Xa se poden presentar candidaturas para os V Premios Martín Códax da Música

O director da Agadic, Jacobo Sutil, María Garrido, de Martín Códax; Ramón Bermejo, de Músicos ao Vivo; e Mr Cool, na libraría do Cinema Númax. Foto: Xoán Crespo

O director da Agadic, Jacobo Sutil, María Garrido, de Martín Códax; Ramón Bermejo, de Músicos ao Vivo; e Mr Cool, na libraría do Cinema Númax. Foto: Xoán Crespo

Os Premios Martín Códax da Música acaban de abrir o prazo da inscrición de candidaturas para a súa quinta edición, organizada de novo por Músicos ao Vivo, co patrocinio de Martin Códax, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Consellería de Cultura e Educación, a Deputación e o Concello de Pontevedra. A entrega destes galardóns será o 9 de maio, no  Pazo da Cultura de dita cidade.

A compostelá libraría Numax acolleu esta mañá a presentación desta nova convocatoria de Premios, á que asistiron o director da Agadic, Jacobo Sutil; Ramón Bermejo, voceiro de Músicos ao Vivo; María Garrido, directora de Márketing de Bodegas Martín Códax; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra. Contouse, ademais, coa achega musical de Mr Cool (Ramón Orencio) á guitarra.

Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou que a Xunta aposta por estes premios desde o seu nacemento en 2013, xa que comparte con eles o “obxectivo de dotar dunha maior visibilidade e dunha maior proxección pública á música galega e aos seus intérpretes”. Valorou, así mesmo, que a recente constitución de Músicos ao Vivo en cooperativa reforce a organización dos Martín Códax “desde un punto de vista cada vez máis profesionalizado”.

Calendario de votacións e eventos

No acto desta mañá fíxose público o calendario da quinta edición dos premios, que manteñen o sistema de votacións iniciado o ano pasado. A través del, un xurado profesional será o encargado de elixir os premiados entre as candidaturas máis votadas nunha primeira fase polos socios de Músicos ao Vivo. Este tribunal estará integrado por sete profesionais do sector, entre os que haberá un xornalista, un representante das salas de música ao vivo, outro da industria musical, un do ámbito formativo e tres músicos.

No web www.premiosmartincodaxdamusica.com permanecerá operativa ata o 18 de marzo a presentación de proxectos candidatos a cada unha das modalidades a concurso, que este ano pasan de 16 a 15 no caso das categorías musicais, ao unírense as de folk e tradicional, e manteñen as tres Organistrum para salas, festivais e espazos de comunicación. A continuación, abrirase ata o 8 de abril a primeira rolda de votacións na que os socios de Músicos ao Vivo decidirán os tres finalistas en cada apartado, que se darán a coñecer o 18 de abril na xa tradicional Festa de Nomeados que terá lugar nas Bodegas Martín Códax de Cambados.

Por último, o xurado profesional decidirá quen dos finalistas recibirá os ‘Melómanos’, as estatuíñas de madeira creadas polo escultor Víctor Lorenzo como figuras oficiais dos Martín Códax. En total, entregaranse 57 premios a proxectos musicais galegos no transcurso da gala do 9 de maio.