fbpx

Xabier Liz: «Fetiches pode provocar sensacións positivas ou negativas»

Por Rebeca Munín

Xabier Liz.
Xabier Liz.

O 23 de marzo inaugurarase en Os Catro Gatos a exposición ‘Fetiches’, do artista compostelán, actualmente afincado en Asturias, Xabier Liz. Trátase dunha colección de obras nas que se analiza a influenza da arte africana na pintura contemporánea e o elemento máxico-matérico a través de cadros cheos de significado e materiais próximos á natureza.

Ademais poderemos ver una serie dos que o autor denomina “papelines”, en honor a Leopoldo Nóvoa e tamén dúas esculturas inéditas, nas que fai una lectura moi personal dos obxectos fetiche tradicionais.

Liz leva una intensa actividade expositiva nos últimos tempos, pasando por galerías como Octógono en Avilés, e participando tamén en diferentes colectivas dentro de Asturias. Esta será a segunda vez que expón individualmente en Compostela, onde xa o fixera hay máis de dúas décadas. Con anterioridade publicou distintas novelas na editorial Baía Edicións.

Traes a Os Catro Gatos unha exposición na que a cinsa, o metal, a madeira ou ou pedra pómez crean texturas e paisaxes nos teus cadros. Por que utilizas estes materiais? 

Empecei a investigar estes elementos desde o principio da miña obra. Unha das influenzas máis importantes sempre foi o tribalismo da arte africana. Non só pola estética, senón por todo o significado vital que ten nas culturas onde se vai desenvolvendo. E porque son un xeito de expresar elementos non visibles de diferentes comunidades humanas. É moi interesante recollelos e amplificalos ou reducilos segundo as necesidades, nun contexto completamente alleo ao que o xerou nun inicio.

Como é o proceso desde que tes a idea ata que rematas o cadro?

É un proceso longo porque o tipo de material que emprego eu non é un material pictórico tradicional. É unha fase constructiva que ten moitas veces moito de laboratorio, de investigación… Tamén unha construción volumétrica en plano do que é a estructura do cadro, dos tambores internos, e unha vez que se está elaborando esa construción en tres dimensións, empézase a recrear por capas o resto do traballo.

E todo ese proceso podemos seguilo moitas veces a través da túa conta en Instragram. Por que decides mostralo?

Eu penso que resulta moi interesante non só amosar o produto final, senón a construción dese produto e ver o proceso como unha carga de decisións. Volvendo ao tema da arte africana, cada punta, cada peza de metal ou madeira que se incorpora ao fetiche, non é arbitrario. Na miña obra non hai nada arbitrario tampouco.

En Os Catro  Gatos veremos tamén ‘papelines’ en honor ao teu mestre Leopoldo Nóvoa. É o teu grande referente? Como chegas a el?

Sen dúbida, ningunha. É o meu mestre en moitos sentidos. Leopoldo influíu e vertebrou en grande maneira o meu xeito de interpretar a miña propia obra. Aínda que evidentemente cada un vai aportanto a súa propia natureza.

Cheguei a el a través dun amigo que nos presentou hai moitos anos. Despois viñeron unha serie de afinidades entre os dous, no que é unha visión descritiva e o proceso matérico en si, que aos dous nos apaixona. Pouco a pouco vaise trabando unha amizade e compartindo os universos que cada un ía expoñendo na súa obra.

Un dos cadros de Liz.
Un dos cadros de Liz.

Escritor, fotógrafo, pintor… a túa relación coas artes vén de lonxe e en diferentes disciplinas. Pero nesta etapa da túa vida, estás enfocándote moito na túa faceta como pintor. Por que?

Ás veces escoller o que a un lle apetece é compricado cando che apetecen moitas cousas distintas. Pero nestes momentos é a pintura o que me serve como vehículo de expresión. Agora o cen por cen do tempo que dedico á creación está centrado nela. Aínda que as miñas obras moitas veces teñen máis de escultura que de pintura porque utilizo sempre as tres dimensións, e non dúas como é habitual nos cadros.

Desde que retomaches o contacto co munda da arte, fixeches unhas once exposicións – entre individuais e colectivas – en dous anos. Todas elas, en Asturias, onde vives actualmente. Que supón para ti amosar o teu traballo na túa cidade, en Compostela? 

É moi gratificante poder traer a obra que máis me representa, que é a que estou facendo desde a última década. E  poder amosar o resultado de tanto tempo de traballo interno e pechado, que a obra gañe en visibilidade e, polo tanto, cumpra máis a súa función.

E que queres amosar coa túa obra? Podemos ver nela a túa esencia, a túa alma?

Eu penso que máis que amosala é máis unha maneira de interpretar o enredo do mundo. É un xeito de transmitir un concepto da realidade, visionado polos meus sentidos e interpretado por min. É un xeito de escritura, realmente. É un tipo de literatura visual que se desenvolve en tres dimesións e que se produce utilizando uns medios que son moi específicos pero moi próximos ao ollo que ve a obra. Son materiais que nos recordan sensacións: a madeira, un metal oxidado, unha corda, a base da miña obra que é a cinsa e a pedra pómez… Son materiais moi sensoriais, moi directos. E todo iso é un tipo de abecedario visual que o que transmite é unha idea dunha visión do momento que estamos vivindo. Este momento canibalístico da nosa propia sociedade. E o meu xeito de comunicalo é ese.

Gústache ver como percibe o público esa obra?

Por unha banda, cando estou no estudo non penso no público. Non é unha obra de encargo. É unha obra de libre albedrío. Penso no que quero comunicar. Despois resulta moi interesante ver a reacción que ten o espectador cando se apropia da obra.

Unha vez que a obra sae do estudo e aparece colgada nunha sala, nun museo, é como se se soltara a identidade que vén conmigo e empeza unha nova etapa na recreación de cada persoa que a ve e a apropiación que se fai do significado que pode encontrar. Non ten por que ter un significado concreto. Pode ser unha sensación, tanto positiva como negativa. Sobre todo porque non son obras doadas de ver. Non se busca un concepto tradicional de beleza.

De cara a próximos proxectos, vai seguir a túa obra esta mesma liña ou queres explorar outros mundos?

Aínda que certos xeitos de interpretar continúan, sempre se está producindo unha evolución. Estou preparando de cara a un ano, ano e medio vista, unha mostra na que, aínda que hai elementos de fetiches nela, as obras están baseadas nun campo completamente diferente.

Ademais, parte da diversión é investigar cousas novas e probar novas maneiras na creación matérica.