de diálogo con outros axentes culturais, tanto públicos como privados. De feito, o Auditorio xa acolleu varios ‘Encontros Abertos co Sector Cultural’. De que serviron estas reunións?

O noso diálogo co sector é constante. Pero non temos unha capacidade lexislativa como para poder organizalo no seu conxunto. Iso non quita que nós temos unha responsabilidade como capital do país, como unha cidade eminentemente cultural, e que poidamos entón orientar conxuntamente co sector algúns tipos de accións que poidamos facer. Todo este tipo de encontros favorecen a iso pero tamén é certo que nun futuro temos que tender a máis. No sentido de construción de ferramentas de planificación da acción cultural conxunta, plans estratéxicos… Digamos que o modelo de políticas culturais que se implantou, e ademais coa crise que houbo, necesita dunha reflexión profunda e consensuada.

Outro dos obxectivos foi o de non apostar por grandes nomes, senón tratar de achegar máis a cultura a toda a xente. Sen embargo, moitos cidadáns botan de menos máis deses grandes nomes. Un exemplo, foi o éxito do festival O Son do Camiño.

É que o investimento que fai a Xunta de Galicia para o festival de O Son do Camiño é maior que o orzamento anual que temos nós. Ou sexa, non temos a capacidade financieira para desenvolver programacións de certos artistas que teñen un caché demasiado elevado. Iso é unha realidade. Outra cuestión é que tipo de programación se debe formular desde unha institución pública. Debe unha institución pública entrar a competir con outros axentes privados que poidan desenvolver esas programacións autónomamente? Que sentido ten que ter a programación? Ten que ser dirixida a ampliar o capital cultural dos cidadáns? Ou ten que buscar encher escenarios? Sempre nos movemos nesa balanza. Eu penso que non debemos perder a perspectiva de servizo público e tampouco debemos caer en programacións que poidan ser demasiado elitistas.

Estamos rematando o verán, iniciamos ‘novo curso’ cultural. Que nos agarda? Hai algunha sorpresa na programación?

As liñas de programación que están moi asentadas hainas que manter, evidentemente. Abrir novas liñas supón, por cuestións orzamentarias, deixar de facer parte desas cuestións asentadas. Outra cousa é que se lle dea outra orientación ou dentro dos grandes programas se intenten facer pequenas incursións. Programas novos é moi difícil que aparezan. Si que temos pensadas cousas para o futuro porque a diagnose que fixemos indicou esa necesidade. E tamén é verdade que este primeiro ano supuxo un grande esforzo de modernización e de reorientación da estrutura interna. Temos un portal novo para a venda de entradas que virá asociado cun cambio na estratexia de comunicación, na que primaremos a comunicación directa cos públicos.

A túa faceta como músico de que maneira axuda nun cargo como o de xerente do Auditorio?

É que eu realmente non son músico (Sorrí). O meu paso pola música foi máis como unha actividade de lecer, algo que facía porque me gustaba, e co que tivemos a sorte de ter certa repercusión. Pero como outros que xogaban unha pachanga ao fútbol, nós dedicábamos a tocar. Non tiñamos unha vontade profesional. Si que estar aí permite que coñezas a moita xente do sector, que teñas certa sensibilidade… e iso é importante pero tampouco penso que tanto para exercer un posto como o meu.

Pero é certo que The Homens podería facer un novo concerto ou publicar un novo disco?

(Sorrí) Nunca se sabe.

Botas de menos esa época?

Si, claro que a boto, pero hai que mirar cara o futuro. Agora non o fago porque non teño tempo. Pero as portas sempre están abertas.

Falando de músicos, entre os artistas composteláns hai moita preocupación pola nova Lei de Espectáculos de Galicia e se van poder seguir actuando en directo nos locais da cidade…

Que exista unha lei véxoo como positivo pero as leis se teñen que adaptar ás realidades existentes. Sobre todo na actualización do catálogo daquelas actividades que se poden realizar dentro dos espazos. Por unha cuestión cultural e de riqueza e atractivo económico e turístico, as actuacións en directo son unha potencia. Son imprescindibles na vida dunha cidade como Compostela.

Porque a día de hoxe, como definirías a Santiago desde o punto de vista cultural?

É complicado. A xente da miña xeración tende a pensar que a cidade está nun declive cultural. Por exemplo, se ves as grandes programacións que houbo nos anos 93 (Ano Santo), 2000 (cando Compostela foi Capital Cultural Europea)… Pero por outra banda, se polo volume de habitantes con outras cidades similares do Estado comparas a diversidade cultural que temos… poucas hai como Santiago. Tendemos a ter sempre unha visión demasiado pesimista. Pero mira a programación que hai nunha fin de semana. Hai un grande abano de posibilidades. E ademais ninguén pode dicir que non poida ir ao 80 por cento dos espectáculos. É moi accesible.

O brazo executor da programación cultural

O cargo de Xocas no Auditorio de Galicia vai moito máis aló de dirixir este organismo. Aparte do espazo físico, é un ente autónomo dependente da Administración Local de Santiago que ten a encomenda de xestión da actividade cultural que fai a Concellaría de Acción Cultural. “Realmente nós somos o brazo executor das grandes liñas de programación”, explica o xerente. Iso inclúe a xestión dos grandes festivais de cinema como Cineuropa, que se celebra no mes de novembro, e que “consomen sobre o cincuenta por cento do orzamento que temos no Auditorio para actividades”, apunta Xaquín.

Os espectáculos de abono, os concertos en familia, os concertos didácticos en colaboración cos centros educativos e un calendario de exposicións centran a programación estable da entidade. É tamén a sede permanente da Real Filharmonía de Galicia, organiza o Premio Auditorio de Galicia para novos artistas e aluga as súas salas para acoller multitude de actividades culturais.

O edificio do Auditorio – obra dos arquitectos Julio Cano Lasso e Diego Cano Pintos - cumprirá 30 anos no 2019. Aínda que todavía non está definido como, haberá algunha actividade para celebralo.