fbpx
CulturaDe librosNovas

Xacobe Pato: “A felicidade é un concepto demasiado pesado”

Xacobe Pato, co seu libro en A Maceta.

Xacobe Pato (Ourense, 1987) é un perfecto representante de escritor Millenial. Nado á calor das redes sociais, comezou co seu Diario en Instagram no que cada domingo narraba o seu periplo semanal, ata chegar a congregar a máis de 20.000 seguidores que lían con avidez as súas aventuras por bares, festivais e detrás do mostrador de Cronopios, nunha divertida mestura das “mal chamadas” alta e baixa cultura. Foi entón cando chamou a atención de Espasa e o Diario dixital converteuse no libro ‘Seré feliz mañana’. Falamos con Xacobe no restaurante compostelán A Maceta, un dos escenarios do libro.

Que aprendiches da túa experiencia como libreiro?

Primeiro aprendín a desmitificar as profesións que teño mitificadas porque sempre que falaba con alguén que entraba na libraría me dicía que o seu soño era traballar nunha. É verdade que ten unha parte moi bonita que é conversar sobre libros coa xente, pero ten outra parte máis gris, pero no cómputo xeral é unha profesión bonita.

Como é verse agora ao outro lado, facendo entrevistas como escritor?

Foi un proceso moi divertido porque seguía traballando como libreiro cando publiquei o libro. Entón seguía na vertente de libreiro que vai a presentación, e por outra parte estaba facendo a miña propia xira. Tamén era interesante ter o meu propio libro na miña libraría. Podía ver como a xente que non me coñecía miraba o libro, botáballe un ollo e como o deixaban enriba da mesa, que era unha especie de rexeitamento en directo. Pensaba: “Espero que non comenten nada”.

A felicidade é un obxectivo difícil de alcanzar?

Si, de feito o título está inspirado nunha canción de Carolina Durante chamada ‘Necromántico’, concretamente nun verso que di “Seré feliz outro día”. Para min a felicidade é un concepto demasiado pesado. Estás un día en casa e pregúntaste se es feliz… Creo que esas preguntas son máis prexudiciais que outra cousa. Por iso o xogo de palabras de “Seré feliz mañana”. Hoxe de momento imos pasalo ben, imos gozar de praceres máis mundanos, non obsesionarse coa felicidade, tela sempre preto, coma un animal salvaxe.

Gústame máis a previa das cousas boas que están por chegar; a filosofía de desfrutar do camiño.

Como se che ocorreu a idea de diario para Instagram?

Tiña a convicción de ser un escritor sen escribir. Sabía que me gustaba escribir, pero non tiña unha rutina de escrita.  Entón moitos colegas escritores sempre me animaban. Dicíanme que había que escribir porque a escribir apréndese escribindo. Fixeime unha especie de deberes facendo un Diario, publicando semanalmente, obrigándome a sentarme un ou dous días por semana. Logo engancheime totalmente ao proceso porque xa non é momento de sentarse a escribir, senón a maneira de sentarse a escribir, estaba moito máis atento a todo o que me rodeaba para que me servise como material para o Diario.

Contas todo ou ‘ficcionas’ a realidade?

En todo o que escribo hai unha base de realidade, pero unha vez que escribo gústame “disparatar”, que a narración flúa. Por exemplo, se o meu personaxe vai do punto A ao punto B, gústame que lle pase algo polo camiño para que poidamos todos rir un pouco.

Ruth Ríos e Xacobe Pato.

Como se forxou que acabara sendo libro para Espasa?

Creo que todos os que escribimos en Internet temos un anhelo non confesado de acabar publicando en papel, polo menos a xente da miña xeración. O proceso foi moi natural.

Empecei a publicar en Internet para ter lectores e obter un feedback. Unha vez que conseguín iso, chamei a atención dunha editora de Espasa, Belén Bermejo, que xa nos coñecíamos por redes sociais, e ofreceume trasladar o que facía en Instagram a un libro.

Cres que a xente necesita consumir contidos curtos? Como anacos de vida, de aí o éxito do diario en Instagram.

Si, tamén hai unha tendencia nos medios a facer textos curtos. É unha forma de que os escritores poñamos as pilas para facer textos atractivos desde o principio para que o lector non escape. En Internet hai moita tendencia a ter moitas ventás abertas e é fácil que o lector fuxa.

O Diario é un retrato da Xeración Millenial. Que é o peor e o mellor desta Xeración?

Cóstame pensalo. Creo que cousas boas que temos é que sabemos buscarnos a vida pola nosa conta e ao mesmo tempo iso é negativo porque somos individualistas.

Reivindicas o trap fronte ao que se chama a “alta cultura”… Cres que se pode combinar a C.Tangana co último premio Nobel?

É un trazo definitorio deste libro ese diálogo entre as mal chamadas alta e baixa cultura. A min saíume de forma moi natural e vino sobre todo cos comentarios da xente. Nas miñas conversas con amigos sempre están mesturadas ambas vertentes. Podemos estar falando dun libro moi sisudo e acto seguido dun programa de Telecinco. Trasladei isto de forma inconsciente.

Tamén desmitificas o feito de que os autores queiran vender os seus libros mediante o marketing, fronte ao hermetismo que ás veces se asocia tamén á alta cultura.

Ás veces vexo desde certos ámbitos literarios o mirar por enriba do ombreiro aos demais polo feito do camiño que segue cada un. Por exemplo, parece que polo feito de vir de redes sociais  hai que pedir perdón, como os cantantes que saen de Operación Triunfo.

Parece que os que están un pouco antes miran con sospeita aos que veñen despois. Intentarei non xulgar aos que veñen detrás polo camiño que fixeron.

Que supuxeron as redes sociais para a escrita?

Poden ser moi positivas ou moi negativas segundo como as uses. Incluso poden ser positivas e negativas ao mesmo tempo. Eu que escribo en redes vexo os perigos que teñen, por exemplo intentar compracer sempre a un público porque non é mesmo publicar un libro en soidade -que tarda mais en chegar aos lectores- que un texto en redes cuxas reaccións son inmediatas. Ademais, as redes son un escaparate no que non dependes de ninguén e non hai ningún tipo de filtro, o cal paréceme moi atractivo.

O Diario é tamén un percorrido polos bares composteláns. A noite trae historias que contar?

Si, e agora os días. O libro comprende a época pre-pandémica de 2018-2019 e hai moita noite. Agora non hai tanta, pero creo que polo día tamén se poden encontrar boas historias de bares, restaurantes e sobremesas, que é algo que estou descubrindo. A vida de bares e terrazas é do que mais desfruto.

Co confinamento paseino mal como escritor porque faltábame vida cos demais. Os que somos mais de portas para afora, de observación, pasámolo mal.

Cal é o teu próximo proxecto?

Gustaríame seguir co Diario, aínda que perdín a constancia e ademais agora penso moito sobre o que escribo da xente, o que provoca que escriba con menos liberdade. Por outro lado, o corpo pídeme outro tipo de historia de ficción, como unha novela.